DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Carmen García Mateo avoga por incrementalo, porque “o financiamento real diminúe ano a ano”

Universidades e Xunta inician o traballo para elaborar o Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032

O vicerreitor de Gobernanza da UVigo, Xosé H. Vázquez, destaca “a cordialidade” da xuntanza

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Reitora
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 28/07/2026

Cunha xuntanza celebrada este martes na Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, na que participaron representantes a Xunta e das tres universidades do SUG, iniciáronse os traballos para a elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario 2028-2032. “Unha xuntanza cordial na que se puxo de manifesto que estamos aliñados para mellorar o sistema”, sinala o vicerreitor de Gobernanza, Estratexia e Economía, Xosé Henrique Vázquez, que xunto á xerenta, Ana Comesaña, representou á UVigo na primeira reunión celebrada para elaborar o que será o sétimo Plan de Financiamento universitario.

Un plan que, segundo a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, “cada vez financia menos, porque o financiamento real diminúe ano a ano, e aínda que no plan hai contemplado un incremento dese financiamento real, a inflación aumenta en maior proporción”. Neste sentido, a reitora destaca que “se no ano 2020 o Plan era case o 84% dos ingresos reais, neste ano 2026 é o 76%”.

A reitora da UVigo considera que, “aínda que as universidades xestionamos ben o nosos ingresos e somos competitivas, debido ao envellecemento da plantilla e á inflación, claramente os fondos estruturais non son suficientes”, polo que o novo Plan de Financiamento “ ten que aumentar en cantidade e logo o reparto interno, a proporción dedicada a custos estruturais, tamén ten que ser maior”, explica García Mateo.

Manter a estrutura do Plan vixente

A Xunta sinala que o documento para o período 2028/32 manterá a estrutura do plan vixente, incluíndo as novidades incorporadas ao SUG nos últimos anos, como a matrícula gratuíta ou a Fundación Galtia, así como as esixencias económicas que supón para as comunidades autónomas o programa estatal María Goyri. O executivo autonómico sinala ademais, que actual folla de ruta, con vixencia no período 2022/26 e que se prorrogará ao ano 2027, supuxo unha achega de preto de 2542 M€, case 85M€ máis do previsto inicialmente e se se teñen en conta as achegas públicas á marxe do plan, e a falta de que as universidades presenten as contas auditadas de todo o período, a previsión é que se mobilicen máis de 3300 M€ no período, fronte aos 3177 M€ previstos en 2022. 

Na xuntanza celebrada este martes en Santiago de Compostela, propúxose unha metodoloxía de traballo e “a Consellería amosouse aberta a recibir datos e opinións para mellorar a estrutura do Plan”, sinala Xosé H. Vázquez. Concretamente para realizar os cálculos, as universidades deberán remitir á Xunta nos vindeiros meses información sobre a planificación das xubilacións, as táboas de necesidades docentes, os seus plans de investigación, ou diferentes datos de contabilidade analítica (custo de cada centro, custo por crédito...).

Na reunión do grupo de traballo celebrada hoxe participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez; o director xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, Arturo López; a subdirectora xeral de Universidades, Beatriz Soutelo; e o subdirector de Financiamento Autonómico, Recursos e Análise orzamentaria, Javier de la Peña, como representantes da Xunta. Por parte da Universidade de Santiago de Compostela tomaron parte o xerente, Juan Díaz Villoslada, e o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande; mentres que pola da Coruña tomaron parte o reitor, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Economía e Planificación Estratéxica, Ángel Fernández.