A vicerreitora do campus reuniuse co delegado territorial do Goberno galego en Pontevedra
Universidade e Xunta exploran novas vías de colaboración
Fernández Villarino trasladoulle as necesidades do campus e da UVigo
A nova vicerreitora do campus de Pontevedra, Marián Fernández Villarino, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández, mantiveron este mércores unha reunión institucional, no que os representantes das dúas institucións amosaron a súa “disposición total” para colaborar en múltiples eidos. Fernández Villarino destacou que se tratou dun “primeiro encontro, moi gratificante”, dirixido a abordar co delegado territorial “os nosos proxectos e cales son as necesidades que ten o campus e a Universidade en xeral”.
A vicerreitora salientou nese senso a “dispoñibilidade total” amosada polo delegado territorial da Xunta, quen quixo con este encontro “darlle a benvida á nova vicerreitora e poñerme á súa disposición desde a Xunta de Galicia”, apuntou. Nomeado delegado territorial en Pontevedra o pasado mes de xuño, Fernández salientou que nesta primeira xuntanza “estivemos compartindo novos proxectos, que son moi interesantes e ilusionantes”, ao tempo que puxo en valor “o labor que fai a Universidade de Vigo e o seu campus en Pontevedra”.
