DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Axencia Espacial Europea aprobou o proxecto da institución viguesa que conta co aval da ONU

A Universidade de Vigo liderará en Europa o maior proxecto de cooperación internacional de nanosatélites

Fernando Aguado coordina o grupo de investigadores formado por preto de 70 persoas

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 16/03/2010
A Universidade de Vigo será a responsable europea do proxecto GEOID, a achega da Axencia Espacial Europea (ESA) ao programa Humsat aprobado pola ONU que ten como obxectivo a creación dunha constelación de nanosatélites en cooperación con países en vías de desenvolvemento e aplicacións en comunicacións, telemedicina, monitorización de cambio climático e educación. A Universidade de Vigo que coordina un grupo de traballo a nivel mundial do que tamén forma parte a universidade californiana de Calpoly con Jordi Puig, un dos país dos nanosatélites, á cabeza; a Universidade Nacional Autónoma de Méjico (UNAM) e o CREACTEALC (Regional Centre for Space Science and Technology Education for Latin America and the Caribbean) dirixido por Sergio Camacho, antigo responsable da Oficina do Espazo da ONU, non só será responsable en Europa do proxecto senón que, segundo acordou a ESA, tamén se encargará da coordinación dun total de nove satélites europeos que serán lanzados ao espazo.
“O proxecto que liderará a Universidade de Vigo”, explica Fernando Aguado, profesor e investigador da ETS de Telecomunicación da Universidade de Vigo e coordinador do proxecto, “conxunga a cooperación internacional porque fomentará o desenvolvemento de tecnoloxías aeroespaciais en países en vías de desenvolvemento e tamén o que é a monitorización e creación dunha rede de sensores terrestres que se comunican vía satélite para control de cambio climático con cobertura global”, aplicacións ás que se lle engade a posibilidade de en situacións de emerxencia empregar o sistema para transmisión de datos de baixa velocidade cuns usuarios que serían a ONU e os países membros que participen no programa Humsat.
O baixo custo, sumado á súa capacidade para dar solucións a determinados problemas e o feito de que permite o desenvolvemento da tecnoloxía espacial en todos os países do mundo, o que Aguado denomina “a democratización do espazo”, son segundo o coordinador, factores determinantes para o éxito dun proxecto que ademais “sabe buscar sinerxías a nivel mundial e utilidades para os nanosatélites”. A rede estaría integrada por polo menos 18 nanosatélites que formarían unha constelación que orbitaría sobre o planeta a unha distancia duns 500 ou 600 quilómetros.

Primeira vez que unha universidade ten este papel en Europa

Coa elección por parte da ESA da Universidade de Vigo como responsable europea do proxecto e coordinadora de nove nanosatélites europeos que se van lanzar, a institución académica viguesa convértese na primeira universidade española en ter este papel a nivel europeo o que supón, segundo Aguado, “que nos vai consolidar como referencia no campo dos nanosatélites coa posibilidade da definición dun sistema completo”.
Oito grupos de investigación da Universidade de Vigo nos que participan unha trintena de profesores e doutores e uns corenta estudantes de doutoramento e enxeñeiros de proxecto das escolas de Enxeñeiros Industriais, Telecomunicación e Informática e da Facultade de Ciencias, son os que deron forma a este proxecto que comezou a fraguarse en agosto de 2008 a partir dun contacto primeiro con Jordi Puig e posteriormente coa ONU “aos que lle trasladamos”, explica Aguado “que fronte á ausencia de coordinación que existía ata o momento, unha misión unificada non comercial dos satélites para favorecer o control de parámetros climáticos e usos humanitarios, sería un bo mecanismo para ser apoiado por calquera país”. A partir de aí o proxecto foi acadando apoios de organismos como a ONU, de diferentes países como EEUU, Xapón ou Rusia e de axencias espaciais como a propia Axencia Espacial Europea que o trasladou aos seus membros e cooperantes e lle deu o seu visto e prace despois que o país promotor, neste caso España, confirmase que dispuña da garantía económica necesaria. “O custo é moi moderado”, sinala Aguado, “medio millón de euros ao ano que se trasladarán en contratación de enxeñeiros, en labores de coordinación e en reforzar as vantaxes competitivas da Universidade”.

Un soño cumprido

Coa confirmación da Axencia Espacial Europea aínda recente e a poucos días de viaxar a París presentar o proxecto ante a UNESCO Fernando Aguado cualifica de “soño” a decisión da Axencia Espacial Europea. “É un soño sinceramente”, asegura ao tempo que agradece o traballo e a implicación de todas as persoas que participan no proxecto, así como o apoio institucional recibido. “Hai que tomalo con ilusión e responsabilidade”, asegura, ao tempo que afirma que a decisión da ESA “é a plasmación de que o traballo que eu comparto con moitas outras persoas pode ir progresando”. Un traballo que xa deu importantes froitos como o deseño do Xatcobeo, o primeiro picosatélite galego, ou a designación, hai un par de meses, da Universidade de Vigo como nodo europeo da rede mundial de satélites non comerciais, GENSO e que está aberto á participación das universidades que xunto a Vigo integran o SUG, así como empresas e institucións.