DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Situado na Facultade de Ciencias, estará aberto á colaboración con outras entidades

A Universidade de Vigo disporá do láser en activo máis potente de Galicia

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 26/06/2008

O campus de Ourense acollerá o láser máis potente en activo de Galicia, o que permitirá afondar nas tarefas de investigación sobre novos fenómenos relacionados cos pulsos ultracortos e os láseres ultraintensos, ademais de posicionar á Facultade de Ciencias como un referente de calidade grazas á súa tecnoloxía punteira en España. O láser, que estará situado no laboratorio do grupo de Óptica Física que dirixe Humberto Michinel, estará ao servizo dos diferentes investigadores da comunidade universitaria e, dadas as posibilidades multidisciplinares que ofrece, estará aberto tamén á colaboración con outras entidades dos ámbitos das telecomunicacións, a biomedicina, a industria ou a química física entre outros.

Tecnoloxía punteira

O sistema, que se vai instalar ao longo desta semana, é o que se chama un OPAL, Optical Parametric Amplification Laser, e consiste nun conxunto de varios láseres que actúan de xeito combinado sobre un cristal de titanio e zafiro para producir pulsos de luz de altísima potencia. A duración destes flashes é menor que un pico-segundo, o equivalente a unha billonésima parte dun segundo. Para entender o curtos que son eses pulsos, Michinel explicou que "sería como comparar a duración dun espirro cun millón de anos". Así pois, a enerxía que transportan estes pulsos está concentrada en tan pouco tempo que a potencia, resultado do cociente entre enerxía e tempo, é enorme.

Aplicacións multidisciplinares

A instalación do láser farase grazas a unha axuda de infraestrutura obtida por Javier Fraile, catedrático do departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade, que é ademais profesor do Máster en Fotónica e Tecnoloxías do Láser que se imparte na facultade. Dada a idoneidade para albergar o OPAL dos laboratorios de óptica que dirixe o profesor Humberto Michinel no campus, decidiuse montar o láser nas súas instalacións. Así, esta infraestrutura será de enorme utilidade non só para tarefas de investigación sobre novos fenómenos relacionados cos pulsos ultracortos e os láseres ultraintensos, senón que terá tamén unha notable importancia para a docencia de posgrao e doutoramento no citado máster.
Ademais, ao estar a enerxía concentrada en tan pouco tempo, a potencia pico que alcanzan estes láseres é moi elevada, permitindo diversas aplicacións industriais, en biomedicina, química-física ou comunicacións ultrarrápidas. "Este tipo de láseres permiten realizar imaxes de tecidos ou microscopías multifotónicas, por exemplo, moi útiles en medicina" explicou Michinel que engadiu que "ademais teñen outros usos como o medioambiental na realización de espectroscopías".
Dada a importancia desta tecnoloxía punteira na nosa comunidade e as múltiples aplicacións que ten en calquera ámbito no que se empreguen láseres de alta precisión, "estamos abertos a colaborar cos hospitais ou as empresas do Parque Tecnolóxico que así o soliciten, como as que traballan con liñas de desenvolvemento de paneis solares, por exemplo" comentou Humberto Michinel que resaltou que a idea é que " estea ao servizo dos grupos de investigación que teñan aplicacións relacionadas, que grazas ao seu perfil pluridisciplinar son moitas e de diversa índole" concluíu.