DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A USC acolleu o acto oficial de inauguración do curso 2007-2008

Coa presenza de numerosas autoridades

Etiquetas
  • Vigo
DUVI DUVI 28/09/2007

Os tres reitores galegos e o presidente da Xunta asistiron este venres á cerimonia oficial de apertura do curso do Sistema Universitario de Galicia que tivo lugar no Colexio de Fonseca da USC.
Alberto Gago, xunto con Senén Barro, José María Barja e a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón; e os presidentes dos Consellos Sociais das Universidades de Santiago e Vigo, Manuel Puga e Emilio Atrio, respectivamente foron algúns dos persoeiros que tomaron parte no acto.
O catedrático de Física da Materia Condensada da Facultade de Física da USC, Vicente Pérez Villar, foi o encargado da lectura da lección maxistral titulada ‘Capacidade de interpretación e predición dos modelos físicos’. Nela afondou sobre os obxectivos fundamentais da Ciencia: as leis que rexen o Universo e a evolución.
Pola súa banda, Emilio Pérez Touriño avanzou “que a Xunta de Galicia incorporará unha dotación para o desenvolvemento de novos contratos programas, orientados a acadar os obxectivos do Espazo Europeo de Educación Superior; á función investigadora; á coordinación dos servizos e infraestruturas de apoio e á optimización da inserción laboral”. O presidente da Xunta subliñou tamén que as universidades galegas son das máis activas do Estado en I+D, “xa que o 70% da actividade investigadora galega se produce nos seus campus”. Touriño lembrou que as tres universidades galegas contan, na actualidade, con 75.000 alumnos, 5.500 profesores e 2.600 postos de administración e servizos distribuídos ao longo dos seus sete campus.
Pola súa banda, o reitor da USC, Senén Barro estruturou a súa intervención arredor de catro cuestións: o sentido común, o sentido académico, o sentido solidario e o sentido político. No referente ao sentido académico, Barro subliñou que “na construción do Espazo Europeo de Educación Superior resulta imprescindible que o proceso de deseño da nova oferta docente se realice sen máis demoras ou reviravoltas” e contando con criterios e medios adecuados para que non fracase “esta oportunidade de mellorar a calidade da oferta de títulos e a cobertura dos distintos nichos de demanda”. Esta reforma debe ser aproveitada tamén “para lograr que a oferta conxunta das Universidades galegas estea en maior sintonía coa demanda estudantil e a dos empregadores”.