DUVI

Diario da Universidade de Vigo

UVigo, USC e UdC organizan o encontro estatal de unidades de igualdade

As universidades, ante o reto de evitar que a crise da covid-19 xere maiores desigualdades de xénero

Celébrase ata o xoves en modalidade virtual coa participación de 52 institucións

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI 15/09/2020

Teitos de cristal, fenda de coidados, movementos regresivos e negacionistas e, agora, o posible impacto da pandemia da covid-19 nun incremento da desigualdade entre mulleres e homes. Son moitas as frontes abertas para o feminismo na actualidade, algúns deles “dende hai milenios” e outros moi recentes, como explicaba o reitor da Universidade de Vigo este martes na inauguración do XIII encontro da Red de Unidades de Igualdad de género para la excelencia universitaria (RUIGEU). O simposio, organizado polas unidades de igualdade das tres universidades galegas, celébrase de xeito virtual ata este xoves día 17 centrando as ponencias e mesas redondas en tres eidos: a igualdade de xénero na I+D+i; as políticas de igualdade nas universidades e as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero no eido universitario. Parte destes contidos serán seminarios web abertos ao público en xeral, como os que teñen lugar esta tarde e mañá mércores ás 17.00 horas e o xoves ás 12.00 h.

En total participan nestas tres xornadas de debate as 52 unidades de igualdade que forman parte da rede estatal. No acto de apertura, a directora do Instituto de la Mujer, Beatriz Gimeno, felicitounas a todas pola iniciativa e remarcou que as universidades son “uns dos actores clave nos procesos de transformación da sociedade para a consecución da igualdade de xénero” e estas xornadas un “un espazo imprescindible para o avance das políticas de igualdade nas universidades españolas”. 

Tanto Gimeno como os reitores das tres universidades galegas, impulsoras do encontro, referíronse nas súas intervencións ao potencial impacto da pandemia da covid-19 na igualdade real entre homes e mulleres. A directora do Instituto de la Mujer explicaba que a crise sanitaria estourou cando o feminismo se atopaba nun momento crucial. “Por unha parte estaba máis forte ca nunca” e como consecuencia tiñan xurdido “correntes antifeministas moi fortes que se atrincheiraron en ámbitos de poder político moi perigosos”. Pero a covid-19 pode impactar provocando “un enorme aumento da desigualdade en todos os ámbitos. Se nos circunscribimos ao eido universitario investigador, se a fenda de coidados se agranda, e esta é unha das consecuencias máis importantes da pandemia, as investigadoras mozas van sufrir unha sobrecarga que lles vai facer moi complicado competir en igualdade cos seus compañeiros”.

Neste mesmo sentido, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, alertaba tamén sobre a carga extra de coidados que recae nas mulleres durante estes meses e avanzou que, aínda sen unha avaliación completa, “semella que a produción científica dos varóns nesta época de pandemia mellorou, mentres que a das mulleres empeorou, unha circunstancia deriva da fenda de coidados que as universidades deben ter en conta”.

As universidades, na vangarda da loita contra a desigualdade 

Manuel Reigosa, no acto de apertura das xornadas, no que participou xunto cos reitores de Santiago, Antonio López, e da Coruña, Julio Abalde, explicaba que “como reitor dunha universidade que está facendo gala de ser unha institución igualitaria”, tiña que recoñecer que “aínda nos queda moito camiño por percorrer e non podemos dicir que teñamos acadado a igualdade real nin sequera en canto á avaliación da nosas profesoras e profesores ou en canto ao desenvolvemento das carreiras profesionais”. É un traballo complicado porque estamos tratado de romper unha dinámica de milenios, milenios nos que a sociedade tratou de avanzar cunha man atada ás costas e queremos desatar esa man porque cremos que iso será moito mellor para todos”. Reigosa tamén se referiu ao risco de involución, “porque a contramensaxe de que xa temos igualdade está tratando de contrarrestar o avance feminista; é o momento de apertar, de empurrar a prol dunha igualdade real, porque unha sociedade só pode ser xusta e feliz se é feminista e igualitaria”.

Pola súa banda, a secretaria xeral de igualdade, Natalia Prieto, facía fincapé en que “a universidade é o ámbito de socialización que máis inflúe na aprendizaxe das persoas e, polo tanto, é neste ámbito onde se debe fomentar a reflexión sobre os roles e os valores que rexen as nosa sociedade, así como traballar para a consecución da igualdade real e na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias”. Por todo isto, dende o Instituto de la Mujer, xunto co Ministerio de Igualdade e o de Universidades, estase a traballar “para que os estudos de xénero teñan a consideración de área científica específica”, como avanzaba Beatriz Gimeno no transcurso do acto.

A maioría nos pupitres ten pendente a conquista dos despachos

Na súa intervención, a secretaria xeral de igualdade, Natalia Prieto, reflectiu en cifras como se perpetúa o teito de cristal nas universidades. “Somos máis mulleres nas aulas, pero somos menos cando avanzamos na escala de poder e na toma de decisións”: dos 1,5 millóns de alumnado matriculado nas universidades en España, o 55% son mulleres; das 8483 teses aprobadas no ano pasado, o 49% foron presentadas por mulleres; das 122.000 persoas docentes e investigadoras, as mulleres representan o 41%; das 83 universidades españolas, tan só 20 teñen reitoras, é dicir, o 24%. Á luz destes datos, resulta evidente, remarcaba Prieto, “as mulleres, a pesar de ser maioría nos pupitres, aínda teñen pendente a conquista dos encerados e dos despachos e, para isto, temos que sumar entre todos para rachar as barreiras de xénero, tantas veces invisibles”. Para isto, animou ás universidades a seguir traballando neste camiño e tendeu a man da Xunta de Galicia para reeditar os convenios actuais neste eido.