DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores Michinel e Tommasini tomaron parte no encontro celebrado en París

A Universidade de Vigo participa na posta en marcha do láser máis potente do mundo

Francia ou Rumanía poderían acoller o proxecto europeo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Marta Casanova DUVI 29/02/2008

Os profesores Humberto Michinel e Daniele Tommasini, da facultade de Ciencias de Ourense, participaron recentemente na reunión inicial de posta en marcha do proxecto Extreme Light Infraestructure ELI, para construir o que será o láser máis potente do mundo. No encontro que tivo lugar en París presentouse esta ambiciosa iniciativa que situará a Europa na vangarda tecnolóxica neste eido.
Sobre as futuras aplicacións do láser, Michinel explica que “servirá para investigar moitísimas cousas, dende fontes de enerxía como a fusión nuclear, que se supón que é o futuro, ata novas terapias en medicina nuclear”. A construción do ELI suporá “que Europa se poña á cabeza mundial das aplicacións de láseres ultraintensos baseados en tecnoloxías de pulsos láser ultracortos. A concentración de enerxía en espazos tan curtos de tempo xera potencias de pico ultraientensas que permiten producir incluso reaccións nucleares empregando luz” asegura Michinel.

Intensidade sen precedentes

A mellora dos tratamentos oncolóxicos, a visualización de imáxes médicas ou o desenvolvemento de novos métodos de tratamento de residuos nucleares, serían algúns dos beneficios que ELI podería aportar á sociedade. Trátase da primeira infraestrutura dedicada ao estudo fundamental da interacción láser- materia nun novo réxime sen precentes de intensidade láser: o réxime ultrarelativístico. O láser sería aproximadamente unha 1000 veces máis poderoso que o Láser Megajoule de Francia ou o National Ignition Facility (NIF) do EE.UU, logrando a súa extrema potencia a través da brevidade dos seus pulsos: femto e attosegundos. A sede do proxecto aínda non está decidida e segundo Michinel, “será unha das decisións que se tomen nos vindeiros meses, pero xa foi un dos temas de debate nos que participamos o profesor Tommasini e mais eu, e probablemente será en Francia ou en Romanía que son os países más interesados” dixo.
Ademais de Vigo, tamén participaron na reunión de París outras tres universidades españolas: a Complutense, a Politécnica de Madrid e a de Salamanca xunto con outras 50 institucións dedicadas á investigación dun total de 13 países.

O grupo de Óptica Física

Tommasini e Michinel pertencen ao grupo de investigación de Óptica Física do departamento de Física Aplicada e foron invitados a participar na reunión celebrada en París " tras unha recente publicación en Physical Review Letters onde falábamos sobre a posible utilización do ELI para verificar por primeira vez as propiedades ópticas do baleiro cuántico” comentou Michinel. Comunicacións ópticas, métodos informáticos avanzados, óptica cuántica e ondas de materia ou visualizacion científica, son algunhas das liñas de traballo do grupo OF1 que ten entre os seus logros a formulación dunha teoría sobre a posibilidade de obter luz líquida a partir do láser.