DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A institución académica participa noutras nove iniciativas desta convocatoria eurorrexional

A Universidade de Vigo liderará tres proxectos Poctep con máis de 3,3 millóns de euros de orzamento

BlueBioLab está liderada polo Campus do Mar, mentres que Mobae e Sherpa do Mar nacen na FCEE

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
M. Del Río DUVI 04/06/2019

A segunda convocatoria do programa Poctep, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VA España-Portugal, aprobou a posta en marcha de 96 proxectos, seleccionados entre un total de 295 propostas. A Universidade de Vigo liderará tres deles e estará presente, como socia, noutros nove. A suma dos orzamentos destas tres propostas nas que a UVigo é beneficiario principal supera os 3,3 millóns de euros, dos que máis dun millón corresponden á institución viguesa, parte deles financiados por fondos Feder. 

O proxecto Mobae aposta por crear unha cadea de valor da mobilidade avanzada e estendida en Galicia e o norte de Portugal. Conta cun orzamento de 1.202.315 millóns de euros, dos que 422.832 euros corresponden á UVigo. Pola súa banda, BlueBioLab propón a creación dun laboratorio transfronteirizo de biotecnoloxía mariña cun orzamento de 1.122.152€, dos que 272.651€ corresponden á Universidade viguesa. Finalmente, o terceiro proxecto liderado pola Universidade de Vigo é Sherpa do Mar, que estuda a posibilidade de crear unha plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no eido mariño. Para isto conta cun orzamento de 997.184 €, dos que 342.779€ corresponden á Universidade de Vigo. 
Esta segunda edición da convocatoria caracterizouse pola súa alta competitividade, xa que tan só o 33% dos proxectos presentados foron aprobados.

Mobae

O profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing Pablo Cabanelas coordina o proxecto Mobae e explica que este xorde nunha contorna de enorme transformación na cadea de valor asociada a mobilidade. “Están aparecendo novas solucións para a mobilidade que supoñen ameazas e tamén oportunidades para un sistema produtivo tan forte como é, por exemplo, a automoción e que ten unha forte presenza na euro-rexión”, explica. Nesta contorna, Mobae pretende hibridar coñecementos entre diferentes ámbitos, automoción, TIC, aeroespacial e, en menor medida, híper-lonxevidade na eurorrexión.
Con esta intención, o proxecto de 31 meses de duración e un orzamento total de 1.202.315€, dos que 901.736€ corresponden a financiación Feder, ten por obxectivo identificar novas competencias que están a emerxer na contorna da mobilidade e detectar e apoiar iniciativas ou oportunidades de negocio que poidan ter potencial nesta nova realidade que nos toca vivir. De feito, o nome do proxecto responde a “mobilidade (MOB) Avanzada (novas competencias, mobilidade autónoma, conectada, eléctrica ou compartida) e Estendida, porque ten coma obxecto identificar interseccións de coñecementos entre os ámbitos mencionados anteriormente”. Por tanto, puntualiza Cabanelas “implica un traballo de identificación de capacidade, detección e apoio de iniciativas con potencial, sensibilización e capacitación de emprendedores e directivos e asesoramento ás iniciativas seleccionadas, incluso na identificación de potenciais fondos de financiación.

No proxecto están implicadas seis institucións, catro galegas e dúas portuguesas: UVigo como coordinadora, CSIC Santiago, Ceaga e Igape e o CEiiA (Centro de Engenharia e Desenvolvimento) e a Universidade do Minho. 

