DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Observatorio das Persoas Tituladas crea unha  web para manter o contacto cos exalumnos

A Universidade xa ten un cordón umbilical que a une coas súas egresadas e egresados 

Tamén alberga formularios para continuar coa elaboración de estudos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Estudantado
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 08/07/2019

Fomentar e manter a comunicación e o vínculo constante co antigo alumnado e ser o canal que albergue os formularios en liña que permitan continuar coa elaboración dos estudos de seguimento de inserción laboral das e dos egresados, son os obxectivos da páxina web que o Observatorio das Persoas Tituladas da Universidade de Vigo acaba de estrear. O portal, que foi presentado hoxe nun acto no que participaron o director do observatorio, Luis Espada; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; e as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; e de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, estrutúrase en oito apartados, que dan resposta a ausencia ata agora “dun cordón umbilical entre a Universidade e os seus egresados e egresadas”, dixo Espada Recarey.

O director do Observatorio, xunto a Víctor Manuel Martínez Cacharrón, foron quen, durante os últimos catro anos de fidelizar a uns 12.000 tituladas e titulados dos preto de 71.500 que entre os anos 1989 e 2015 se graduaron na Universidade de Vigo. 12.000 egresadas e egresados, distribuídos en preto de 70 países de todo o mundo, que protagonizaron as dúas publicacións que sobre a situación laboral das persoas tituladas elaborou o Observatorio e que agora conforman a base da nova páxina web, que o reitor, Manuel Reigosa, considera “un imprescindible canal bixectivo cos egresados para saber cal é o seu futuro e tamén para modular as nosas titulacións, se se detectan eivas na súa formación”. Pola súa banda, o presidente do Consello Social destacou o “laborioso e heroico traballo desenvolvido por Espada e Cacharrón”, o tempo que destacou a importancia das e dos egresados, que considera “un elemento que cotiza á alza”.

Unha acción pioneira no sistema universitario español 

Na presentación do novo portal, Luis Espada destacou que coa posta en funcionamento desta web, a Universidade de Vigo convértese na primeira de España en incluír información sobre as súas persoas tituladas desde o ano da súa creación, no curso 1989-1990. O director do Observatorio das Persoas Tituladas, que agradeceu o impulso que o ex reitor Salustiano Mato lle deu ao proxecto e que o seu sucesor no cargo Manuel Reigosa apoiou, subliñou que o portal permitirá continuar co labor de recompilación de información sobre a situación laboral das e dos egresados que ata o momento de entrada en vigor en maio de 2018 do RGDP se realizaba contactando directamente coas persoa tituladas. A partir de agora, as e os ex alumnos poderán, ademais de darse de alta e sumarse á Rede de Persoas Tituladas, cubrir un cuestionario para participar no estudo de inserción laboral centrado nas promocións dos cursos 2015- 2016, 2016-2017 e 2017-2018.

Os apartados de Información introdutoria; Formación; Inserción laboral; Actualidade; Redes sociais e Blog, completan a estrutura da páxina web, que tamén aloxará un boletín electrónico de difusión periódica de información sobre actualidade relevante da Universidade de Vigo e dos servizos de carácter académico, administrativo e laboral-profesional, así como eventos de tipo social, cultural e deportivos organizados pola institución académica e outras noticias que poidan ser de interese para as e os titulados.

“Abrimos así unha fiestra con fluxo e refluxo entre a Universidade e as e os seus egresados”, asegurou Espada que tamén explicou que, respecto das enquisas que ata o de agora se estaban a realizar, os novos cuestionarios incorporarán dúas preguntas relativas á formación complementaria que as e os titulados tiveron que cursar para acadar un posto de traballo, así como sobre o tipo de formación que poderían achegar á Universidade de Vigo, e que na institución non se está a impartir neste intre. Así mesmo, a nova páxina permitirá incorporar un apartado dedicado ás titulacións que neste intre se imparten na institución académica viguesa con toda a información complementaria que as e os egresados, que ata o de agora participaron nos estudos elaborados polo Observatorio, achegaron nas súas respostas.
Pola súa banda, o reitor aludiu na presentación da web á importancia desta ferramenta para “crear un sentimento de identidade. Porque as e os nosos egresados teñen motivos para estar orgullosos de selo, pero estaban moi desconectados”, razón pola que Reigosa invitou ás e aos titulados a darse de alta e participar no portal.