DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acadou en Cenlle catro medallas individuais e impúxose por equipos

A Universidade de Vigo gaña o Campionato Galego Universitario de Orientación

Os xogadores de baloncesto do campus non conseguen a praza de ascenso á Liga Eba

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
  • Saúde
  • Deportes
DUVI Ourense 06/05/2019

O equipo de orientación da Universidade de Vigo gañou este sábado o Campionato Galego Universitario de Orientación, celebrado no concello ourensán de Cenlle. As e os representantes da institución académica acadaron catro medallas individuais e impuxéronse na categoría por equipos. Ese mesmo día, os xogadores de baloncesto do campus de Ourense non conseguiron a praza de ascenso á Liga Eba á que optaban.

A cita anual da orientación universitaria

A organización en Cenlle do Campionato Galego Universitario de Orientación correu a cargo nesta ocasión da Área de Benestar, Saúde e Deportes da Universidade de Vigo e da sección de orientación do Club Peña Trevinca Barco, contando coa colaboración da Federación Galega de Orientación. Aproveitando este evento, tamén tivo lugar no mesmo lugar o XI Campionato Galego Escolar de Orientación a Pé, coa participación de arredor de 300 rapaces e rapazas.

Nun terreo á beira do río Miño e nun percorrido caracterizado pola velocidade, a orientadora Teresa Bellón, da Universidade de Vigo, proclamouse campioa galega universitaria por segundo ano consecutivo e Isabel Pastoriza, do mesmo equipo, acadou a medalla de prata. O bronce foi para Laura Garrido, da Universidade de Santiago de Compostela. Na categoría masculina, o equipo da Universidade de Vigo tamén acadou as dúas primeiras posicións do podio, con Vicente Pastoriza proclamándose campión galego universitario e Germán Pérez subcampión. O terceiro posto foi para Miguel Ramos, da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais dos resultados de podio, o resto do equipo da Universidade de Vigo tamén contribuíu á clasificación xeral, con Jorge Pérez nun quinto posto e Enrique Blanco nun oitavo lugar na categoría masculina e Lorena Novas no décimo posto da categoría feminina.  

Por equipos, a Universidade de Vigo quedou primeira, a Universidade de Santiago de Compostela segunda e a Universidade da Coruña terceira. Tras esta competición, Teresa Bellón, campioa galega universitaria, viaxa a Valencia para participar no Campionato de España Universitario.

Derrota en baloncesto

En baloncesto, os xogadores do primeiro equipo do campus de Ourense desprazáronse a Ferrol para xogar a fase final A4 da primeira división sénior de baloncesto cos equipos clasificados nos postos de dous a cinco da liga e co obxectivo de acadar a praza para o ascenso á Liga Eba en disputa. O Universitario Campus de Ourense perdeu 62-53 na semifinal disputada o sábado contra Bbca Castelo San Felipe, o anfitrión desta fase. “Ao final non puido ser pero valeu a pena o esforzo. Foi a primeira vez na historia do baloncesto desta universidade que se disputa unha fase de ascenso á Liga Eba”, recalcan desde o club de baloncesto ourensán felicitando a xogadores e equipo técnico pola tempada feita.

Fin de semana en Allariz

Por último, esta fin de semana pechouse a programación de rutas culturais do curso 2018/2019, organizadas pola Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo, con dous días de sendeirismo, cultura e natureza na localidade ourensá de Allariz. 24 persoas, membros da comunidade universitaria e persoas alleas a ela, realizaron sábado e domingo varias andainas que lles permitiron coñecer a riqueza patrimonial, arqueolóxica, natural e paisaxística deste enclave, visitando ademais do propio Allariz espazos como Santa Mariña de Augas Santas e Armea e a zona da reserva da biosfera.