DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No caso dos mestrados cubríronse máis do 86% da prazas

A UVigo acada este curso unha taxa de ocupación do 103% na matrícula de novo ingreso de grao 

A reitora confirmou os datos no seu informe ao Consello de Goberno 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitora
  • Institucional
DUVI 28/09/2026

Un curso máis a demanda de prazas de matrícula de novo ingreso de grao na UVigo volve superar a oferta. Desta volta, a taxa de ocupación acada este curso 2026/2027 un 103%, ao rexistrarse un total de 3883 matrículas, fronte ás 3754 prazas de novo ingreso en titulacións de grao ofertadas nos tres campus. “Hai sobrematrícula nalgúns graos”, sinalou hoxe a reitora da UVigo, Carmen García Mateo, no seu informe ao Consello de Goberno, onde tamén asegurou que “isto remarca o que vimos dicindo, que hai que traballar para axustar a oferta á demanda. Como universidade temos identificados aqueles estudos nos que seríamos quen de cubrir a demanda da sociedade”. A reitora tamén adiantou os datos de matrícula nos mestrados, onde a taxa de ocupación, a falta dun prazo de matrícula extraordinario, supera o 86% e dos que dous terzos “teñen unha ocupación maior do 70% e hai un terzo nos que seguiremos traballando todos xuntos para mellorar a visibilidade, ben o plan de estudos, para que a demanda sexa maior”.

Na sesión ordinaria de Consello de Goberno celebrada este luns, aprobouse por asentimento a modificación do Protocolo para o desenvolvemento do programa de Accións Estratéxicas para grupos de investigación da UVigo, para a prórroga das AEIs no exercicio 2027; o cambio de ponderación da materia Tecnoloxía en Enxeñaría II para entrar no Grao en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e ao PARs a partir do curso 2028/2029; e o nomeamento en substitución de dous membros da Comisión de permanencia e progreso polo sector de estudantado.

Á marxe dos datos de matrícula, no seu informe a reitora agradeceu o traballo que se está a desenvolver no proceso de acreditación de Campus Auga como campus de especialización, así como o labor desenvolvido polos equipos decanais saíntes das facultades de Dirección e Xestión Pública e de Belas Artes, ao tempo que felicitou aos novos equipos encabezados por Fernando Martínez e Carmen Hermo. García Mateo tamén puxo de relevo a importancia da renovación da Cátedra Aldaba, así como a sinatura entre o Concello de Pontevedra e a Facultade de CC da Educación e do Deporte para a creación da Cátedra Ponteactiva 2026-2029.

O campus de Pontevedra acada a maior taxa de ocupación

Cun 106% o campus de Pontevedra rexistra este curso a maior taxa de ocupación na matrícula de novo ingreso de grao. Nas 770 prazas ofertadas matriculáronse 820 estudantes, destacando como os graos con maior taxa de ocupación o de Ciencias da Actividade Física e do Deporte cun 120% (100 prazas ofertadas e 120 matrículas); Publicidade e Relacións Públicas cun 97% (95 prazas ofertadas e 97 ocupadas); e Fisioterapia cunha taxa do 112% (50 ofertadas e 56 matrículas). Así mesmo, o Programa de Simultaneidade do Grao en Publicade e Relacións Públicas e o Grao en Comunicación Audivisual, que este curso se ofertou por vez primeira, cunha oferta de 10 prazas, rexistrou 16 matriculacións, o que se traduce nunha taxa de ocupación do 160%.

Pola súa banda, no campus de Ourense a taxa de ocupación rexistrada acadou o 103%, con 1050 matrículas nas 1017 prazas ofertadas. Entre os graos que maior demanda de novo ingreso acadaron destacan de Enxeñaría Informática cun 101% (tendo en conta o Programa Académico con Percorrido Sucesivo -PARS-, suman 142 prazas ofertadas e 143 ocupadas) ; ADE cunha taxa do 107% (85 prazas ofertadas e 91 matrículas); e Educación Infantil e Educación Social cunha taxa do 111% (75 prazas ofertadas e 83 matrículas), ou  Aeroespacial, que chega 104% (contando o PARS, 50 ofertadas e 54 ocupadas). 

No caso do campus de Vigo, a taxa de ocupación sitúase no 102% con 2013 matrículas nas 1967 prazas de novo ingreso de grao. Os graos en Administración e Dirección de Empresas con 215 matrículas nas 200 prazas ofertadas, e que acadou un 108% de taxa de ocupación; Tecnoloxías Industriais, cun 120% (tendo en conta o PARS e inglés, suman 80 prazas ofertadas e 96 ocupadas); de Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, chegando ao 105% (tendo en conta o PARS e inglés, suma 150 prazas ofertadas e 157 ocupadas);  Biomédica, cun 100% (incluíndo o PARS, 44 ofertadas e 44 ocupadas); e o de Enxeñaría Mecánica con 109 matrículas nas 110 ofertadas (99% ocupación), son os graos cun maior número de prazas ofertadas que maior demanda rexistraron este curso.

