DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Inicio da liga de rugby

O Universidade de Vigo comeza a tempada co propósito de consolidarse na categoría

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Jorge Fernández DUVI 10/10/2007

“Un fillo que acada a maioría de idade”. Deste xeito cualificou a vicerreitora de Extensión Cultural e Deportes ao Universidade de Vigo Rugby Club. Acompañada polo director xeral e o director deportivo do equipo, así como os patrocinadores Valery Karpin e un representante do grupo Dovhe, María del Carmen Cabeza participou na presentación “dun club que medra e se desenvolve ata tal punto de ser autónomo”. Ao tempo a vicerreitora tamén destacou “o importante papel que xogan as escolas deportivas”, unha iniciativa a través da cal se pretende achegar esta disciplina aos estudantes.
O propósito para a tempada que comeza este sábado é consolidar ao primeiro equipo na división de honra B. Así o indicou Ramón González-Babé, o director deportivo, quen matizou que “se trata dun obxectivo cada ano máis complicado, xa que todos os competidores se reforzan con xogadores internacionais”. “Pretendemos ser un referente en Galicia, e traballando pouco a pouco chegarán aos resultados”. Pola súa banda, o presidente do club anunciou a creación dun curso de perfeccionamento dirixido aos estudantes, que vén a sumarse a ciclo de iniciación que xa comezara o ano pasado. “A escola universitaria tivo unha acollida moi positiva”, afimou Álvaro Martínez – Herrera, quen engadiu que esperan que “este curso tamén crezan as iniciativas dirixidas ás escolas”.

Novo adestrador e cambios na aliñación

Despois de oito anos dirixindo o vestiario do Universidade de Vigo, José Angel Martín, “Trotski”, abandona o club para dar paso a un novo adestrador: Anibal Babini. O técnico arxentino conta co aval de ter traballado no seu país de orixe no Banco Rugby Club dende o ano 92, dun xeito intermitente, acadando diferentes títulos. Anteriormente, Babini xogou durante máis de quince tempadas na primeira categoría en clubs como o Obras Sanitarias de la Nación ou o Teque Rugby Club.
Co propósito de consolidarse na categoría, o Universidade de Vigo contará con seis novos xogadores de distintos niveis ata conformar “un equipo compensado”, sinalaba González Babé. Dous xogadores arxentinos, o primeira liña Rodrigo Gens, procedente do Universidade de Málaga, e o tres cuartos Santiago Boulin, do Marista de Mendoza. Xunto a eles outros dous xogadores que, ao tempo que adestran, estudarán na Universidade: Antonio García-Elorz, internacional sub 19 da selección española, que fará Dereito Económico, e o tres cuartos Jon Iker Arratzua, que será alumno de Enxeñaría de Minas. As novas incorporación complétanse con Pablo Enríquez e Alberto Mera, procedentes do CRAT de A Coruña.
Pola contra, a formación deixará de contar coa participación dos xogadores Ignacio e Alejandro Gutiérrez Müller, que pasaron ás filas do Salvador de Valladolid, e Gonzalo Fernández, que retornou aos Ingleses de Vilagarcía.

Información sobre o equipo