DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este luns tivo lugar o acto de sinatura deste consorcio que une empresas e sociedade civil

A Universidade de Vigo únese á Alianza Galega polo Clima

O obxectivo, segundo o presidente da Xunta, é “deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións”

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Institucional
DUVI 06/06/2022

Tecido empresarial e sociedade civil únense para loitar contra o cambio climático a través da Alianza Galega polo Clima, un consorcio constituído este luns en Santiago de Compostela ao que se suma a Universidade de Vigo. Xunto coas universidades, asinaron a súa adhesión as autoridades portuarias, empresas e industria e outras entidades que traballarán a prol dun mesmo obxectivo e cunha mesma filosofía, “deixar unha Galicia mellor ás vindeiras xeracións”, en palabras do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Durante o acto de sinatura, ao que asistiu reitor en funcións, Manuel Reigosa, o presidente autonómico lembrou que hai moitas maneiras de contribuír a frear o cambio climático: “Fano as industrias que modifican o seu sistema de produción para facelo máis eficiente e sustentable; fano as universidades cando investigan e deseñan sistemas para favorecer esa produción respectuosa co medio; e fano as empresas que optan por produtos máis sostibles e ecolóxicos ou que desenvolven tecnoloxía que mellora e preserva a contorna”. Neste sentido, a Universidade de Vigo, ademais de impulsar proxectos de I+D que avancen no coñecemento dos procesos e a mitigación do cambio climático, leva anos traballando en propostas de autoabastecemento enerxético a través de instalacións renovables de xeotermia, aerotermia ou enerxía fotovoltaica. De feito, UVigo reduciu un 8% a súa pegada de carbono grazas ás novas instalacións de enerxías renovables e, nos dous últimos anos, acadouse un aforro anual de 1821 toneladas de emisións. Estas medidas forman parte do Plan Suvi que xira arredor de dous eixos fundamentais: actuacións nos propios edificios, con instalacións de xeotermia en Ourense, biomasa en Pontevedra e fotovoltaica en todos os campus, e propostas de concienciación en mobilidade sostible. 

A oportunidade dos fondos Next Generation

No acto deste luns, o presidente do executivo galego salientou a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para consolidar e impulsar iniciativas innovadoras como o proxecto para desenvolver fibras téxtiles a partir da madeira.

Ao longo da súa intervención, Rueda explicou que formar parte desta alianza supón asumir as liñas estratéxicas que cada ano se irán marcando, ademais dunha serie de deberes, como: establecer accións dirixidas á mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre esta materia; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima; ou impulsar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.

Galicia continúa a senda comezada hai xa uns anos

Alfonso Rueda aseverou que, con esta sinatura, Galicia continúa a senda comezada hai uns anos coa posta en marcha da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, unha folla de ruta aprobada en 2019 e cuxo primeiro plan operativo 19/23 conta con 171 medidas e cun investimento de preto de 1300 millóns de euros. Tamén se referiu á Estratexia galega de economía circular 2020-2030 e á Lei de residuos e solos contaminados de Galicia, así como ao Pacto das alcaldías para o clima e enerxía, ao que están adheridos 285 concellos e á futura Lei do Clima de Galicia que, previsiblemente, estará aprobada a finais deste ano 2022.

Así mesmo, destacou o obxectivo de acadar a neutralidade climática no 2050, un esforzo e compromiso que xa está a dar os seus froitos, xa que Galicia logrou reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro case un 36% desde 1990, o que supón máis de 30 puntos menos que a media nacional.