DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada na que puideron coñecer o seu traballo en dous proxectos europeos

A University of Life Sciences de Varsovia interésase polas investigacións da EE Forestal

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
DUVI Pontevedra 30/11/2022

A University of Life Sciences de Varsovia é unha das entidades académicas participantes no proxecto europeo Care4C, que pon o foco no papel que poden xogar os bosques na redución de emisións de dióxido de carbono á atmosfera. No marco dunha iniciativa que busca promover o intercambio de coñecemento en torno a esta temática, os investigadores do seu Instituto de Ciencias Forestais Bogdan Brzeziecki e Kamil Bielak levan a cabo nestes días unha estadía en Galicia dentro da que un dos puntos seleccionados foi a Escola de Enxeñaría Forestal. Os docentes do Departamento de Silvicultura da institución polaca desprazáronse nesta xornada ata o centro do campus pontevedrés co obxectivo de coñecer o traballo que os seus investigadoras e investigadores levan a cabo no marco dos proxectos europeos Resonate e Firepoctep. “É unha universidade coa tivemos xa bastante relación e de feito alumnos nosos estiveron alí facendo prácticas, no bosque de Bialowieza”, sinala Picos, que destaca o interesante desta xornada de cara a explorar “posibles colaboracións no marco doutros proxectos de investigación e tamén docentes”.

Os investigadores polacos participaron tamén nunha saída de campo que lles permitiu coñecer máis ao detalle os dous proxectos europeos, acompañados por Picos e pola egresada do centro Alba Devesa, representante da cooperativa Agresta, outra das entidades socias do proxecto Care4C. Por unha banda, explica Picos, visitaron as zonas do Baixo Miño onde a EE Forestal levou a cabo un estudo sobre os grandes incendios forestais, no marco do proxecto Firepoctep. Tamén nesta comarca, os representantes da universidade polaca puideron coñecer o estudo ligado á cadea de valor do piñeiro que a escola desenvolve no marco do proxecto Resonate, centrado na definición de estratexias para mellorar a capacidade de adaptación dos bosques europeos aos efectos do cambio climático.