DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa finalidade de situar a danza na vida cotiá

A Universidade de Vigo colabora nun proxecto no Centro Coreográfico Galego para difundir a danza

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 28/11/2007

A difusión da danza entre diferentes colectivos e idades é o obxectivo do asesoramento que a Universidade de Vigo presta ao Centro Coreográfico Galego (CCG), dentro das actividades que a institución académica elabora con diferentes empresas. A coordinadora deste proxecto e profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Cristina López, explicou que “trátase de elaborar unidades didácticas e buscar estratexias para colocar a danza dentro da vida cotiá das persoas, ademais de convertela nunha ferramenta formativa cara ao desenrolo integral de cada individuo”.
Este asesoramento por parte da Universidade, fíxose a o longo de tres intensos meses a través da elaboración de temáticas e de unidades didácticas dirixidas a diferentes públicos (escolares, mediadores e profesionais). De cara aos escolares comezouse cunha experiencia piloto nun colexio da Coruña e foi tal o éxito que, desde o CCG, non puideron atender a todas as demandas xeradas. Como explica Cristina López, a encargada do proxecto, “foi unha experiencia moi interesante e positiva, tivemos unha fantástica acollida”.
A danza é como a irmá pequena das artes, a que sempre está á cola, falta moita formación nesta disciplina por parte do profesorado e tamén existen moitos estereotipos ao redor desta disciplina. “Moitos pensan na danza e creen que simplemente é ballet ou alguén cun tutú e están moi equivocados. Con esta actividade pretendemos transmitir á xente que todo o mundo pode bailar, que a danza non é algo exclusivo duns poucos senón que é un tipo de arte que todos deberiamos aproveitar”, engadiu a profesora da Universidade de Vigo.

Un proxecto pedagóxico

Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto pedagóxico que o CCG puxo en marcha en colaboración coa Universidade e que está conformado por unidades didácticas de danza orientadas a escolares, a mediadores culturais (profesores, programadores, animadores ou familias con persoas con necesidades educativas especiais) e a profesionais. O público xeral disporá dun programa formativo propio co obxectivo de situar a danza na súa vida diaria como algo común.
Deste xeito, achegarase a danza aos escolares mediante temáticas que impartirá persoal do CCG sobre música, danza, zanfoña, cantares de cego, ademais dun concerto didáctico para coñecer mellor a música tradicional galega. O programa de formación para mediadores culturais busca pechar o círculo para o desenvolvemento do sector da danza e as artes do movemento en Galicia. Está orientado a todas aquelas persoas que fan de intermediarios entre os artistas e os públicos. Por último, os profesionais galegos da danza poderán asistir aos cursos que impartirán profesionais de recoñecida traxectoria, como Paulo Ribeiro, Christiana Marchant, Ester Carrasco ou Lipi Hernández.
Este programa distribúese por todo o territorio da nosa comunidade, desenrolando na presente temporada un tecido descentralizado de talleres e actividades por toda Galicia. Deste xeito o Centro é un punto de encontro entre artistas e cidadanía e entre arte e educación.

O Centro Coreográfico Galego

O CCG no seo do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais da Consellería de Cultura, é un centro de creación, produción, formación e investigación para o desenvolvemento da danza en Galicia. O CCG é un núcleo de diálogo e de interacción cultural, un espazo no que as principais linguaxes artísticas teñen cabida para enriquecer e favorecer o desenrolo das artes escénicas. O CCG produce cada ano unha peza coreográfica cun profesional convidado, para a temporada 2007/2008 presentarase Kiosco das Almas Perdidas, produción dirixida polo coreógrafo Roberto Oliván. Trátase dunha obra que combina diferentes disciplinas artísticas, fusionadas polo movemento coreográfico, produto da residencia de Oliván en Galicia durante tres meses. Kiosco das Almas Perdidas está coproducido con Laboral Escena e estará en xira entre marzo e xullo de 2008