DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus acolle este martes e mércores o congreso FLOODs 2022

Universidades, concas hidrográficas e administracións analizan como mellorar a prevención e resposta ante as inundacións en España

A cita céntrase nos sistemas de alerta e de información interna e externa

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • TIC
  • Investigación
DUVI Ourense 04/10/2022

Un dos grandes retos globais é a loita contra o cambio climático, que ten entre un dos seus principais efectos a intensificación dos eventos extremos, tanto secas como inundacións. Na súa prevención e afrontamento, a xestión da información para a toma de decisións e para a comunicación coa sociedade ten un papel decisivo. Co obxectivo de avanzar na modernización e eficiencia neste eido, o campus de Ourense acolle este martes e mércores a celebración do congreso FLOODs 2022. Prevención, Resiliencia e Resposta fronte a Eventos Extremos. A cita reúne a universidades e centros de investigación cos organismos de todas as concas hidrográficas españois e parte das intracomunitarias e administracións para analizar e avanzar nas ferramentas e mecanismos de actuación para mitigar o impacto das inundacións.

Coñecemento e aplicación

O congreso está organizado polo Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab-Centro de Investigación Mariña) da Universidade de Vigo co apoio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e reúne a máis de 60 especialistas. Na súa inauguración, Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense, salientou que “este simposio daranos a posibilidade de abordar os últimos avances en sistemas de alerta fronte a inundacións desde unha dobre vertente: de xestión e de investigación”. Así, destacou que por unha banda as autoridades responsables da maior parte das concas hidrográficas da península presentarán o estado de evolución dos seus respectivos sistemas de alerta e, por outra banda, un grupo de científicos ligados ao desenvolvemento do modelo IBER, liderados por Ephyslab, amosarán os últimos avances desta ferramenta. Neste senso, lembrou que IBER (programa de modelaxe numérica de auga en dúas dimensións) supón “un exemplo de traballo colaborativo entre diferentes universidades (A Coruña, Politécnica de Catalunya e Vigo e centros como CEDEX), que o teñen convertido nun modelo de referencia en España e en moitos países de Latinoamérica, sendo empregado por empresas, administracións públicas e investigadores para a avaliación e xestión do risco de inundación”.

Pola súa banda, José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, explicou na presentación do congreso que “o impacto do cambio climático é unha realidade” e “os fenómenos extremos, debidos á seca e ás inundacións, cada vez son máis frecuentes, máis intensos e máis prolongados”. Para atenuar estes efectos que, dixo, teñen un impacto tan potente en territorios, pertenzas e persoas, as demarcacións hidrográficas dótanse dunha serie de ferramentas, entre as que os sistemas automáticos de información hidrolóxica e os seus sistemas de axuda á decisión “son imprescindibles” para a prevención e a preparación fronte a estes fenómenos. Na actualidade, comentou, debido a factores como a nova Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia “temos unha oportunidade única para a modernización do ciclo da auga a través de tres ferramentas: a dixitalización, a innovación e a formación”. Neste contexto, o congreso que acolle esta semana o campus, indicou, nace “da estreita e fecunda colaboración entre este organismo e o campus, pola que seguimos apostando para o logro de obxectivos comúns”, lembrando froitos como o Proxecto RISC Miño-Limia, iniciativa transfronteiriza liderada por esta demarcación e na que participou a UVigo.

O congreso, explicaron os seus coordinadores, parte da idea de que, ante o impacto que pode ter en perdas humanas e materiais a intensificación das inundacións, é necesario “un continuo desenvolvemento dos procesos de modelización que permitan prever a posibilidade de inundacións con anterioridade, o que redundará nun mellor e máis eficiente protocolo de actuación e mitigación”. Esta tarefa, indicaron desde Ephyslab, ten unha importante compoñente científica ligada ao desenvolvemento de ferramentas eficientes, xunto cunha compoñente de transferencia do coñecemento ás entidades responsables de tomar as medidas de prevención e/ou paliativas, como as confederacións hidrográficas. Neste marco de traballo, o principal obxectivo do congreso, “é crear un foro no que científicos e responsables na toma de decisións intercambien ideas que permitan elaborar ferramentas e protocolos de actuación fronte a eventos extremos”. Segundo comentou Moncho Gómez Gesteira, membro de Ephyslab, “quixemos xuntar persoal das confederacións, que ao final son os que teñen que aplicar os plans de alerta e os modelos, e desenvolvedores de modelos, como IBER; a parte de investigación e de futuro coa parte de xestión/aplicación do día a día, e poder así ver posibilidades de mellora”. Como exemplo dos froitos que dá este tipo de sinerxías, o catedrático da UVigo apuntou o sistema de alerta temperá Midas desenvolvido polo seu grupo e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil no marco do Proxecto RISC Miño-Limia, actualmente en probas e que dixo “no tempo será o sistema temperá máis desenvolvido que existe na actualidade.

Dous días de traballo

A primeira das conferencias de FLOODs 2022 correu a cargo de Francisco Javier Sánchez, subdirector xeral de Protección das Augas e Xestión de Riscos, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, que falou dos sistemas de axuda á decisión e da dixitalización dos sistema de información hidrolóxica. Na súa intervención destacou que na actualidade, “temos moitos retos por diante e ademais temos financiación para realizalos”. Así, subliñou que “hai un Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en marcha e temos que conseguir que realmente nos axude a modernizarnos”. Esta modernización require, dixo, retos tecnolóxicos e de organización e, entre outros elementos, apuntou que precisa do apoio das universidades e centros de investigación. Entre os desafíos tecnolóxicos apuntou o desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas e lembrou a participación do seu organismo, a través do CEDEX, no modelo IBER, reiterando a súa colaboración para continuar financiando o seu desenvolvemento.

Francisco Javier Sánchez explicou que actualmente están “nos procesos finais da súa aprobación” os plans de xestión de risco de inundación das demarcacións, que supoñen unha actualización dos anteriores, e “unha parte significativa deses plan vai derivada á mellora da información hidrolóxica e das redes de información en xeral”. A subdirección que dirixe, indicou, “coordina toda a información hidrolóxica e para nós é unha prioridade cumprir os plans que se aproban polo goberno” e neste senso apuntou que “tomaremos todas as medidas de apoio aos organismos de conca e os centros de investigación para que poidamos cumprir os plans”. Cada organismo de conca, dixo o relator, é distinto e cada un ten unhas solucións diferentes pero no horizonte de 2027, cando rematará o plan de recuperación, indicou que será preciso contar con ferramentas, na medida do posible de software libre, que permitan avanzar no coñecemento e a xestión da información.  

Ao longo dos dous días de congreso, intervirán para explicar os seus sistemas de información e necesidades representantes das diferentes confederacións hidrográficas españolas e de administracións, como Augas de Galicia. Por parte das universidades, participará persoal investigador das universidades de Vigo (Ephyslab), A Coruña (GEAMA) e Politécnica de Catalunya (Institut Flumen) implicados en IBER, que exporán diferentes exemplos de aplicación e avances neste programa. Ademais investigadoras e investigadores da UVigo falarán de Midas, o sistema integrado de alerta temprana de inundaciones para o río Miño, realizarán unha análise de inundacións históricas, abordarán a aplicación de técnicas de intelixencia artificial á predicción de caudais en embalses e ofrecerán unha avaliación multi-escala do risco de inundación baixo proxeccións climáticas. Tamén participará o Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas, que exporá a experiencia do CEDEX no estudo hidrodinámico de avenidas coa ferramenta de supercomputación Riber.