DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dous máster e dous programas de doutoramento que se lanzarían no curso 21/22

As universidades galegas e do norte de Portugal traballan na posta en marcha de catro titulacións conxuntas

Este venres reuníronse no campus os socios do proxecto Universidades Sem Fronteiras

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 13/12/2019

A Rede de Universidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal -composta polas universidades da Coruña, Minho, Santiago de Compostela, Porto, Vigo e Trás-os-Montes e Alto Douro- e a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) están a traballar de maneira conxunta na posta en marcha de catro titulacións internacionais -dous mestrados e dous programas de doutoramento- que, se todo vai como agardan, poderían arrancar a súa andaina no curso 2021-2022. Así se adiantou este venres na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación durante a última reunión de seguimento do proxecto europeo Universidade Sem Fronteiras, UNISF, liderado pola Universidade de Minho e financiado cun orzamento de 1,49 millóns de euros da última convocatoria do Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza, Poctep.

A Universidade de Vigo participa no proxecto a través da Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, dirixida pola profesora María Isabel Doval, quen destaca que a presenza da UVigo neste traballo é “totalmente transversal” participando en todos os paquetes de traballo postos en marcha. “Este proxecto foi tomado con moito interese por todos os participantes porque cando se solicitou e se aprobou foi antes de que xurdira toda a filosofía do programa Erasmus+ European Universities”, explica a vicerreitora, ao tempo que fai fincapé en que UNISF é, precisamente, unha especie de proxecto piloto a pequena escala do European Universities. “Eu penso que o que de aquí saquemos vai ter moita influencia en consorcios máis ambiciosos como son as European Universities”, recalcou Doval, quen admitiu que, “se ben somos conscientes de que é un reto difícil, porque unha cousa é o que aquí se decida e outra o que permitan os respectivos gobernos rexionais, estamos moi ilusionados”.

Das smart-cities ás cuestións interxeracionais

Trátase de desenvolver toda unha serie de ferramentas que contribúan a minimizar os obstáculos xeográficos, administrativos, xurídicos e académicos entre estas seis universidades para poder así pór en marcha estas catro titulacións. Se ben aínda non teñen unha denominación definitiva, os catro títulos xa están concretados, serán un Máster en smart cities, outro en Dereito europeo ou internacional –aínda sen determinar-, un programa de doutoramento en Matemáticas Aplicadas e outro en cuestións interxeracionais, “xa que esta é unha cuestión que nos afecta tanto a Galicia como a Portugal, dado o elevado nivel de envellecemento que temos en ambos territorios”, explicou Joana Almeida, da Universidade do Minho.

“Todos estes programas son multidisciplinares e os docentes que compoñen as diferentes comisións académicas pertencen a áreas moi diversas”, explicou Almeida, quen exemplificou esta afirmación co cadro de docentes do Máste de smart-cities, “conformado por docentes de xeografía, de arquitectura, de enxeñaría...”.

A xuntanza, que se levou a cabo na sala de xuntas da EE de Telecomunicación, contou coa participación dunha vintena de especialistas, entre os que se atopaban numerosos vicerreitores e prorreitores destas seis universidades, así como diferente persoal técnico tanto das universidades como da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER).