DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Primeira visita institucional da reitora, Carmen García Mateo, ao delegado do Estado, David Regades

Universidade de Vigo e Zona Franca potencian a súa colaboración en proxectos estratéxicos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitora
  • Universidade e empresa
  • Visitas
  • Institucional
DUVI 02/09/2026

A nova reitora, Carmen García Mateo, e o delegado Especial do Estado na Zona Franca, David Regades, mantiveron esta semana a súa primeira reunión oficial, na que puxeron as bases para non só manter a actual relación como socios en proxectos estratéxicos, senón para potenciala en ámbitos como o tecnolóxico, os novos sectores industriais e económicos, na trasferencia de coñecemento e no apoio ás iniciativas universitarias relacionadas coas  enxeñarías, e apoio ao emprendemento e ao emprego.

“Esta visita foi unha primeira toma de contacto para revisar as actuacións conxuntas e os diferentes temas de interese para ambas as dúas institucións”, salientou a reitora, quen destacou, así mesmo, o “ambiente de cordialidade e plena colaboración” , amosándose optimista sobre a posibilidade de anunciar en breve “a posta en marcha de novas iniciativas”.

Na mesma liña, David Regades sinalou que “sei que esta reunión de traballo coa reitora é a primeira de moitas porque para a Zona Franca de Vigo a Universidade é un partner fundamental, sobre todo, naqueles proxectos relacionados coa innovación na que tanto a UVigo como nós estamos volcados”. “Estou seguro”, dixo o delegado, “que poñeremos en marcha novas iniciativas de forma conxunta porque cremos radicalmente na ciencia e no coñecemento como folla de ruta para a transformación da nova economía e o desenvolvemento social”.

Estreita colaboración en múltiples ámbitos

Ambas as dúas institucións manteñen actualmente unha sólida relación de traballo que inclúe ámbitos como a fábrica de semiconductores fotónicos SPARC e o desenvolvemento de proxectos do sector aeroespacial no que ambos os dous organismos queren fortalecer aínda máis o ecosistema actual de empresas, convertido a día de hoxe no máis potente de Galicia e do Estado.

Por outra banda, o impulso á estreita colaboración que, de feito, xa veñen mantendo no proxecto da transformación urbana da ETEA foi outro dos compromisos alcanzados entre García Mateo e David Regades, compromiso marcado nunha base importante de tecnoloxía, economía e mar, vinculado ao proxecto de urbanización da PS1 e aparcamento na Praza de Armas, e pola cesión do Edificio Faraday á Universidade no que se promoverá a sede do Campus do Mar.

Regades e García Mateo tamén confirmaron o impulso do traballo conxunto nas áreas de traballo vinculadas á transferencia de coñecemento como é o caso da nova Cátedra de Computación Cuántica e o da Cátedra ARDAN, creada en 2018, na que o Servizo de Estudos da Zona Franca xunto ao equipo investigador da Universidade de Vigo, analiza cada ano a evolución de 44.726 empresas galegas publicando o prestixioso Informe Ardan. Esta última análise concluiu que a importancia da Eurorrexión, a innovación e a internacionalización consolidan o crecemiento empresarial e son principais motores de competitividade. 

Posta en marcha de novas iniciativas

Tamén destaca a igualdade, máis aló da equidade, como factor importante de competitividade e boa xestión. Nesta liña, de cara a 2027, tratará de avanzarse no desenvolvemento dun novo programa de liderado feminino que podería botar a andar este mes de setembro.