DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas nas que se reúnen 50 representantes dos servizos de xestión da investigación

As universidades galegas debaten en Vigo sobre o impacto da reforma laboral e da nova Lei da Ciencia na I+D

O obxectivo é poñer en común as experiencias e os procedementos que emprega cada institución

Etiquetas
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 03/11/2022

Persoal das oficinas de I+D, das unidades de xestión da investigación, das oficinas de proxectos internacionais, das vicerreitorías e das xerencias das tres universidades galegas reúnense entre hoxe e mañá no campus de Vigo nunha xornada de traballo. Este evento, que conta co financiamento da Secretaría Xeral de Universidades, reuniu arredor de 50 persoas no edificio Miralles co obxectivo de “poñer en común as experiencias e os procedementos que emprega cada universidade”, como explica Ana Bernabeu, directora da Área de Investigación da UVigo e coordinadora do evento. 

Esta é unha xuntanza que xa se viña celebrando en anos anteriores, pero unicamente destinada ás OTRIs, ata que en 2021 se apostou por abrila e ampliala ao resto dos servizos implicados na xestión da I+D. Con este novo formato, celébrase cada ano nunha das tres universidades galegas, o ano pasado en Santiago e estes días en Vigo, que cederá o testemuña a Coruña.

A xornada comprende tanto relatorios como mesas redondas polas mañá e obradoiros de traballo polas tardes, co obxectivo de “poñer en común as políticas de I+D, promover accións conxuntas e homoxeneizar e harmonizar os procesos”, abordando principalmente temas que “xeran inquedanza entre as persoas asistentes, como a reforma laboral, a nova Lei da Ciencia e as implicacións que esta ten na transferencia”, en palabras de Ana Bernabeu. 

Ademais destes dous aspectos, como sinalaba a vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, hai outros temas sobre os que cómpre un traballo de coordinación por parte das universidades como os fondos Next Generation e a súa xestión, xa que UVigo, USC e UDC están implicadas “en tres plans complementarios: o de ciencias mariñas, o de comunicacións cuánticas e o de biotecnoloxía e saúde, que supoñen unha xestión moi complexa e unha cantidade de documentación e xustificación moito maior que calquera outro proxecto”. A vicerreitora tamén se referiu aos novos programas de recursos humanos, como o de recualificación ou o de consolidación, “que naceron a raíz do financiamento europeo e que foron implantados en pouco tempo, o que complica o labor de harmonizar as convocatorias entre as tres universidades”. Así, destacaba Rubio, esta xornada permitirá “falar, debater e poñer en común as estratexias” e avanzar na homoxeneización dos trámites e procesos e abordar “os retos que temos diante”.

Os retos das universidades

Xunto con Rubio, participaron na inauguración os vicerreitores de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya, e de Política Científica da USC, Vicente Pérez. Os tres coincidiron en destacar que as universidades se atopan nun momento de importantes cambios derivados tanto da reforma laboral como da Lei da Ciencia e nunha contorna “marcada pola transformación dixital, a pospandemia, a guerra en Ucraína, un contexto ao que nos temos que adaptar e no que temos que innovar, innovar tamén en innovación”, destacaba Naya. Nesta situación de transformación, apuntaba, “necesitamos persoal coma vós”, en referencia ás e aos asistentes, “que axudan tanto á xestión das universidades como ao persoal investigador e tamén ás empresas, que son as beneficiarias do ecosistema natural de innovación”. 

Por todo isto, Vicente Pérez, vicerreitor de Política Científica da USC, subliñaba que estas xornadas “son máis necesarias ca nunca, non só polo que xa temos enriba, senón tamén polo que se aveciña”. Pérez referiuse aos “puntos candentes aos que a xestión universitaria da I+D está a enfrontarse”. Ademais da reforma laboral, “ante a que as tres universidades traballamos de forma distinta e é importante que o comentemos”, e da nova Lei da Ciencia, o vicerreitor apuntou outros temas como os centros universitarios e o seu financiamento, os novos centros interuniversitarios e a súa xestión e organización, a carreira investigadora e o reto da ciencia aberta. Este último aspecto foi abordado polos tres vicerreitores onte mércores coa ministra Diana Morant, no Cumio Iberoamericano de Ciencia e, como destacaba Pérez, “vai supoñer unha serie de desafíos que imos ter que abordar, porque implica un xeito diferente de pensar para o persoal investigador pero tamén na xestión”. 

En resumo, como explicaba Belén Rubio, son temas que hai un ano, cando se celebraba a anterior edición desta xuntanza, non estaban apenas sobre a mesa. E é que “aínda que as universidades se moven moi lentamente”, no último ano “os cambios foron vertixinosos” e o obxectivo desta xuntanza é “intentar que todo sexa un pouco máis fácil, que vos coñezades e que poidamos compartir dúbidas, inquedanzas e as diferentes maneiras que temos de facer as cousas”. 

Programa

A xornada arrancou cunha ponencia sobre a estrutura da investigación en Galicia, moderada pola vicerreitora Belén Rubio e impartida por Mª José Mariño, directora de Área de Centros GAIN e por Maru Tallón e Fausto Infante, da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria. O segundo relatorio do día centrouse nas implicacións da nova Lei da Ciencia sobre a función da transferencia nas universidades e correu a cargo de Rogelio Conde-Pumpido, experto en transferencia de tecnoloxía.

Xa pola tarde as e os asistentes participan en diferentes obradoiros sobre temáticas como os itinerarios de valorización nas universidades; a estandarización de metodoloxías de traballo para ciencia excelente; a promoción e xustificación de proxectos Horizonte 2020 e Horizonte Europa; os diferentes tipos de acordos en materia de I+D+i; a xustificación de custos indirectos dos proxectos de investigación promovidos pola Axencia Estatal de Investigación: evolución histórica e problemática ou os problemas habituais na xestión e xustificación de proxectos de investigación internacionais doutros programas de financiamento.

A xornada de mañá venres estará totalmente centrada na Lei de reforma Laboral, cun relatorio a cargo de Fernando Ballester Laguna, catedrático da Universidad de Alacante e unha mesa redonda sobre as implicacións desta lexislación nas universidades galegas, da man de Javier Ferreira, xerente da USC e Anxo Moreira, vicexerente de Investigación da UVigo.