DUVI

Diario da Universidade de Vigo

80 científicas e científicos danse cita ata este venres no edificio Redeiras da UVigo

O universo galego da investigación en astronomía e astrofísica concéntrase no congreso GIAA2025 

Durante dous días sucederanse os relatorios, mesas redondas e presentacións curtas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • HR
  • Investigación
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/07/2025

“O universo é todo que vemos e o que non vemos. Materia, enerxía, interacción de forzas é o noso campo de traballo e tamén a exploración espacial e outros temas que están incluídos no programa, e todo coa connotación da galeguidade, porque estamos espallados por todo o universo”. Con estas palabras iniciaba a catedrática da Astrofísica da UVigo e investigadora do CIM Ana Ulla a súa intervención na inauguración do I Congreso Galego de Investigación en Astronomía e Astrofísica, GIAA 2025, do que é presidenta do comité organizador científico, xunto ao investigador do Grupo de Astroespectroscopia e Exoplanetas no Instituto de Física Teórica e Astronomía da Universidade de Vilnius. da Universidade de Vilnius Carlos Viscasillas. 

Precisamente foi Viscasillas quen, con un relatorio, iniciaba esta mañá o congreso que continuará ata mañá no edificio Redeiras da UVigo e no que se sucederán os relatorios, mesas redondas e exposicións curtas a cargo de investigadoras e investigadores galegos dos ámbitos da astronomía e astrofísica. que en moitos casos desenvolven o seu labor fóra de Galicia. E é que crear un punto de encontro para esa comunidade científica vencellada ao país foi, como lembrou na súa presentación o director do CIM-UVigo, Daniel Rey, o obxectivo deste congreso, “cando Ana Ulla o imaxinou foi porque pensou que a astronomía merecía un espazo, o que tamén pon de relevo a importancia da ciencia en Galicia”, dixo Rey.

Pola súa banda, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, reivindicou a busca do coñecemento para acadar un mundo mellor. “É emocionante que haxa esta comunidade científica que nos fará mellor como especie”, dixo o reitor, en contraposición con situacións como as guerras de Gaza e Ucraína, que amosan a peor cara da humanidade. O reitor agradeceu a Ana Ulla a iniciativa de “xuntar esta comunidade” da que destacou a elevada presenza de mulleres, para as que reivindicou aínda máis presenza no ámbito científico, así como en postos de responsabilidade. A concelleira de Atención Cidadá, Patricia Iglesias, en representación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou o nivel das e dos participantes no congreso, aos que deu a benvida e animou a gozar dos dous días de congreso e da cidade. 

O acto de inauguración rematou coa interpretación a cargo da violinista Carmen Gallego de tres pezas do astrónomo e compositor William Herschel.  

Sistema solar, exoplanetas, cosmoloxía ou astronomía cultural

Máis de medio cento de participantes presenciais aos que se engaden máis dunha vintena en liña, están a participar na primeira xornada do congreso que comezou coa intervención do investigador e copresidente do comité científico de GIAA25, Carlos Viscasillas, e ao que seguiron unha serie de presentacións curtas nas que as e os investigadores participantes centraron as súas exposicións en área temáticas como o sistema solar, os exoplanetas ou a vía láctea. 

Mesas redondas sobre o sector espacial e a astrofísica en Galicia e máis relatorios e presentacións breves sobre astronomía cultural, galaxias e cosmoloxía completarán o programa do congreso no que participan, entre outros, galegos e galegas que levan a cabo o seu labor nos institutos de astrofísica de Canarias e Andalucía, do Observatorio Astronómico Nacional, do Instituto de Ciencias del Patrimonio e o Instituto de Ciencias del Espacio, ambos do CSIC, entre moitos outros. Chegados de fóra de Galicia toman parte en GIAA25 representantes  de organismos como a Axencia Espacial Europea; o European Space Astronomy Centre, ESAC; o Observatorio do conxunto de telescopios Cherenkov ou universidades como Xinebra (Suíza), Técnica de Dresde e Postdam (Alemaña), Bristol (Inglaterra), Coimbra (Portugal) ou a venezolana de Los Andes.

Compartir o coñecemento coa cidadanía

En paralelo á celebración do congreso, a organización esta a desenvolver unha serie de actividades co obxectivo de achegar o seu traballo á cidadanía, como a conferencia e observación que se desenvolveu onte na praza do Rei e a exposición Astrónomas que estará aberta ao publico ata o 30 de xuño. 

A mostra que se pode visitar de 09.00 a 14.00 horas céntrase nas mulleres que dedicaron os seus días e as súas noites ao estudo da astronomía. A súa versión dixital, dispoñible na páxina web www.astronomas.org, inclúe máis de 300 astrónomas que traballan ou traballaron nunha ou máis das 14 disciplinas nas que se estrutura a exposición, unha mostra que reflicte unha ampla variedade de etnias, áreas xeográficas, categorías profesionais e diversidade funcional. 

Ademais de información sobre cada unha das protagonistas, a exposición compleméntase con diversos materiais como: unha contextualización da astronomía con outras ciencias e a súa relación coa cultura (cine, literatura, arte etc.), folletos educativos descargables, xogos interactivos, podcasts e vídeos. Todo isto acompañado dunha banda sonora orixinal composta por unha moza astrofísica. Inclúese, ademais, unha versión física de 16 paneis impresos, dispoñibles en diferentes idiomas.