BlueBioLab

BlueBioLab é unha proposta do Campus do Mar e ten como finalidade o deseño e posta en macha dun laboratorio transfronteirizo de biotecnoloxía mariña. Conta cun orzamento de 1,1 millóns de euros, dos que 841.614€ corresponden a axudas Feder. O obxectivo desta proposta, cuxo IP é José Manuel García Estévez, director da  Ecimat, é o fomento do crecemento intelixente a través dunha cooperación transfronteiriza para o impulso da innovación que porá en marcha un laboratorio de excelencia científica en biotecnoloxía mariña. “A idea é que esta nova infraestrutura impulse a capacidade para desenvolver excelencia en materia de I+D, internacionalice as capacidades de I+D+i da eurorrexión, optimice o uso de infraestruturas e contribúa a acadar os resultados esperados nas RIS3, RIS3T e a estratexia de crecemento azul (Blue Growth)”, explica Daniel Rey, director do Campus do Mar. Así, este laboratorio centrarase nalgúns dos grandes retos aos que se enfronta a sociedade e o medio ambiente, a través do estudo dos recursos biolóxicos mariños prestando especial atención a súa explotación sostible. As liñas de investigación preferentes abordarán temas como acuicultura e biotecnoloxía, desenvolvemento de novos compostos bioactivos e biomateriais de orixe mariño e utilización de tecnoloxías ómicas para a comprensión da biodiversidade mariña. Como socios desta iniciativa están as universidades da Coruña, Santiago e Minho, o CSIC, o IEO e o Ciimar.

Sherpa do Mar

Sherpa do Mar, con case un millón de euros de orzamento (747.887€ son fondos Feder), é unha proposta do grupo REDE coordinada polo profesor Catedrático en Organización de Empresas Xosé Henrique Vázquez. Conta coa participación do Campus do Mar e da OTRI, aos que se suman socios como o Consorcio Zona Franca de Vigo, GAIN, as universidades de Santiago e Coruña, a Associação de Transferência de Tecnologia da Asprela, a Universidade do Porto Inovação, o Ciimar e Fórum Oceano- Associação da Economia do Mar. O obxectivo é “crear e dinamizar unha plataforma eurorrexional de fomento da competitividade no ámbito mariño-marítimo a través do impulso de empresas de base tecnolóxica con alto valor engadido”, destacan os seus impulsores. Para isto, potenciaranse as sinerxías tecnolóxico-científicas existentes e dinamizarase a creación e consolidación de novas actividades empresariais intensivas en coñecemento no ámbito mariño-marítimo. Estas accións favorecerán, á súa vez, o impulso da innovación, a xeración de emprego e o incremento da competitividade empresarial.

Proxectos con presenza viguesa

Ademais dos tres proxectos que lidera a Universidade de Vigo, a institución participa noutros nove como socio da man doutras entidades e organismos. Por exemplo, 2IQBIONEURO, coordinada pola USC, aposta por unha rede de I+D en química biolóxica para a diagnose e tratamento de enfermidades neurolóxicas. Acuaenergy, liderado polo Clúster de Acuicultura, trata de mellorar a competitividade das plantas acuícolas a través da eficiencia enerxética. Outro dos proxecto é Acuinano, tamén da USC, que estuda o impacto de nanopartículas metálicas en ecosistemas acuáticos e en produtos de acuicultura para poder desenvolver método que permitan a súa detección. Algalup é outra das iniciativas nas que participa a Universidade de Vigo, que baixo a coordinación de Anfaco procura unha alternativa integral para a explotación de macroalgas nas zonas de Galicia e Portugal. Tamén Anfaco impulsa o proxecto Foodsense, centrado na transferencia de tecnoloxías sensóricas para previr riscos alimentarios.

Con Emprende Makers, iniciativa do Concello de Ourense, preténdese a crear unha rede de emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que actuará como un espazo común de innovación tecnolóxica e creativa. Pola súa banda, a Mancomunidade do Salnés lidera Nova TFE, unha proposta para buscar novas oportunidades de negocio para PeMEs baseadas en tecnoloxías facilitadoras esenciales (TFE). O Centro Tecnolóxico del Mar – Fundación Cetmar é o beneficiario principal de Radar on Raia, unha proxecto que se insire no Observatorio RAIA, que aglutina un número elevado de entidades da costa atlántica da península ibérica con actividade relevante no eido da oceanografía operacional. Finalmente, o último proxecto no que está implicada a Universidade de Vigo é Unisf, Universidade sen Fronteiras, liderado pola Universidade de Minho, co obxectivo de fortalecer as relacións da Rede de Universidades da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal  para a creación de graos e titulacións conxuntas.