DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A visita de máis de 300 escolares de Baiona, Nigrán e Gondomar deu inicio á xornada

A Universidade de Vigo converte a comarca do Val Miñor no epicentro da divulgación científica

Durante a tarde abre as súas portas para o público xeral e con actividades para adultos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Estudantado
  • Feiras e exposicións
  • Institucional
DUVI 29/05/2026

O mercado de Sabarís convértese este venres nun gran laboratorio científico coa celebración da quinta edición da expo-feira da Universidade de Vigo A ciencia que vén ten nome de muller, unha iniciativa que reuniu durante a mañá máis de 300 escolares de educación infantil e primaria de centros de Baiona, Gondomar e Nigrán arredor de experimentos, xogos e obradoiros pensados para achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva participativa e inclusiva.

Ao longo da mañá, o alumnado do CEP Sabarís, CPI Cova Terreña e CEIP Belesar, en Baiona; do CEIP Chano Piñeiro, CEIP Serra Vincios e CEP Xosé Neira Vilas, en Gondomar; e do CEIP da Cruz Camos e CEIP Carlos Casares, en Nigrán, participou nas diferentes actividades programadas na expofeira, organizada ao abeiro do plan 5º aniversario de Ciencia de ida e volta e xa pola tarde a feira abrirá as súas portas ao público xeral con actividades pensadas tamén para público adulto.

O alumnado puido gozar cunha vintena de experimentos, demostracións e obradoiros interactivos nos que participaron máis dunha decena de grupos e centros de investigación vinculados ao Cintecx, atlanTTic, CINBIO e CIM, ademais doutras propostas impulsadas polo Post-Growth Innovation Lab, a Escola de Enxeñaría Industrial e o IXEX, así como as asociacións estudantís UVigo Aerotech, Vortex UVigo, UVigo SpaceLab e CES UVigo.

A sesión matinal contou tamén con actividades especialmente dirixidas ao público máis novo. O alumnado de infantil do CPI Cova Terreña asistiu ao teatriño de títeres Ostras e estrellas: a muller galega na ciencia, unha representación centrada en poñer en valor o papel das nenas e das mulleres na ciencia. Ademais, no posto A maleta dos océanos, que forma parte do proxecto con perspectiva de xénero O mar das mulleres, impulsado pola Deputación de Pontevedra, as crianzas puideron identificar e clasificar residuos recollidos nas praias, coñecer diferentes especies de bivalvos e moluscos e mesmo simular o seu cultivo.

Ciencia ao alcance de todas e todos

Entre as propostas presentes na feira atopábase a do grupo BIOSUV, do Cintecx, que achegou ao público distintas técnicas para descontaminar e reutilizar a auga mediante pequenos experimentos cos que explicar a importancia da investigación ambiental e dos modelos sostibles. Moi preto, o Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial de atlanTTic espertou a curiosidade das persoas asistentes con maquetas de satélites e explicacións sobre os coñecidos como cubesats, pequenas estruturas espaciais con aplicacións en comunicacións, observación terrestre e investigación científica.

A programación tamén incluíu actividades relacionadas coa seguridade dixital e a criptografía da man do grupo RGEAF, que propuxo retos para descifrar mensaxes e comprender como funcionan os sistemas que protexen a información na rede. Pola súa banda, o Centro de Investigación Mariña (CIM) levou á feira distintas propostas vinculadas coa fisioloxía dos peixes e coa acuicultura sostible, un dos ámbitos estratéxicos da Universidade de Vigo.

A química tamén tivo o seu espazo da man dos grupos Química Cuántica (QF3) e Hybrid Nanomaterials Group (HNG), do CINBIO, cun posto que converteu esta disciplina nun auténtico espectáculo no que os asistentes tiveron a oportunidade de saborear bolechas conxeladas con nitróxeno líquido.

Público xeral na sesión de tarde

Xa pola tarde, a feira abrirá as súas portas ao público xeral con actividades pensadas tamén para público adulto, entre elas un mural colaborativo elaborado con lixo mariño reutilizado. O broche final da xornada porao a presentación do libro Quero ser investigadora 6, nunha mesa redonda moderada pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, na que participan dúas das protagonistas do volumen: as investigadoras Begoña González de Prado e Covadonga Rodríguez Barreiro-Moldes.

Esta iniciativa é posible grazas ao financiamento Deputación de Pontevedra e da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, así como ao apoio do Concello de Baiona.