DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Direccións de centros, claustros, consellos escolares e ANPAs, serán os destinatarios

A Universidade de Vigo e os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo impulsan unha campaña informativa sobre o uso das linguas no sistema educativo

Comezará a mediados do mes de marzo

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 18/02/2008

Ampliar o coñecemento e explicar os obxectivos do Decreto 124/2007 entre as comunidades educativas, é a razón pola que a Universidade de Vigo e os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo impulsarán unha campaña centrada nos contidos e efectos positivos que a norma pretende introducir no sistema escolar galego.
A iniciativa da vicerreitoría de Relacións Institucionais e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo e as concellarías de Educación e Normalización Lingüística dos concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo, materializarase na sinatura dun convenio de colaboración que se plasmará inicialmente na elaboración de material científico informativo que será distribuído entre a cidadanía en xeral e a comunidade escolar en particular, así como na organización de charlas explicativas en consellos escolares, profesorado e ANPAs.

Reparto de tarefas

Para o desenvolvemento da campaña, que comezará despois das eleccións xerais, a Universidade de Vigo proporcionará o soporte científico, elaborando textos para cadernos e dípticos explicativos, e facilitándolles aos concellos especialistas en sociolingüística e didáctica de linguas para as charlas que se organicen.
Pola súa banda os concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo imprimirán e distribuirán os materiais informativos entre a cidadanía en xeral e a comunidade escolar en particular, dentro de cadanseus ámbitos municipais, encargándose tamén da organización das charlas explicativas.

Acordo a catro bandas

A iniciativa da vicerreitoría de Relacións Institucionais e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo para desenvolveren accións informativas e divulgativas sobre o uso das linguas no sistema educativo, e concretamente sobre o Decreto 124/2007 polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, recibiu o apoio decidido das concellerías de Educación e Normalización Lingüística dos concellos de Ourense, Pontevedra e Vigo que coincidiron na necesidade de explicar polo miúdo o Decreto nas comunidades educativas, para procurar unha máis efectiva aplicación da norma.