DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen García Mateo asistiu á asemblea xeral ordinaria, organizada pola UDC

A Universidade de Vigo reafirma a súa participación na Rede Crusoe 

Na sesión constituíse a Alianza Universitaria da Rexión Atlántica

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Reitora
  • Institucional
DUVI 29/06/2026

Creada no ano 2011, co obxectivo de redefinir a colaboración académica en materia de investigación e innovación para contribuír ao desenvolvemento territorial e a especialización intelixente da zona, a Conferencia de Reitores das Universidades e Institutos Politécnicos do Suroeste Europeo (Crusoe) está integrada na actualidade por 29 entidades de educación superior, que suman máis de 600 grupos de investigación de España e Portugal e preto de 240.000 estudantes, repartidos en máis de 40 campus. Coa participación de representantes das universidades de Galicia, Castela-León. Asturias, Cantabria e das rexións Norte e Centro de Portugal que integran a Rede, a UDC acollía o pasado venres a XVI asemblea xeral ordinaria da asociación na que participou por vez primeira Carmen García Mateo, logo da súa toma de posesión como reitora da UVigo.

“A Universidade de Vigo foi hai case 25 anos un actor fundamental na creación da Crusoe e transcorrido todo ese tempo seguimos achegando o noso esforzo para continuar potenciando e mellorando a educación superior e o desenvolvemento territorial, a través da cooperación interuniversitaria”, sinala a reitora da UVigo, que apunta a súa intención de reforzar o papel da institución académica viguesa na Rede “fortalecendo a cooperación e o diálogo entre as entidades de educación superior que a integran e os axentes sociais e gobernos rexionais e estatais e participando activamente nas actividades que a Crusoe promove”.

Á celebración o pasado venres na UDC da XVI asemblea xeral ordinaria da Rede, seguiralle os días 20 e 21 de xullo en Vigo, no Cetmar, dunha xornada do Observatorio de Derecho a la Alimentación (ODA-E), coa que a Crusoe asinou recentemente un convenio co obxectivo de colaborar na realización de actividades conxuntas en materia de alimentación sostible, sistemas alimentarios sostibles, seguridade alimentaria e dereito á alimentación.

Constitución de AURA e apoio á construción do Arco Atlántico

Na súa XVI asemblea xeral a Crusoe aprobou a constitución da Alianza Universitaria da Rexión Atlántica, AURA, unha nova rede transnacional de universidades do espazo atlántico europeo, que baixo o lema O saber que une dúas beiras, nace co obxectivo de conectar as universidades, o coñecemento e o territorio no espazo atlántico europeo, e que progresivamente se estenderá a rexións como Nova Aquitania, Navarra, País Vasco, Andalucía, o sur de Portugal, Gales, Irlanda e Quebec. 

Na asemblea tamén se constatou o papel activo da entidade no apoio para a construción da futura macrorrexión do Arco Atlántico, un mandato da Comisión Europea fixado para ante de xuño de 2027, e no que a Crusoe colabora xunto á Conferencia de Rexións Marítimas Periféricas de Europa (CPMR) e a Comisión Arco Atlántico, na elaboración dunha folla de ruta e definición das prioridades de investigación das súas universidades.

Renovación do Comité Executivo

A creación da Comisión de coordinadores dos seus grupos, que dará lugar ao novo Consello Científico da Rede Crusoe e a renovación do Comité Executivo, foron outras cuestións aprobadas na asemblea. Artur Silva, reitor da Universidade da Aveiro, será o novo presidente do Comité e a vicepresidencia recaerá en Ignacio Villaverde, reitor da Universidade de Oviedo. O reitor da UDC; Ricardo Cao, renova o seu cargo como secretario xeral, ao igual que Salustiano Mato, que repite como presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica.

Pola súa banda, Salustiano Mato informou na asemblea da actividade desenvolvida polos dez grupos de traballo da Rede, que reúne 150 institucións e máis de 350 colectivos de investigación, que no último ano presentaron 13 propostas a programas europeos, mentres outras 18 atópanse en fase de estudo.