DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun taller promovido pola Vicerreitoría, que dá continuidade ao impulsado o pasado curso

Usuarias e usuarios de Down Xuntos amplían no campus a súa formación musical

Sete mozos e mozas participan neste obradoiro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Música
  • Académica
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 11/11/2019

O pasado curso, a Vicerreitoría do campus e Down Pontevedra Xuntos promoveron por primeira vez un taller de educación musical dirixido a usuarios e usuarias da etapa educativa desta asociación. Os positivos resultados deste primeiro obradoiro, impartido pola profesora de música Marlene Armentero, motivaron a repetición desta iniciativa no presente curso, no que sete usuarios e usuarias de Down Xuntos, que xa participaran na primeira edición, ampliarán a súa formación ao longo dos próximos meses, nunha actividade na que traballarán tanto a entoación e vocalización como os ritmos corporais, á vez que a propia linguaxe musical.

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolle un taller ao que asisten sete mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos. “Trátase dun proxecto no que a ensinanza da música se combina con outras linguaxes, como as das matemáticas, a escritura ou a pintura, é un proxecto lúdico e participativo”, salienta Armentero, licenciada en Educación, na especialidade de Educación Musical, pola Universidad de La Habana. Co apoio de estudantes desta facultade e de alumnado do Programa Universitario para Maiores, Armentero articulará o taller, que se estenderá ata maio de 2020, arredor do seu caderno Mi, re, do, dirixido inicialmente ao ensino da música en idades temperás.

O taller, explica Armentero, articularase en tres bloques. Un estará dedicado ao “desenvolvemento do instrumento vocal”, centrándose na “entoación, a vocalización, a respiración e a articulación”, mentres que outro porá o foco na percusión, traballando tanto co propio corpo como con diferentes instrumentos. Un terceiro bloque estará centrado na propia ensinanza da música, valéndose neste senso dos múltiples instrumentos didácticos da aula de música da facultade. Nese senso, un dos obxectivos cos que arrinca este obradoiro, que amplía a 14 as súas sesións, é o de promover cara o final de curso unha “actividade final, que sexa un pouco un escaparate” do aprendido por este grupos de mozos e mozas ao longo do curso, apunta a súa docente. 

Facer cidadanía desde as aulas

O obradoiro botou a andar na tarde do pasado venres e viuse precedido por un encontro no que os responsables do taller, o vicerreitor do campus, Jorge Soto, e o director da Área de Cultura, Educativa e de Integración da Vicerreitoría, Manuel Morquecho, explicaron os contidos e obxectivos desta iniciativa aos participantes e ás súas familias. “Para a Universidade é algo que nos enriquece, porque a nosa misión é facer cidadanía, desde a igualdade e desde a integración”, salientou Soto, que puxo de relevo a vontade “de que este tipo de cursos adquiran cada día máis entidade” na institución académica. “Poder contribuír á integración destes rapaces a través da música é algo que nos parece fundamental”, engadiu nese mesmo senso Morquecho. 

Este acto contou tamén coa participación de Paula Villaverde, coordinadora de Down Pontevedra Xuntos, quen agradeceu o apoio da Vicerreitoría para, “despois do éxito acadado na primeira convocatoria”, poder dar continuidade ao proxecto. Villaverde lembrou nese senso que tanto os usuarios e usuarias e as súas familias como o propio persoal técnico de Down Xuntos puñan de relevo “a importancia de iniciativas como esta, onde a aprendizaxe a través da música favorece o desenvolvemento doutras linguaxes”. De feito, recoñeceu, as e os participantes na primeira edición “demandaron con insistencia unha nova posta en marcha” desta actividade. 

Unha experiencia de aprendizaxe interxeracional

Segundo explica o profesor de Pedagoxía Musical desta facultade Marco Lucato, este taller está aberto novamente á participación dos alumnos e alumnas do centro, que poderán vivir en primeira persoa unha experiencia de traballo con mozos e mozas con necesidades educativas especiais. Ademais, nesta segunda edición, o taller suma tamén ao alumnado sénior integrante do Coro do Campus, que dirixe o propio Lucato. “Desta maneira temos a participantes de diferentes idades, que poden traballar xuntos co único fin de contribuír á educación destes nenos e nenas”, salienta Lucato, quen destaca a importancia “de que non esquezamos que nesta facultade preparamos mestres e é importante que poidan ter experiencias como estas”. 

Nesa mesma liña, Villaverde, pon de relevo a importancia de impulsar “alternativas de formación como esta” que permitan ao alumnado universitario “pór en práctica dinámicas de traballo, estratexias e recursos que favorezan a inclusión real de nenos e nenas en aulas ordinarias”. A coordinadora de Down Pontevedra Xuntos subliñou nese senso que “é de vital importancia crear sinerxías para que os futuros profesionais da educación conten con ferramentas axeitadas que lles axuden a ofrecer unha resposta pedagóxica adaptada a cada alumno e alumna, respectando os ritmos de aprendizaxe de cada un, co fin de atender con eficacia a un alumnado heteroxéneo”.