DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun simposio interuniversitario celebrado este venres no campus de Ourense

As universidades galegas poñen en común a súa experiencia en proxectos de aprendizaxe-servizo

Coa participación de alumnado, profesorado e entidades participantes en iniciativas deste tipo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Académica
DUVI Ourense 07/11/2025

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolleu este venres a celebración do Simposio interuniversitario: aprendizaxe-servizo e Axenda 2030. Nel, alumnado, persoal docente e investigador e entidades tiveron a oportunidade de pór en común a súa experiencia en proxectos de aprendizaxe e servizo á comunidade e reflexionar sobre como integrar nas aulas os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS ) e a cooperación universitaria ao desenvolvemento.

A cita estivo organizada pola Área de Responsabilidade Social e Cooperación, a Vicerreitoría de Extensión Universitaria e a citada facultade no marco das actividades da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento. Ademais colaboraron as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña. Os obxectivos concretos do simposio foron promover o coñecemento da metodoloxía de aprendizaxe-servizo e da cooperación universitaria ao desenvolvemento no ámbito universitario; reflexionar sobre o potencial desta metodoloxía para incorporar os ODS na docencia; incentivar sinerxías entre entidades sociais e a universidade e contribuír á creación dunha comunidade interuniversitaria en materia de aprendizaxe-servizo.

Das ciencias ás humanidades

Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, foron as encargadas de abrir a sesión destacando os beneficios dos proxectos de aprendizaxe servizo. Tras a apertura, Igor Mella, da Universidade de Santiago de Compostela, ofreceu unha conferencia inaugural sobre a cooperación universitaria ao desenvolvemento e a metodoloxía aprendizaxe servizo. Seguíronlle mesas sectoriais nas que representantes de diferentes universidades galegas expuxeron as súas experiencias. Entre os proxectos presentados hóuboos de temas como a atención optométrica a nenas e nenos en risco de exclusión social; a restauración dos hábitats acuáticos do humidal de Cospeito; a alimentación sostible e saudable; o xornalismo colaborativo e transmediático especializado en intelixencia artificial; a comunidade, lecer e redes de apoio social e a clínica xurídica. 

Outras iniciativas expostas achegáronse a cuestións como o turismo inclusivo; o enfoque transversal sobre os ODS a través do aprendizaxe servizo en Relacións Internacionais; o proxecto Contandem; a valorización de residuos; a xestión agroforestal; a aprendizaxe divertida da física; a educación na diversidade e a transformación social e a defensa de quen defende. Igualmente houbo unha zona de presentación de pósteres cos resultados de investigacións ou de experiencias sobre a cooperación ao desenvolvemento no ámbito da universidade.