DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coincidindo coa celebración o día 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia

A Universidade volve abrir as portas dos seus laboratorios ás mozas de ensino secundario

Está prevista a participación de preto de 200 alumnas de institutos de Vigo e a súa contorna

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Vigo
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Visitas
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 04/02/2019

Darlle visibilidade ao traballo das científicas e crear roles femininos no eido da ciencia e a enxeñaría. Con estes dous grandes obxectivos a Universidade, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, volverá abrir as portas dos seus laboratorios ás mozas de ensino secundario tanto de Vigo como da súa contorna. Será este mércores 6 de febreiro no campus de Ourense e o luns 11 no de Vigo, onde está previsto a realización de múltiples obradoiros espallados polo Edificio de Ciencias Experimentais, o Cinbio e as escolas de Enxeñería Industrial e Enxeñaría de Telecomunicación.

A iniciativa, que acada xa a súa terceira edición, está impulsada pola Unidade de Igualdade e por grupo de docentes e investigadoras, e conta tamén coa colaboración de múltiples universitarias que queren sumarse a esta particular xornada de portas abertas. 

“Queremos que vexan que as TIC moven o mundo e que as precisamos para contribuír a facelo”

 “Queremos que as alumnas de ensino secundario vexan que as TIC moven o mundo e que as precisamos para contribuír a facelo, achegando a súa visión e as súas ideas”, explica a profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Soledad Torres, coordinadora dos talleres neste centro, quen fai fincapé en que este ano todos os talleres desta escola van ser impartidos por alumnas, “reforzando así a mensaxe de que as mozas son moi benvidas neste centro”, recalca a docente.

Neste centro ofrécense un total de tres obradoiros cunha capacidade de 20 prazas cada un: un sobre programación web, outro sobre programación de robots e outro no que as rapazas terán a posibilidade de programar un pequeno videoxogo.  “Arrancaremos ás 09.30 horas no salón de graos cun acto de recibimento no que tamén vai participar o reitor, Manuel Reigosa, e o director da escola Íñigo Cuiñas”, recalcou a docente.

Ciencias Experimentais e Cinbio, os centros con máis obradoiros

O Edificio de Ciencias Experimentais e o Cinbio serán os que acollan un maior número de actividades coa celebración de seis obradoiros sobre criminoloxía, química orgánica, química física (dous), bioloxía e inmunoloxía que coordinarán diversas profesoras, científicas e estudantes de doutoramento. “A idea é manter o esquema do ano pasado, aínda que tentaremos ir pulindo algúns aspectos”, explica a profesora Verónica Salgueiriño, coordinadora das actividades neste centro. “Faremos unha recepción xeral ás 10.00 horas no salón de actos e aproveitaremos a ocasión para explicar o porqué deste día”, recalca Salgueiriño.

O exemplo de UVigo Motorsport

Na Escola de Enxeñería Industrial as mozas poderán elixir entre un obradoiro de termografía infravermella e un de deseño e prototipado 3D e, a maiores, asistirán tamén a unha presentación informal sobre o proxecto Formula Student, no que as alumnas poderán coñecer a través do alumnado que compón o equipo de UVigo Motorsport o que supón participar nun proxecto de deseño e construción dun monopraza e a competición en circuítos reais de Fórmula 1 con equipos doutras universidades de diferentes países europeos.

Neste centro coordina as actividades a profesora Ana Mejías, subdirectora de Organización Académica, quen fai fincapé en que “nos tres talleres vanse dar unha serie de orientacións técnicas sobre todas as cousas que se poden facer  e que agardamos lle resulten moi atractivas”.