DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A creación dunha cátedra interuniversitaria é outra das accións previstas 

As universidades do SUG e a Asociación Galega do Hidróxeno alíanse para promover unha investigación coordinada sobre o hidróxeno verde

Representantes das institucións celebraron nas últimas horas unha reunión no Cintecx

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 12/04/2023

Impulsar o desenvolvemento coordinado de liñas de investigación arredor do hidróxeno é o obxectivo da Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2) e as universidades galegas, que nas últimas horas celebraron no Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (Cintecx) da Universidade de Vigo un primeiro encontro de traballo, cualificado polos e polas participantes como “un fito na integración de esforzos nun campo de investigación”. Na xuntanza, na que participaron o director técnico e catedrático de Física da USC, Luis Miguel Varela; o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade e a directora do Cintecx da UVigo, José Luis Míguez e Concepción Paz, respectivamente; e o director científico do Centro de Investigacións Tecnolóxicas da UDC, Armando Yáñez, analizáronse as capacidades e necesidades do sistema universitario de investigación en hidróxeno en Galicia, así como a posibilidade de crear unha cátedra interuniversitaria.

“Con esta iniciativa, preténdese aliñar as capacidades investigadoras do SUG relacionadas có hidróxeno en torno a liñas prioritarias nun mapa completo, tendo en conta aos centros tecnolóxicos e o tecido produtivo da contorna”, explica a directora do Cintecx, que sinala que, deste xeito, “evitaranse duplicidades, identificarase equipamento e infraestruturas necesarias e promoverase un uso eficiente dos recursos, de maneira que se cimente a base dun I+D+i entorno ao hidróxeno verde en Galicia”. Pola súa banda, o director técnico da AGH2, Luis Miguel Varela, “a reunión marca un novo escenario cun novo enfoque no campo da investigación, neste caso do hidróxeno verde”. O acordo de colaboración entre os e as investigadoras do Sistema Universitario de Galicia  “leva un compromiso de país, un referente neste campo, que asenta as bases para planificar, de maneira coordinada, a investigación sobre o H2”, apunta Varela.

Representando á AGH2, ademais do seu director técnico, tamén participou na reunión o vicepresidente da entidade, Luis Moreno. Por parte da UVigo asistiron á xuntanza, ademais do vicerreitor de Planificación e da directora do Cintecx, os docentes e investigadores Jacobo Porteiro e María Ángeles Sanroman. Como representantes da USC, ademais do catedrático de Física, Luis Miguel Varela, tamén participou o director de Promoción y Estratexia Científica da USC, Emilio Martínez, mentres que o director da ETS de Náutica e Máquinas, Manuel Romero e, de maneira telemática, o director do Departamento de Física e Ciencias da Terra e catedrático, Óscar Cabeza, completaron a representación da UDC na xuntanza celebrada no campus vigués.

Análise de capacidades e cátedra interuniversitaria

Na primeira reunión das tres institucións e a AGH2, realizouse unha análise preliminar de capacidades e necesidades no sistema universitario de investigación en H2 en Galicia, para o que se acordou realizar consultas internas e presentar as conclusións na próxima xornada de traballo. “O obxectivo é que cada institución analice as súas capacidades técnicas, de equipos, de persoal e de liñas de investigación, para posteriormente fixar cales serán as prioritarias a desenvolver”, explica o director técnico da AGH2. Na xuntanza celebradas no campus vigués tamén se expuxo a necesidade de crear unha cátedra interuniversitaria de hidróxeno, para a que se buscarán diferentes liñas de financiamento, e coa que se pretende unir os sectores público, privado, social e científico e impulsar de maneira conxunta a especialización de Galicia e os seus profesionais no sector do hidróxeno verde e toda a súa cadea de valor. 

A próxima reunión celebrarase previsiblemente na UDC, durante a primeira semana de maio, onde se poñerá en común a situación de cada centro e acordaranse as liñas de investigación prioritarias. Posteriormente, levarase a cabo un proceso similar cos centros tecnolóxicos de Galicia, para finalmente establecer un mapa de investigación de H2 verde na comunidade e investigar de xeito coordinado e consensuado, as diferentes dimensións do vector enerxético, que será clave na transición ecolóxica.