DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo revela un estudo realizado nos tres campus

O uso do preservativo descende entre as universitarias de maior idade

Encarnación Sueiro incidiu na adopción de medidas contra as ETS

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 27/03/2008
As condutas sexuais de risco son as causantes do contaxio de enfermidades de transmisión sexual que se poden previr seguindo unhas pautas axeitadas. Nesta idea incidiu reiteradamente Encarnación Sueiro, profesora e psicóloga clínica do COF Nóvoa Santos, na conferencia que ofreceu na Facultade de Ciencias da Educación e na que explicou este tipo de comportamentos. Sueiro, tamén analizou os datos procedentes dun estudo realizado entre alumnas da Universidade de Vigo acerca dos seus hábitos sexuais, mentres que Xosé Luís Doval, xefe de xinecoloxía do Complexo Hospitalario de Ourense afondou no virus do papiloma humano, a doenza de transmisión sexual máis común no mundo e para a que, recentemente, foi descuberta unha vacina.
Segundo a definición da Organización Mundial da Saúde, saúde sexual é a aptitude para disfrutar dunha actividade sexual e reprodutiva carente de trastornos orgánicos ou enfermidades que a entorpezan. Encarnación Sueiro puntualizou que non é só un estado de benestar físico, porque supón “que a persoa que sofre un contaxio pase por un estado que ten que ver co seu benestar psicolóxico e social”. En canto aos condicionantes da saúde en xeral, e polo tanto, da saúde sexual citou “o medio ambiente social e físico, o estilo de vida ou os hábitos de saúde, a xenética e os sistemas de asistencia sanitaria. Así depende fundamentalmente do que nós facemos, das nosas condutas polo que o coñecemento é vital”.

Hábitos sexuais das alumnas da Universidade de Vigo

Os datos do estudo realizado entre alumnas da Universidade de Vigo foron recollidos entre a poboación universitaria feminina de primeiro curso, cunha media de idade de 19 anos, e de último, duns 22 anos aproximadamente, de todas as titulacións dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense. Céntranse nas dúas condutas de risco que producen a transmisión do virus do papiloma humano, ademais de embarazos non desexados: o contacto interxenital e o coito.
Segundo as cifras recollidas por Encarnación Sueiro, “case o 40% das alumnas de primeiro curso tiveron contacto interxenital, mentres que a porcentaxe se eleva ata máis do 50% entre as alumnas de último curso. A idade media de inicio destas prácticas foi, nas alumnas de primeiro, en torno aos 17 anos, e un ano máis tarde para as estudantes do último curso, o que supón que as idades de comezo das condutas de risco se están anticipando e incrementando, porque aumenta a posibilidade de ter máis parellas sexuais ao longo da vida”. Neste apartado predominan as que só tiveron unha única parella sexual, “pero a cifra das que tiveron tres ou máis é importante se pensamos que é poboación susceptible de contaxio ou de embarazo”.
En canto ao tempo de coñecemento previo do compañeiro sexual, só a metade superaban o ano, pero este período se incrementa conforme aumenta a idade. “Para confiar totalmente nunha parella terían que pasar 10 anos de relación sen que ningún dos dous fose sometido a ningunha intervención cirúrxica, sen terceiras persoas e sen consumo de drogas por vía intravenosa polo que non podemos fiarnos de ninguén e temos que ter en conta que o amor non protexe” explicou a profesora. Conforme pasa o tempo medra a frecuencia das relacións sexuais, e diminúen os problemas de uso dos métodos anticonceptivos. O preservativo segue sendo o máis empregado, pero o seu uso baixa coa idade a medida que se lle perde o medo ao contaxio e é substituído por sistemas hormonais, máis seguros fronte ao embarazo non desexado. Ao redor do 10% do total non empregou ningún método no seu último coito.
Nos cuestionarios aplicados sobre sexualidade aos rapaces Sueiro conclúe que “as mozas están moito máis informadas ca eles, pese a considerar que teñen menos coñecementos que os seus compañeiros. Curiosamente as mulleres saben máis de problemas sexuais, anticoncepción e enfermidades e eles de respostas sexuais e masturbación, é dicir, de pracer” .

O virus do papiloma humano

“Como nestes últimos meses reflectiu a prensa, a prevención do cancro de útero sufriu un gran avance co descubrimento de vacina que combate o virus do papiloma humano que o produce, e mellora as lesións previas ao seu desenvolvemento, que afectan moito á calidade de vida”, explicou Xosé Luís Doval.
Como todos os cancros, o de colo de útero “ou cérvix, aparte máis baixa e máis externa da matriz, que comunica coa vaxina” puntualizou o doutor, prodúcese por unha alteración das súas células. Nas mulleres mozas é o tipo de cancro máis frecuente despois do de mama e unha vez que invade, é mortal. “Sen embargo ten unha vantaxe, pois ten un proceso moi longo, de ao redor de 15 anos entre que comeza a enfermidade pola infección do virus e se converte en cancro, polo que podemos detectar as lesións precancrosas e atallalas”.
O VPH transmítese por vía sexual e calcúlase que a maioría das rapazas entraran en contacto con el ao longo da súa vida. “Isto non supón que vaian ter a enfermidade pois só dos 100 tipos de virus que existen, uns poucos son oncoxénicos, e incluso estes, comezarían a ser de risco despois de máis dun ano de infección” explicou Doval. A partir dese período de tempo, comezarían as lesións de baixo grao, que se persisten máis de cinco anos poderían dar lugar a un risco de lesión cervical de alto grao, que, se o VPH é oncoxénico podería derivar, noutros cinco anos, nun cancro. “O que si causan máis habitualmente esta clase de virus son verrugas xenitais, tanto en homes como en mulleres, que aínda que non son mortais causan estrés e vergoña e tardan uns seis meses en sanar” dixo o doutor.
Maila o que poida parecer, o preservativo non é totalmente eficaz para combater a enfermidade polo que as mellores solucións son as revisións xinecolóxicas e a vacinación. O problema da vacina, polo de agora, é o seu prezo, xa que non está incluída na cartilla de vacinación e cada unha das tres doses necesarias para garantir a súa efectividade custa uns 150 euros.