DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da Cátedra Aldaba, constituída en outubro 2019

As universidades de Vigo e A Coruña renovan a súa alianza para seguir promovendo as vocacións TIC entre as mulleres

Manuel Reigosa e Julio Abalde asinaron o acordo xunto ao responsable da empresa, Enrique Fernández

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Reitor
  • TIC
  • Institucional
D. Besadío DUVI 12/09/2022

Seguir organizando todo tipo de actividades divulgativas nos centros de ensino secundario para fomentar  nas mulleres as vocacións TIC, sobre todo no ámbito da Enxeñaría Informática. As universidades da Coruña e Vigo e a empresa Aldaba asinaron este luns a renovación da Cátedra Aldaba Wib: Women, ICT & Business, unha iniciativa que botou a andar en outubro de 2019 e que, tras tres anos en funcionamento, renova o seu compromiso de dar visibilidade ás achegas das mulleres no eido das TIC de cara a xerar referentes para espertar o interese das nenas e rapazas nas carreiras tecnolóxicas.

A sinatura do acordo tivo lugar no edificio Exeria e contou coa participación dos reitores das universidades de Vigo e  A Coruña, Manuel Reigosa e Julio Abalde, e do responsable da empresa, Enrique Fernández, así como das coordinadoras da cátedra en ambas universidades, a profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña, Virginia Mato, e da Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo, Alma Gómez.

“Este é un exemplo dos excelentes froitos que dá a colaboración público-privada”, subliñou Reigosa tras a sinatura do acordo, unha idea na que tamén fixo fincapé Julio Abalde, quen insistiu en que esta é unha das poucas cátedras conxuntas entre ambas institucións “e un claro exemplo de que traballando xuntos somos máis fortes”. Os tres se manifestaron “moi satisfeitos” dos resultados acadados nestes tres anos, se ben a pandemia impediu a realización de moitas das actividades que estaba previsto levar a cabo nos institutos e que agora está previsto retomar. “Elaboramos diferentes vídeos e material divulgativo, así como un portal web con información estatística sobre a presenza das mulleres no ámbito académico das TIC”, explicou o responsable da empresa, Enrique Fernández, quen resaltou a importancia de traballar coas alumnas de ensino secundario, “pois xa desde segundo e terceiro curso da ESO teñen que elixir materias que determinarán o tipo de estudos que van levar a cabo, por iso é tan importante que conten con información axeitada sobre as carreiras TIC, os seus contidos e os perfís profesionais aos que dan acceso”.

Adscrita ás Facultade de Informática da UDC e a ESEI da UVigo

De carácter interuniversitario, a cátedra  conta con dous centros adscritos, por unha banda, a Facultade de Informática, no campus da Coruña e, pola outra, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, no campus de Ourense, de maneira que ambos centros colaboran na posta en marcha das diferentes actividades que se levan a cabo.

Ademais do fomento das titulacións TIC entre as alumnas de ensino secundario, as principais liñas estratéxicas inclúen tamén contribuír á formación de alto nivel dos futuros graduados e graduadas da FIC-UDC e a ESEI-UVigo, a través de actividades que acheguen ao alumnado as necesidades e posibilidades de uso das TIC en empresas, así como facilitar a súa integración no mundo laboral, salientando as competencias, coñecementos e habilidades que demanda o tecido empresarial galego.

“Só 1,5 rapazas escolle informática por cada 10 alumnos”

Entre os diferentes exemplos das actividades postas en marcha desde a cátedra pode mencionarse un vídeo realizado desde a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense no que a profesora Alma Gómez explica dun xeito ameno e directo, e dirixíndose de xeito especial ás rapazas, as oportunidades que ofrecen as carreiras de enxeñaría informática e as razóns para estudar esta titulación, desde razóns sociais, como o impacto na vida das persoas que ten a informática, ata razóns persoais, como a alta empregabilidade deste grao. Facendo fincapé en como na actualidade “só 1,5 rapazas escolle informática por cada 10 alumnos”, no audiovisual advírtese como estas cifras evidencian que se está perdendo o talento das mulleres nun sector clave no presente e futuro da sociedade e se anima ás rapazas a considerar entre as súas opcións estudar enxeñaría informática.