DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este xoves presentáronse as novidades nun acto no edificio Redeiras

O Universidade Vigo Rugby Club aposta pola canteira e a presenza feminina para a temporada 2021-2022

Conta con máis de 250 fichas entre todas as categorías, situándose en cifras previas á pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 25/11/2021

Tras case dous anos de pandemia e froito dun grande esforzo por parte da directiva e do corpo técnico, o Universidade Vigo Rugby Club conta nesta temporada 2021-2022 máis de 250 xogadores e xogadoras entre os equipos de toda as categorías, o que supón recuperar as cifras previas á covid-19. Así o explicou o presidente da entidade, Xoán Martínez, nun acto celebrado este xoves no edificio Redeiras para dar a coñecer as principais novidades do club para a nova campaña. Tanto el como o novo preparador físico, Óscar Ferreras, fixeron fincapé neste importante crecemento de fichas, principalmente través do apoio e o fomento da canteira, e tamén puxeron en valor o incremento da presenza de mulleres, tanto no cadro de xogadoras como na directiva. Ao acto asistiu tamén Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Como representante da Universidade de Vigo, o presidente do equipo agradeceulle a súa “colaboración económica, moral e de instalacións”, froito dunha “relación histórica, como o é a relación do rugby en España co eido universitario”. A vicerreitora, pola súa banda, recalcou o “firme compromiso que ten a UVigo co deporte” como parte fundamental da formación do alumnado, xa que a práctica deportiva serve para “adquirir unha serie de valores que favorecen as habilidades e competencias transversais, hoxe en día moi demandadas en todos os eidos da vida, como a responsabilidade, a integración social, compañeirismo, igualdade, traballo en equipo, superación, compromiso ou esforzo”.

46% máis de presenza feminina

Nesta temporada 2021-2022 o Universidade Vigo Rugby Club conta con nove equipos (M6, M8, M10, M12, M14, M16, M18, Sénior Feminino e Sénior Masculino) e arredor de 250 licencias federativas. As xogadoras representan o 33% do cadro, e aínda que segue a ser unha importante diferencia, dende o club amosan o seu orgullo porque a incorporación de nenas e mozas continúa nunha senda de constante crecemento, “rompendo co dogma de que o rugby é un deporte masculino”, como lembraba o director deportivo. De feito, con respecto a 2019 , o incremento da presenza feminina é do 46%, con 17 nenas e mulleres máis nas diversas categorías. Precisamente este foi un dos aspectos que máis recalcaron tanto Xoán Martínez como Óscar Ferreras, que apuntaban que “temos cada vez máis nenos xogando, pero sobre todo cada vez máis nenas e mozas, o que nos enche de orgullo, porque cremos que os valores do rugby deféndense con feitos e non con palabras, sobre todo nunha xornada coma a de hoxe”, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller. 

Respecto das principais novidades para esta nova temporada, o presidente destacou o reforzo da directiva con novos e novas integrantes, así como o nomeamento de Óscar Ferreras, “un home da casa”, como director deportivo para todas as categorías e dun preparador físico, unha figura coa que nunca contara o club, e que será exercida por Joaquín Maguna, adestrador, ademais, do equipo sénior feminino. 

Xoán Martínez tamén lembrou que o club se atopa nunha situación de “tranquilidade económica” e agradeceu o traballo desinteresado de todos e todas os que forman parte del, así como o apoio dos patrocinadores, dende a Universidade de Vigo ata empresas patrocinadoras como Kaleido Ideas & logistics, Mosteiro de Oia, Iberconsa Seafood Processing, Maviva-Alservi, Mahou e Woman Power e entidades como a Xunta, a Deputación e o Concello de Vigo. Da man de todos eles, engadía, “imos seguir traballando para converternos nun referente no rugby a nivel estatal no tratamento da canteira, promocionando os valores do rugby e fomentando a participación de nenas e mozas neste deporte”. 

40 fichas no equipo sénior masculino

Os equipos sénior, tanto masculino coma feminino, militan nesta temporada na Liga Rexional Galega de Rugby, unha competición que botou a andar o pasado 16 de outubro. Óscar Ferreras, o novo director deportivo, destacou o importante crecemento de fichas en toda as categorías, con especial énfase no equipo feminino, “que incrementou significativamente o número de xogadoras” dirixidas por Joaquín Maguna. Pola súa banda, o equipo masculino, adestrado por Chema Fernández, conta con preto de 40 licencias, un número moi elevado tendo en conta que tan só compite un equipo, xa que “a Federación Galega non foi quen de organizar dúas ligas rexionais”. A este respecto, recoñeceu que existen “aspectos positivos e menos positivos pero, de cara ao futuro, se se poñen en marcha dúas ligas rexionais ou se se acada o ascenso, contamos con xogadores para poder afrontalo”.