DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco dun convenio para investigar sobre o seu uso como elemento de illamento

Universidade e Xunta buscarán dotar o campus dunha pantalla acústica en madeira

Situaríase na parte contigua á avenida de Compostela

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/12/2021

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves á sinatura dun convenio coa Universidade de Vigo centrado na investigación do uso da madeira como elemento de illamento acústico en infraestruturas de transporte. Dotado dun orzamento próximo aos 260.000 euros, dos que o Goberno galego achegará o 86%, este acordo contempla o estudo e construción dun “proxecto demostrativo” no campus pontevedrés que, como explica o vicerreitor Jorge Soto, terá como obxectivo tratar de dotar o campus dunha “pantalla acústica” realizada con madeira na zona contigua coa avenida de Compostela.

“Sería unha medida que cambiaría a configuración do campus”, salienta Soto dunha actuación que permitiría á súa vez limitar os ruídos que provoca o tránsito de vehículos por esta estrada, situada a carón das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e Ciencias da Educación e do Deporte. “Que a Xunta, a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), aposte pola investigación e a innovación no campus de Pontevedra, é algo a resaltar”, salienta o vicerreitor, que destaca “á axuda inestimable da Escola de Enxeñaría Forestal” na consecución do convenio anunciado este xoves.

Segundo informou a Xunta, este convenio entre a Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Universidade de Vigo estará centrado na investigación sobre o uso da madeira como elemento de mitigación acústica e busca contribuír á posta en valor de "novos usos da madeira desde a innovación”. Nese senso, o proxecto comprende unha investigación centrada no “estudo das alternativas para o emprego da madeira en elementos dedicados a illamento acústico en infraestruturas de transporte”, xunto co impulso dun “proxecto demostrativo”, empregando as “solucións seleccionadas na fase anterior”, que sería esa pantalla en madeira duns 400 metros de longo, que forma parte ás súa vez das medidas recollidas no plan de acción do Green Campus, explica Soto.

Xornadas e cursos para transferir o coñecemento xerado

O convenio recolle así mesmo a realización dun protocolo de seguimento do ensaio, así como a organización de xornadas divulgativas e cursos de formación que permitan transferir o coñecemento obtido ao sector industrial. Como recolleu a Xunta, “estas actuacións buscan abrir un novo uso e un novo mercado á madeira, propoñendo unha solución ambientalmente máis sustentable que as actuais, baseadas en plásticos e polímeros, a través dun elemento natural, reciclable e procedente de montes xestionados de xeito sustentable”. Neste aspecto pon tamén o foco Soto, que destaca a importancia de “pór en valor o que significa para Galicia o desenvolvemento de investigacións e innovacións relacionadas coa madeira e todas as súas posibilidades”, que constitúen un piar nun “cambio fundamental e imprescindible”.