Reitores e director do operador galego asinaron hoxe en Vigo a súa renovación
As universidades de Vigo e Coruña e R certifican a continuidade da Cátedra en Ciberseguridade
Nada hai tres anos co obxectivo de adaptar o coñecemento ás necesidades da empresa
A Cátedra R en Ciberseguridade manterá a súa actividade nos eidos da formación, divulgación e investigación co obxectivo de adaptar o coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade. Nada en 2018, froito da colaboración das universidades de Vigo e A Coruña e o operador galego R, a Cátedra en Ciberseguridade foi unha iniciativa pioneira no ámbito interuniversitario galego, comprometido en responder ás crecentes necesidades da sociedade e da empresa, nesta materia.
Este mediodía, no despacho do reitor da UVigo, Manuel Reigosa; Julio Abalde, reitor da UDC e Alfredo Ramos, director de R, asinaron o convenio para a renovación da Cátedra R en Ciberseguridade, que manterá intactos os alicerces que a sustentan para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos técnicos e as capacidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. Un coñecemento, que como meta última da Cátedra, persegue adaptarse ás necesidades da empresa, fomentando a formación continúa, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.
Un exemplo de colaboración nun ámbito imprescindible para garantir a protección
O reitor da Universidade de Vigo salientou estes mediodía a importancia de renovar “unha Cátedra pioneira centrada no desenvolvemento das capacidades do alumnado e en trasladar o coñecemento xerado no ámbito da ciberseguridade ás empresas, dándolle así resposta ás súas necesidades”. Logo de tres anos de colaboración, Manuel Reigosa, agradeceu “o traballo desenvolvido por todos os parceiros da Cátedra R, “un exemplo de colaboración das universidades públicas, neste caso co operador R no eido da seguridade no universo dixital”, sinalou Reigosa.
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña resaltou que "hai tres anos se asinou este convenio de creación da Cátedra R de Ciberseguridade nun momento en que era importante empezar a desenvolver o coñecemento sobre ciberseguridade. Tres anos despois vemos que é imprescindible dispoñer de sistemas que nos protexan. A situación actual, mesmo coa invasión de Ucraína, pon en alerta a todas as empresas e institucións que necesitan dispoñer de sistemas de seguridade informática", dixo Julio Abalde.
O director de R, Alfredo Ramos considera “unha boísima nova a renovación desta Cátedra R en Ciberseguridade que vencella dúas grandes universidades galegas con R. Un acordo que xa hai tres anos marcou un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abriu un vieiro para traballar conxuntamente, institucións públicas e privadas, a prol da divulgación de coñecemento e experiencia sobre ciberseguridade, profundando nos seus riscos e ameazas, desafíos e solucións”. Para o director de R esta materia “vén de confirmar a súa relevancia e esencialidade durante a crise sanitaria e mesmo nesta etapa postpandémica que agora comezamos. Na conxuntura actual, a ciberseguridade vai requirir aínda máis, se cabe, a nosa atención para garantir o maior grao posible de seguridade a persoas e empresas nun mundo cada vez máis dixitalizado a todos os niveis”, sinalou Alfredo Ramos.
Formar, investigar e divulgar
O convenio asinado hoxe ratifica as liña de actuación deseñadas polas universidades e R cando a cátedra foi creada e entre as que destacan a colaboración na docencia e na investigación a través do Máster Interuniversitario en Ciberseguridade; a creación dun programa de captación de talento con alumnado de ambas as dúas universidades; posta en servizo de espazos para a difusión e debate sobre ciberseguridade e capacitación en competencias, tanto dentro da comunidade universitaria, como fóra dela, atendendo ás necesidades competitivas das empresas.
A Cátedra R seguirá nos ámbitos da formación e da divulgación colaborando como ata o de agora en mestrados e estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas pre e pos doutorais, premios a proxectos fin de grao ou mestrado, conferencias, seminarios, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, plans de formación de empresas, etc. No campo da investigación, potenciaranse liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos no ámbito galego, español e europeo; apoiaranse teses de doutoramento, así como encontros nacionais e internacionais de persoas expertas nas áreas de interese da ciberseguridade; ademais de impulsar a contratación de grupos das universidades de Vigo e A Coruña para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.
Sedes e comisión de seguimento nas escolas
As actividades programadas nesta nova etapa da Cátedra continuarán a desenvolverse nas escolas de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e de Informática da UDC. Así mesmo, unha comisión de seguimento, integrada por dous representantes das institucións académicas, e dous do operador galego, encargaranse de supervisar as accións derivadas do convenio asinado para darlle o visto e prace ás accións que se vaian realizar, aprobar os orzamentos anuais e elaborar unha memoria anual, entre outras funcións.