DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os titulares das dúas entidades asinaron este venres dous convenios de colaboración

A Universidade de Vigo formará persoal do Ministerio de Turismo de Ecuador

Será a través da modalidade semipresencial do Mestrado de Turismo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Visitas
  • Institucional
Rosa Tedín DUVI Ourense 09/11/2018

Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, e Enrique Ponce de León, ministro de Turismo de Ecuador, asinaron este venres dous convenios de colaboración que permitirán a persoal do Ministerio de Turismo de Ecuador recibir formación a través da modalidade semipresencial do Mestrado en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde que se imparte na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

A sinatura, que tivo lugar no campus de Ourense, contou coa participación de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Enrique Ponce de León, ministro de Turismo de Ecuador; José Antonio Fraiz, coordinador do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde, e Fabián Altamirano Arias, coordinador de Turismo da Zona 7 de Ecuador, estando tamén presentes Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Elena Rivo, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, e membros da comunidade universitaria.

Novas oportunidades

Agradecendo a elección da facultade e do mestrado ourensáns para esta colaboración, Manuel Reigosa salientou a súa confianza en que esta iniciativa “vai a ser moi beneficiosa para todas as partes” e a súa importancia estratéxica xa que “nós queremos apostar polo contacto cos países de Iberoamérica, tanto os de fala castelá como os de fala portuguesa. Cremos que ése é o futuro da Universidade de Vigo”. O reitor subliñou como o convenio marco “abre posibilidades de todo tipo” e amosou a súa convicción de que “a medida que nos vaiamos coñecendo, que vaiamos interactuando, haberá moitísimas oportunidades en temas de investigación, de transferencia e de desenvolvemento” que redunden finalmente na mellora de vida da cidadanía. Pola súa banda, o ministro ecuatoriano, que comezou agradecendo o recibimento tido, indicou como esta iniciativa é posible polo “empeño do noso goberno nacional de facer do turismo a principal fonte da economía” e de “facer coñecer ao mundo que somos un país pequeno en territorio pero enorme en diversidade”. Neste obxectivo, apuntou Enrique Ponce, “o tema da capacitación é fundamental” polo que o seu goberno aposta por traballar “moi da man da academia”. “O poder contar co apoio dunha tan prestixiosa e recoñecida universidade como é a de Vigo nos fai sentir afortunados”, afirmou o ministro sobre os convenios asinados este venres.

No acto José Antonio Fraiz salientou a súa satisfacción pola posta en marcha desta iniciativa de cooperación en relación cun mestrado que “leva máis de dez anos ofrecendo unha formación especializada en turismo de interior e saúde”. O responsable académico subliñou como a colaboración no mestrado é o primeiro paso de cara a no futuro avanzar noutros aspectos de formación, como poden ser cursos especializados. “Agradecemos ao ministro que nos elixira para este reto”, recalcou José Antonio Fraiz. Por último, Fabián Altamirano Arias, alumno actualmente do mestrado implicado nesta iniciativa, salientou a importancia que ten para Ecuador o turismo termal e de saúde e amosou o seu desexo de que esta iniciativa de colaboración “teña resultados positivos para o país”.  

Un convenio marco

O primeiro dos acordos asinados este venres é un convenio marco de colaboración entre a Universidade de Vigo e o Ministerio de Turismo de Ecuador, considerando de interese común promover a cooperación e a colaboración para o desenvolvemento científico e tecnolóxico do turismo. O propósito deste convenio, que terá unha duración de catro anos, é “realizar conxuntamente actividades e proxectos en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións que representan”. Entre as posibles acción cítanse o desenvolvemento de proxectos de investigación turísticos; a organización e realización de actividades académicas no ámbito do turismo, como cursos, conferencias, simposios ou seminarios; o apoio a persoal investigador e estudantes vinculados co Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese; o intercambio e colaboración en proxectos culturais e a mobilidade de estudantes e de persoal docente. Constituirase unha comisión mixta, con representantes designados por ambas as partes en réxime de paridade, que será o órgano de planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas deste convenio marco.

Un convenio específico

O convenio específico asinado, dunha duración de tres anos, refírese á formación do persoal do Ministerio de Turismo de Ecuador mediante a modalidade semipresencial do Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo de Interior e de Saúde. Segundo recolle o acordo asinado, no inicio desta colaboración ata un máximo de 25 persoas dese ministerio terán acceso á formación do mestrado da Universidade de Vigo, podendo a cifra variar por acordo das partes. A selección das persoas beneficiarias será realizada polo Ministerio de Turismo de Ecuador, sendo esixencia imprescindible que cumpran os requisitos para poder matricularse no mestrado.

Os estudantes que participen deberán de abonar as taxas de matrícula e pagar todos os seus gastos durante a estadía presencial na Universidade de Vigo. O período de estadía acordarase entre o coordinador destes estudos e o representante do Ministerio de Turismo de Ecuador, non podendo superar os tres meses. No período en Ourense completarase a formación a distancia con visitas a empresas do sector turístico, seminarios prácticos con persoal investigador e profesionais do sector turístico, saídas de campo e calquera outra formación práctica que se considere.

Avances no edificio do Campus da Auga

Trala sinatura e a preguntas das xornalistas, o reitor da Universidade de Vigo tamén se referiu á dotación de equipamento do novo edificio do Campus da Auga, concretamente á instalación nel dos laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. Neste senso asegurou que se agarda cumprir os prazos previstos, afirmando que “todo o equipamento vai estar funcionando en tempo e forma”. “A mediados de decembro estará todo en marcha para que poida ser usado no segundo cuadrimestre nas prácticas dos alumnos”, asegurou o reitor, que subliñou como se trata de “material de alta calidade” que se agarda dea froitos non só académicos senón tamén no eido da investigación. En todo caso, Reigosa lembrou como se traballa no deseño de necesidades de cara a dotar a esta escola dun edificio propio, subliñando a boa vontade política ao respecto por parte da Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional. A posta en marcha do novo edificio do Campus da Auga, coa próxima ubicación nel dos grupos de investigación relacionados con este proxecto de especialización, apuntou o reitor, “vai axudar moito a fortalecer as liñas de investigación específicas da auga”, aspecto que apuntou contribuirá á súa vez á acreditación por parte da Xunta deste proxecto de especialización.