DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro curso académico comezará a impartirse en Ourense e Lugo

As universidades de Vigo e Santiago poñen en marcha un mestrado de drones

Este mércores foi presentado no Aeródromo de Rozas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Académica
DUVI Ourense 23/05/2018

O Aeródromo de Rozas acolleu este mércores o acto de presentación do Mestrado Oficial Interuniversitario en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados, que impartirán o vindeiro curso académico as universidades de Vigo e Santiago de Compostela, concretamente a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo.  

O acto contou coa asistencia de Arno Formella, director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Higinio González, coordinador do mestrado por parte da Universidade de Vigo; Tomás Cuesta, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría; Mª Luz Gil, coordinadora do mestrado por parte da Universidade de Santiago de Compostela; Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación, e Neves Seoane, responsable do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas. Higinio González e Mª Luz Gil foron os encargados de presentar un mestrado centrado nos comunmente denominados drones, un sector en auxe no que en España traballan na actualidade 21 fabricantes e máis de 3000 empresas operadoras. 

Trátase, recalcaron os seus coordinadores, dun mestrado singular en Galicia e no noroeste peninsular. “O sector necesita profesionais cualificados para o deseño, fabricación, certificación, operación e mantemento deste tipo de sistemas. Ademais Galicia está realizando unha aposta estratéxica crucial para o desenvolvemento do sector que xunta programas como a Civil UAS Initiative ou o desenvolvemento do Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia”, destacou Higinio González. “O novo posgrao xurde en resposta á demanda existente no mercado e desenvólvese en parello ao despegue que está a experimentar este sector do eido da aeronáutica”, engadiu Gil Docampo.

24 prazas e dúas especialidades

O Mestrado en Operacións e Enxeñaría de Sistemas Aéreos non Tripulados é un posgrao oficial de carácter presencial que está estruturado en 60 créditos ECTS e que se imparte ao longo dun curso académico. O posgrao, de marcada orientación profesional, arrancará no curso 2018/2019 cun límite de 24 prazas, considerándose o perfil de ingreso recomendado calquera grao en enxeñaría ou física. O mestrado contará con dúas especialidades, unha de aplicación na xestión dos recursos da terra, liderada pola Universidade de Santiago de Compostela, e outra de enxeñaría de sistemas aéreos non tripulados, liderada pola Universidade de Vigo. O alumnado matriculado no mestrado poderá seguir as distintas sesións formativas que se celebren de xeito presencial ou ben a través de videoconferencia en función do campus universitario no que se atope.

Haberá prácticas obrigatorias de dous meses para todo o alumnado en empresas, centros de investigación e centros tecnolóxicos, sendo xa máis de 30 as entidades que apoian a posta en marcha deste programa oficial de posgrao. O prezo do Máster pode variar dun curso a outro, xa que os prezos son establecidos pola Xunta de Galicia, estimándose un custo aproximado de 1950 euros tendo en conta as tarifas do curso 2017/2018.

Durante o acto, a directora da Axencia Galega de Innovación explicou a posta en marcha da Iniciativa Civil UAS así como o impulso que está a dar a administración autonómica ao Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia, e a directora do Centro de Investigación Aeroportada de Rozas explicou asemade o proceso de creación deste centro e os seus cometidos.