DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As universidades de Vigo, A Coruña e Oporto, líderes dos XXII Xogos Galaico- Durienses

A clausura tivo lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 22/11/2007

As universidades de Vigo, A Coruña e Oporto foron as indudables líderes dos XXII Xogos Galaico- Durienses que se celebraron nas instalacións do campus de Pontevedra dende o pasado 20 de novembro. Os vigueses marcaron moi positivamente esta competición ao ocupar o primeiro posto nas modalidades de duatlón-cross, xadrez e orientación e acabar como subcampións de tenis de mesa. A clausura da competición e a entrega de trofeos tivo lugar no Pazo de Cultura de Pontevedra cunha cerimonia que contou coa actuación do grupo teatral Os Catro Galáns, que xa se encargaran da inauguaración dos xogos. Cun acto atípico e un ton divertido, os humoristas combinaron varios vídeos con actuacións en vivo para a entrega de trofeos.

Positiva valoración dos participantes

En xeral todos os participantes do torneo están moi satisfeitos coa labor realizada e esperan con ansia a celebración da próxima edición dos Xogos Galaico- Durienses. Como aspecto destacable cabe sinalar que os deportistas valoraron moi positivamente a cercanía das instalacións, algo que ratifican desde a organización. “No campus de Pontevedra temos a facilitade e a vantaxe de que as instalacións deportivas están moi a man e os deportistas e espectadores puideron asistir a varias competicións sen ter que desprazarse, cousa que non ocorría noutras edicións do torneo”, comentou Javier Rial, o responsable do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. “Coma novidade desta edición, traslamos o tenis de mesa dentro da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cando noutras ocasións estaba nun lugar pechado, e grazas a iso conseguimos moita mais afluencia de público”, engadiu o responsable do Servizo de Deportes.