DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun título propio creado coa Escola Superior de Saúde do Instituto Politécnico de Bragança

A Universidade de Vigo formará especialistas en termalismo e spa

Comezará a impartirse en xaneiro de 2020

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Académica
Rosa Tedín DUVI Ourense 15/11/2019

A cualificación e especialización de técnicos de saúde superiores para a prestación de servizos diferenciados en balnearios e spas, pero tamén para o desenvolvemento dunha liña de investigación relacionada coa salutoxénese pola auga. Con este obxectivo presentouse este venres no campus de Ourense o novo Curso de Especialista en Termalismo e Spa, promovido polo Campus da Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, e a Escola Superior de Saúde do Instituto Politécnico de Bragança.

Na súa  presentación, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, salientou como esta iniciativa supón “un avance na nosa proposta de especialización do Campus da Auga que ademais nos permite avanzar na colaboración co noso país veciño, Portugal”. A vicerreitora tivo palabras de agradecemento para todas as persoas que contribuíron dun xeito ou doutro ao desenvolvemento deste curso transfronteirizo. María Reyes Pérez, directora do curso pola parte ourensá xunto a Elena Falqué, indicou como “este título naceu polo convite dos socios portugueses e agardamos que resulte satisfactorio e se apunte moita xente”. A profesora indicou como “hai moito interese por parte das empresas e das institucións que rodean ao termalismo en participar e colaborar nesta nova formación” pois, advertiu, na formación relacionada co termalismo existente faltaba a referida ao ámbito da saúde.

Pola súa banda, Adilia Maria Pires da Silva, directora da Escola Superior de Saúde do Instituto Politécnico de Bragança, salientou como esta acción formativa quere atender “a necesidade de profesionais con formación superior” que teñen as zonas con recursos termais lusas. Igualmente amosou a súa confianza en que “esta colaboración transfronteiriza sexa un éxito”. María José Alves, directora do curso pola parte lusa, subliñou como este proxecto xorde no ámbito da colaboración entre a Universidade de Vigo e o Instituto Politécnico de Bragança e especialmente no marco do proxecto AquaValor, un proxecto de dinamización do termalismo transfronteirizo entre España e Portugal. “Esta colaboración pode ser moi proveitosa”, afirmou a profesora.  

As características do curso

A formación, explicaron as súas responsables, está dirixida a persoas interesadas no termalismo e a hidroterapia que posúan unha titulación académica nalgún dos seguintes graos: enfermaría, medicina, fisioterapia, terapia ocupacional, psicoloxía, farmacia, química, bioloxía, nutrición, xerontoloxía, podoloxía e outras áreas relacionadas. Para acceder ao título de especialista, indicaron, hai que ser titulada ou titulado universitario de grao, licenciatura ou diplomatura ou ben profesionais directamente relacionados coa especialidade do título que reúnan os requisitos legais para cursar estudos universitarios e acrediten un mínimo de tres anos de experiencia profesional.

O curso consta de 540 horas, das cales 270 son prácticas en institucións e empresas, desenvolvéndose a formación no campus de Ourense os xoves e venres pola tarde e sábados mañá e tarde. Nela abordaranse temas como a calidade da auga, hixiene e seguridade; a auga como xerador de valor; a lexislación e regulamentación tanto española como lusa; a innovación no sector; as técnicas hidroterápicas e a saúde pola auga. Ao remate da formación o curso conta cunha bolsa de traballo que oferta tres contratos, dous en Caldaria e un en Neuroburgas. Estas dúas entidades forman parte da lista de colaboradoras do curso, que completan Termas de San Pedro do Sul, Termas de Portugal, Chaves Termas&Spa, Vidago Palace e Six Senses, Termas de Prexigueiro e Outariz, Hotel Talaso Atlántico, Consello Municipal de Deportes e BeOne. 

Sendo o número mínimo de inscritos precisos para que o curso se celebre de 15 en Ourense e 15 en Bragança, o prazo de preinscrición está aberto desde o 18 de novembro ao 9 de decembro, comezando a docencia o día 8 de xaneiro nos respectivos campus. O importe da matrícula ascende a 950 euros e a superación do curso completo dará dereito á obtención dun título propio de especialista expedido pola Universidade de Vigo.