DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores arrancaron en Ourense os actos de benvida que se celebran nos tres campus

A Universidade de Vigo abre as súas portas ao novo alumnado

O luns iniciarase oficialmente o curso 2025/2026

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Institucional
DUVI Ourense 03/09/2025

Con moitas ganas, moitas expectativas e algo de nervios, este mércores o alumnado que comeza a súa vida universitaria no campus de Ourense achegouse á xornada de benvida organizada para elas e eles. O curso académico 2025/2026 arranca oficialmente este luns día 8 e a Universidade de Vigo recibe estes días ao alumnado de novo ingreso en cada un dos seus campus cunha xornada de acollida informativa e lúdica na que o estudantado pode coñecer os servizos e instalacións que teñen á súa disposición. Coa matrícula aínda aberta, a UVigo dá a benvida a un novo curso académico coa previsión de revalidar as súas elevadas taxas de ocupación, superiores ao 100% en todos os seus campus nos últimos anos.

Na xornada de benvida celebrada de 10.00 a 13.00 horas no pavillón de deportes do campus de Ourense, mozas e mozos puideron obter información sobre a institución académica, sobre os seus dereitos e deberes, sobre os servizos informáticos, o transporte e o aloxamento, o voluntariado e o asociacionismo, as bolsas e axudas que poden solicitar e a oferta académica complementaria que ofrece o Centro de Posgrao e Formación Permanente e o Centro de Linguas. Tamén puideron coñecer a biblioteca universitaria, os programas de mobilidade, as iniciativas de fomento do emprego e do emprendemento e as actividades de extensión universitaria e de benestar, saúde e deporte. Non faltaron os postos de atención á diversidade, da Unidade de Igualdade e de delegacións e asociacións de estudantes, así como o reparto das axendas para o novo curso elaboradas coa axuda económica do Consello Social da UVigo.

Moitas expectativas e ilusión

Desde primeira hora, o alumnado que comeza a súa vida universitaria en Ourense fixo cola para entrar no pavillón universitario. Así, Natalia Caparrini, vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade da Universidade de Vigo, salientou o “éxito de acollida destas xornadas de benvida, que soen ter unha porcentaxe de participación dun 90% dos estudantes convocados”. Concretamente, en Ourense foron 600 as mozas e mozos que se achegaron a ela ao longo da mañá. Os datos de matrícula “tan bos” acadados ata o momento, comentou a responsable académica, son un aliciente para comezar este curso con especial ilusión. “A xente ten ganas de estudar e de vir estudar á Universidade de Vigo”, dixo. O obxectivo desta xornada, indicou a vicerreitora, é, seguindo a dinámica de anteriores edicións, “que este novo alumnado coñeza de primeira man os servizos e instalacións da UVigo que ten á súa disposición para o desenvolvemento da súa vida universitaria”. Esta benvida conxunta, engadiu, complementa as xornadas de acollida centradas nos aspectos académicos que ten o estudantado nos seus respectivos centros. 

Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, salientou que arranca “un curso con moitas expectativas”. Nun momento no que a poboación de 18 anos empeza a descender, dixo, “nós seguimos subindo en alumnado”. A aquelas e aqueles que aínda están buscando opcións para estudar, o responsable académico animounos a valorar as posibilidades que teñen nos graos do campus nos que aínda quedan algunhas prazas libres, que son os de Turismo, Enxeñaría Agraria, Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Ambientais, pondo en valor os seus datos de empregabilidade. Precisamente, entre as novidades da oferta académica de grao da Universidade de Vigo para este curso 2025/2026 están a posta en marcha dos programa conxuntos, os chamados dobres graos, de Enxeñaría Agraria-Ciencias Ambientais e Enxeñaría Agraria-Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, ademais de Enxeñaría Informática-Intelixencia Artificial. Os datos de matrícula e as valoracións nas enquisas de satisfacción que cada ano conseguen as titulacións do campus de Ourense, apuntou o vicerreitor, “dánnos moitísima foza para seguir traballando e para facer non só que a xente pase pola universidade senón tamén que a universidade pase pola xente”. 

Entre o alumnado que este mércores se achegou á xornada de benvida estaban, procedentes das Illas Canarias, Diana Rodríguez e Alejandra Reyes. A primeira comeza o Grao de Relacións Internacionais “porque gústanme moito os idiomas e tamén coñecer diferentes culturas e integrarme nelas”. Ao non haber esta titulación na súa comunidade autónoma, a xa estudante da UVigo escolleu Ourense como destino, tendo xa unha primeira moi boa impresión deste campus e amosando a súa confianza en que “vai ir todo moi ben”. Pola súa banda, Alejandra Reyes, estréase na UVigo pero no seu caso trasladándose a Ourense por motivos familiares e continuando estudos de Dereito, onde comeza en terceiro curso. Ela afronta esta nova etapa co desexo de “coñecer a xente da zona para poder forzar un vínculo máis estreito de amizades e contactos”. Tamén estiveron na xornada Carla Teixeira e Sabela Reza, que comezan a estudar o Grao de Educación Infantil tras facer un ciclo superior. Carla escolleu “este campus e en concreto esta carreira porque coñezo xente que a estuda e está moi contenta”, apuntando que “teño moitas expectativas para esta nova etapa”, e as dúas amigas comezan con moitas ganas a súa vida universitaria, salientando o desexo de “coñecer xente nova e aprender moito”. 

Benvidas nos campus de Vigo e Pontevedra

Seguindo o mesmo formato e o mesmo horario de 10.00 a 13.00 h, as xornadas de benvida da Universidade de Vigo continúan mañá xoves no campus de Pontevedra, concretamente na Escola de Enxeñaría Forestal, e o venres no campus de Vigo, no pavillón universitario.