86% das prazas de mestrado, ocupadas

En relación cos mestrados que a UVigo oferta este curso, a reitora, Carmen García Mateo, confirmou hoxe que a taxa de ocupación supera o 86%, o que se traduce en 1542 prazas ocupadas das 1784 ofertadas. Cando aínda resta un terceiro prazo extraordinario de matrícula en outubro, dous terzos dos mestrados xa acadaron unha ocupación de máis do 70%.

Da cincuentena de títulos ofertados no campus de Vigo, unha vintena acadan ou superan o 100% de taxa de ocupación; mentres que no caso dos 20 títulos ofertadas no campus de Ourense, nove acadan ou superan o 100% de ocupación. Pola súa banda, o campus de Pontevedra oferta 16 mestrados dos que oito xa cubriron as súas prazas.

En canto aos catro mestrados que este curso se estrearon, Traballo Social no ámbito sanitario supera o 87% de ocupación; Prevención e Abordaxe Multidisciplinar das Drogodepencias  e Conductas Aditivas acada un 70%; o Máster en Vehículos Autónomos rexistrou unha taxa do 50%; e Química Teórica e Modelización Computacional rexistra un 40% de ocupación.

Outros puntos da orde do día

Nesta primeira sesión do Consello de Goberno do curso tamén se aprobou unha modificación do Protocolo para o desenvolvemento do programa de Accións Estratéxicas para grupos de investigación da Universidade de Vigo (AEI-UVigo). Como explicou o vicerreitor de Transferencia, Innovación e Impacto Social, Rafael Comesaña, o obxectivo deste cambio é “prorrogar estas accións no exercicio 2027, habilitando o tempo necesario para introducir modificacións de maior profundidade nun futuro protocolo que adapte o programa de Accións Estratéxicas ao contexto actual da investigación e transferencia na Universidade de Vigo”.

Comesaña sinalou tamén que “esta prórroga estará condicionada ao cumprimento do compromiso de execución de gasto no exercicio 2026 por un importe igual ou superior ao 50% da dotación inicial do último ano de vixencia inicial da AEI. Por outra banda, tamén se aprobou un cambio de ponderación da materia Tecnoloxía e Enxeñaría II para entrar ao grao en Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e ao PARS a partir do curso 2028/2029 que, como detallou a vicerreitora de Estudantado e Vida Académica, Dolores González, pasa de ponderar 0,1 a 0,2 tal como aprobou no mes de xullo a Xunta de Escola da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo.

O resto da sesión centrouse na elección de representantes en varios órganos. Por unha banda, a Comisión de permanencia e progreso precisaba a renovación de dous membros polo sector de estudantado, que a proposta da reitora serán Francisco Pérez Peleteiro, da EEI e Alejandra Núñez Iglesias, da Facultade de Relacións Internacionais. Tamén se procedeu á elección de tres representantes no Consello Social: Xosé Henrique Vázquez Vicente polo sector PDI; Juan Santos Grandal polo sector estudantes e Ana Isabel González Penín, polo PTXAS.

Ademais, estaban previstas eleccións para cubrir vacantes en varias comisións delegadas do Consello de Goberno e tamén se aprobou a designación, a proposta da reitora, dos novos membros para a renovación da Comisión de Calidade. 

Quenda de intervencións: formación do PAS, RPT e Estatutos

Na quenda de intervencións, Carmen Veleiro, en presentación do PTXAS, reclamou a realización dunha enquisa de necesidades docentes para este colectivo, “xa que de cara ao futuro Plan Estratéxico sería necesario coñecer o clima laboral nos diferentes apartados deste sector”. Respecto do proceso de deseño da nova RPT do PTXAS, recalcou a necesidade de facer unha análise previa da situación para poder estimar o número de xubilacións por campus, departamentos, nivel de posto, servizos, etc. “para poder planificar tanto a promoción interna como o relevo xeracional”. A reitora respondeu que en ambos casos se está a traballar, analizar e debater cos colectivos implicados para deseñar medidas e procesos de forma ben planificada e sen improvisar.

A preguntas de Marta Pazos sobre o estado de elaboración dos novos Estatutos, García Mateo explicou que a previsión é convocar a Comisión a mediados de outubro para retomar o traballo. Tras unha revisión técnica e legal do texto, “procederase por hixiene democrática, a poñer outra vez os Estatutos en exposición pública”. O obxectivo do equipo do goberno, avanzou a reitora, é que os Estatutos se poidan debater no Claustro de decembro, “porque o anteproxecto está moi avanzado” e, tendo en conta todos os trámites posteriores polos que debe pasar o texto, a previsión é que se poidan aprobar definitivamente “en xuño ou xullo”.