DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xunto a institucións lusas e francesas ao abeiro da convocatoria 'Fet Open' do H2020

A Universidade de Vigo participará no desenvolvemento dun dispositivo de transferencia de potencia sen fíos para almacenar enerxía en cubesats

Fernando Aguado é o IP da UVigo no proxecto WIpTherm, que coordina a Universidade de Porto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
Mª Carmen Echevarría DUVI 18/11/2019

Desenvolver e probar en laboratorio, replicando as condicións de baleiro térmico e de vibración, un dispositivo de transferencia de potencia sen fíos para almacenar enerxía en cubesats, utilizando como fonte un láser pulsado e como receptores no satélite, un conxunto de xeradores termoeléctricos, é o obxectivo fundamental do proxecto WIpTherm. Cunha duración de tres anos e un orzamento de 2,3 millóns de euros, o proxecto da convocatoria Fet Open do H2020, está coordinado pola Universidade de Porto e nel participan as universidades de Vigo, a francesa de Limoges, o Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência (INES TEC) e o Centro de Nanotecnologia e Materiais Técnicos, Funcionais e Inteligentes (CeNTI).“A convocatoria FET está orientada ao desenvolvemento de tecnoloxías disruptivas e, neste caso, este tipo de solucións non están dispoñible actualmente para pequenos satélites, e poderían ter aplicacións moi interesantes, por exemplo en futuras misións de espazo profundo onde os cubesats serán elementos complementarios a satélites moito máis grandes e ao estar lonxe do sol non poderán recargarse directamente con paneis solares, senón que terán que buscar formas alternativas, como a recarga sen fíos desde o satélite nodriza, que si pode usar grandes paneis solares ou mesmo xeradores termoeléctricos baseados en radioisótopos (RTG)”, detalla o coordinador da Agrupación Aeroespacial e investigador do centro atlantTTic da Universidade de Vigo, Fernando Aguado.

Na actualidade, os sistemas que empregan os cubesats para almacenar enerxía están baseados en dispositivos fotovoltáicos que transforman a luz solar en enerxía eléctrica durante o período de iluminación do satélite, tanto para alimentar directamente os diferentes subsistemas e cargas de pago, como para almacenar enerxía en baterías, que serán utilizadas como fonte secundaria durante o período de eclipse.

Desenvolvemento segundo o proceso habitual en proxectos espaciais

 Aplicando os estándares ECSS de enxeñaría de sistemas, o desenvolvemento do proxecto seguirá o proceso habitual en proxectos espaciais. Así, na primeira fase definiranse os requisitos que deber cumprir este novo subsistema de xeración de potencia para que poida ser utilizado en cubesats. A continuación, identificaranse as funcionalidades e interfaces de dito subsistema e por último, desenvolverase un prototipo integrable nun cubesat, probándose na fase final nunha campaña de medidas medioambientais que inclúen probas de termobaleiro e de vibración que simulan as condicións de operación en órbita e de lanzamento, respectivamente.

“A nosa parte consiste na definición dos requisitos, funcionalidades e a especificación técnica para que o dispositivo sexa compatible con satélites tipo cubesat. Tamén desenvolveremos un prototipo de almacenamento da enerxía xeradas polo dispositivo WIpTherm, así como a definición e execución da campaña de medidas medioambientais. Loxicamente, tamén daremos soporte ao resto de áreas, que están lideradas polo resto de membros do consorcio que coordinan o resto de paquetes de traballo”, detalla Fernando Aguado. O coordinador da Agrupación Aeroespacial incide que a participación da Universidade de Vigo no proxecto é como “sistemista”, é dicir, como expertos en definición, deseño, integración, validación e operacións de misións completas, nas que definen os requisitos, interface e especificacións técnicas que teñen que ter os subsistemas para que poidan ser utilizados en misións. “Por conseguinte, é unha continuidade na liña de traballo que desenvolve a Agrupación, aínda que dando soporte a un novo sistema disruptivo de xeración de potencia”, explica Aguado, que sinala que a Universidade de Vigo contará con 463. 187,5 euros do total de 2,3 millóns do orzamento do proxecto, para desenvolver a parte que lles corresponde.

A Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo xa colaborou coa súa homóloga de Porto no proxecto FIRE-RS, aínda que cun grupo de investigación diferente ao que agora coordina o proxecto WiPTherm.