DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Reitores e conselleiros asinaron un protocolo para a posta en marcha dunha unidade cooperativa

As universidades galegas e a Xunta impulsarán a investigación sobre terapias avanzadas

O centro comezará a funcionar en probas no último trimestre deste ano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Saúde
  • Institucional
DUVI 21/03/2023

A finais deste ano 2023 estará xa funcionando, en modo de probas, a Unidade cooperativa de investigación en terapias avanzadas de Galicia. O protocolo para a posta en marcha deste organismo foi asinado este martes no Pazo de San Lourenzo, en Santiago de Compostela, pola Xunta, as universidades galegas e as fundacións de investigación sanitaria e permitirá sementar “os alicerces dunha rede de investigación” que aproveitará “as sinerxías entre os distintos grupos, institutos e centros de investigación de Galicia, así como a Axencia Galega de Innovación (GAIN), e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS)”, en palabras do conselleiro Julio García Comesaña. Precisamente o titular de Sanidade, xunto co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde López, foron os encargados de asinar o acordo xunto cos reitores de Vigo, Manuel Reigosa Roger, de Santiago, Antonio López Díaz e da Coruña, Julio Abalde Alonso, ademais dos representantes da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS), a Fundación Profesor Novoa Santos (FPNS) e a Fundación Biomédica Galicia Sur (FBGS). 

Investigación colaborativa

Esta unidade nace como unha rede de investigación colaborativa enfocada á execución de proxectos de investigación básica, preclínica e/ou clínica de forma coordinada e cooperativa que permitirá sumar as capacidades de diferentes grupos de investigación; coordinar liñas de traballo que requiran dunha infraestrutura complexa ou importantes recursos para o salto a ensaios clínicos; posibilitar a participación conxunta para multiplicar as posibilidades de obtención de financiamento e, finalmente, facilitar o desenvolvemento, proba e validación de novos fármacos en investigación experimental, dos que se beneficiarán os pacientes de Galicia e, potencialmente, os de todo o Estado. 

Como subliñaba o conselleiro de Sanidade, o obxectivo é que no futuro “poidamos incorporar eses tratamentos á carteira de servizos do centro e ofrecérllelos despois aos pacientes do Servizo Galego de Saúde”. O centro conta cun investimento que supera os 2,5 millóns de euros e agárdase que poida comezar a funcionar en probas no último trimestre deste ano “para asegurar os máximos estándares de calidade”. No que atinxe ao persoal, adiantou García Comesaña, que se examinará no mes de maio e incorporarase no verán, para realizar a formación necesaria. 

Para rematar a súa intervención, o conselleiro recalcou que “a Xunta segue a avanzar para que o noso sistema sanitario sexa punteiro no eido das terapias innovadoras, situando a Galicia como referente na investigación e produción de tratamentos avanzados”.

Pola súa banda, o vicepresidente económico, Francisco Conde, destacou que a Unidade de Investigación en Terapias Avanzadas suma un plus á liña de traballo que vén mantendo a Xunta e é un novo paso para consolidar un ecosistema biotecnolóxico de referencia. Conde quixo tamén recoñecer e poñer en valor a todos os institutos e grupos de investigación de Galicia que van achegar o seu talento a esta unidade. 

Previo ao acto de sinatura, as autoridades visitaron as instalacións do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas.

Debate sobre CAR-T en Galicia

Tras o acto de sinatura do protocolo celebrouse un debate sobre a terapia de células T con receptores quiméricos de antíxenos, CAR-T, en Galicia e os proxectos ao amparo da rede cooperativa de investigación. Na mesa, moderadora por Jorge Aboal Viñas, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, participou a catedrática da Universidade de Vigo e investigadora do Cinbio África González, ademais de José Rivas Rey, do Imatus da Universidade de Santiago de Compostela; María Mayán Santos, do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e Ángel Carracedo Álvarez, da Fundación Publica Medicina Xenómica - CIMUS (USC). Tamén interviñeron de xeito virtual Xosé Bustelo, do Centro de Investigación del Cáncer (CIC-CRC), CSIC - Universidad de Salamanca e Manel Juan Otero, UB - Hospital Clinic de Barcelona.