DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha xornada divulgativa deu a coñecer os tres proxectos que se están a desenvolver na institución

A Universidade de Vigo perfílase como unha potencia na prevención e loita contra os incendios

LifeTEC, FIRE-RS e Topacio usan satélites, radares ou teledetección para facer aos lumes

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • TIC
  • Investigación
M. Del Río DUVI 10/05/2019

Dous terzos da superficie de Galicia son monte. Isto converte o territorio nun importante sector económico e industrial, pero tamén implica retos na xestión, organización e protección destes terreos forestais fronte a ameazas como os incendios. Por isto, desenvolver tecnoloxías e xerar coñecemento que axude na prevención, detección temperá e extinción dos lumes tense convertido nun obxectivo prioritario no que Universidade de Vigo está moi implicada. De feito, na actualidade están en marcha tres grandes proxectos de investigación que empregan diferentes ferramentas para loitar contra os incendios: LifeTEC, FIRE-RS e Topacio. O equipo de investigación do primeiro deles organizou este venres unha xornada divulgativa para “presentar o proxecto, pero fundamentalmente para que se coñeza en xeral o que estamos facendo non só nós, senón dende a Universidade de Vigo en xeral”, explicaba Verónica Santalla, investigadora principal de LifeTEC e membro do Grupo de Sistemas de Radio (atlanTTic). Por este motivo, apostaron por organizar unha xornada con relatorios, mesas redondas e intercambio de experiencias entre participantes dos tres proxectos, representantes de administracións públicas, do sector forestal e de entidades implicadas na loita contra os incendios, como os bombeiros.

Na apertura do simposio, o reitor da Universidade, Manuel Reigosa, remarcou o forte potencial das escolas de Enxeñaría de Telecomunicación, Aeroespacial, Industrial e Forestal en proxectos de detección de lumes, “o que nos pode poñer na liña de liderar, igual que o facemos noutros eidos, a nivel europeo a loita contra os incendios forestais”. O reitor puxo tamén en valor un aspecto que se está converter en “diferenciador” da universidade galega: a colaboración. “Estamos apostando pola colaboración público-privada, coas administracións e coas entidades Internacionais… este é o xeito de que a investigación universitaria teña un impacto directo sobre a vida dos cidadáns”, puntualizaba. Luz Macho, subdirectora Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático da Xunta de Galicia e Jaime Aneiros, concelleiro de Facenda de Vigo tamén incidían nesa colaboración entre o tecido de I+D e as administracións, “é o xeito que se aproveiten os recursos públicos e o coñecemento xerado en Galicia para resolver problemas como o dos lumes, que afectan a toda a sociedade”.

A xornada arrancou coas ponencias de José Ignacio Lema, da Axencia Galega da Industria Forestal), que falou sobre a cadea de valor monte-industria en Galicia e a importancia socio-económica dun sector que “representa o 47% de toda a madeira cortada en España”, e de Julia Armesto, profesora da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, que falou sobre o potencial dos satélites Sentinel-2 na avaliación rápida do impacto dos incendios forestais. Tras isto, comezaron as presentación dos tres proxectos, en concreto, LifeTEC, que se basea no uso de comunicacións e radar na loita contra os incendios forestais; Fire-RS na teledetección de lumes e Topacio, que usa sensores xeoespaciais para a mellora da xestión forestal na contorna viaria.

LifeTEC

O proxecto LifeTEC, que se enmarca no Programa de Medio Ambiente e Acción polo Clima (LIFE), arrancou en decembro de 2017 e ten unha duración de tres anos cun orzamento de 1,2 millóns de euros. Nel están implicados, ademais da Universidade de Vigo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, o Instituto Português do Mar e da Atmosfera e Retegal. Como explica Verónica Santalla, investigadora principal, esta iniciativa “xorde dun problema que compartimos Portugal e Galicia como son os incendios forestais”. A finalidade é “poñer as ferramentas que nós manexamos á disposición dos organismos que loitan contra os incendios”. En concreto, este proxecto céntrase en reducir o tempo de detección de lumes e mellorar os sistemas de comunicación e localización dos brigadistas. 

Para reducir o tempo de detección, o proxecto contempla empregar radares meteorolóxicos, en concreto os Cuntis e Arouca (Portugal), operados por MeteoGalicia e o IPMA respectivamente. Os investigadores explican que os incendios forestais provocan un descenso abrupto da humidade e un elevado ascenso das temperaturas, orixinando un cambio significativo do índice de refracción da atmosfera, afectando á propagación das ondas electromagnéticas, cambios que son detectados polos radares. Para mellorar a comunicación das brigadas, empregarase a rede sistemas de comunicación dixitais móbiles non comerciais con estándar Tetra (TErrestrial Trunked Radio), de Retegal”. Deste xeito, ademais de asegurar a comunicación, permite ter xeolocalizados os equipos en todo momento, xa que o sistema funcionaría incluso en situacións extremas ou de saturación que provocan que o resto de redes de telefonía móbil se colapsen. Estes sistemas irán embarcados nun vehículo de mando do consorcio de bombeiros con funcións de posto de despacho de xestión de xeolocalización de efectivos. A investigadora Verónica Santalla confirma que as primeiras probas de campo deste proxecto comezarán este verán.

Topacio

O obxectivo do proxecto Topacio, coordinado polo profesor Higinio González, é desenvolver un sistema de información que, empregando tecnoloxías baseadas en satélites de observación e sistemas aéreos non tripulados, permita obter información do estado das franxas de vexetación na contorna de vías de comunicación e poboacións. Conta coa participación das empresas Extraco, Aeromedia, Conexiona e Sans2, ás que se unen os grupos de Xeotecnoloxías Aplicadas e de Tecnoloxía Enerxética, da UVigo, e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, participando Feuga na xestión administrativa. O importe do proxecto, dentro da convocatoria Conecta Peme 2018,  é case 800.000€ . Os seus responsables buscan optimizar os procesos de xestión de infraestruturas na rede primaria de xestión de biomasa para a prevención de incendios forestais. Os obxectivos específicos céntranse en desenvolver unha ferramenta que permita coñecer o estado das masas forestais anexas ás infraestruturas; facer unha inspección e monitorización máis eficiente delas; analizar o risco de ignición e propagación de lumes na faixa primaria de xestión forestal para intentar minimizalos; avaliar o risco de propagación de lumes e optimizar os labores de mantemento forestal.

FIRE-RS

O proxecto liderado polo profesor Fernando Aguado, presentou esta mesma semana os seus resultados tras tres anos de traballo en colaboración coa Universidade de Porto e o Centro Nacional para a Investigación Científica de Toulouse. Financiado polo programa Interreg cun orzamento de 2,1 millóns de euros, fronte aos sistemas actuais que empregan modelos que non son quen de recoller datos de xeito continuo, FIRE-RS permite obter datos reais recollidos ‘in situ’ e de xeito automatizado para avaliar a evolución e propagación real dun lume.

Como explica Aguado, “FIRE-RS acadou a integración de múltiples tecnoloxías para facilitar a loita contra o lume, cumprindo así cos obxectivos definidos no proxecto, que permite realizar unha predición máis exacta da evolución dos incendios, baseada en datos reais recollidos ‘in situ’ de xeito automatizado”. A iniciativa implementa un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación de sensores infravermellos despregados nos montes; o satélite LUME-1; unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios.