DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dende un centro de excelencia ata cátedras, módulos, redes e proxectos

A UVigo acadou en 25 anos unha trintena de proxectos europeos Jean Monnet e máis dun millón de euros de financiamento

Os profesores Luis Domínguez e Celso Cancela son que coordinaron máis iniciativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Calidade
  • Internacional
  • Investigación
  • Institucional
M. Del Río DUVI 08/01/2025

Dende o ano 2000, a Unión Europea concedeulle á Universidade de Vigo unha trintena de proxectos europeos no marco do programa Jean Monnet, o que supuxo para a institución académica a captación de máis dun millón de euros, en concreto 1.176.672 euros en 29 proxectos.

Ao longo deste tempo, a UVigo puido poñer en marcha un centro de excelencia, que xa obtivo tamén a renovación, coordinado por Luis Domínguez, catro cátedras, dúas concedidas tamén a Luis Domínguez e outras dúas a Celso Cancela, 18 módulos Jean Monnet, unha rede e catro proxectos, o último deles presentado en outubro, RightsEU,  coordinado pola profesora Emma Rodríguez cuxo obxectivo é formar docentes de FP para que sexan transmisores dos dereitos sociais da Unión Europea. Ademais, este proxecto é o primeiro que se lle concede á UVigo que ten carácter transfronteirizo.

Eva Garea, directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación e doutora en Unión Europea, explica que o programa Jean Monnet permitiu desenvolver na UVigo “iniciativas que promoven a docencia e o estudo de temas relacionados coa Unión Europea e a integración europea, que axudan a formar estudantes e académicos centrados na UE e nas súas políticas”. Na súa opinión, isto é especialmente importante “nun contexto no que comprender a UE é fundamental para o futuro de España, Galicia e o seu papel en Europa, así como para preparar o estudantado para un mundo cada vez máis interconectado”.

Entre outros temas, no Centro de Excelencia, as cátedras, módulos e proxectos Jean Monnet abordáronse os principais temas europeos, como a historia da construción europea, as relacións exteriores da UE, as políticas de cohesión, os dereitos fundamentais e o dereito social comunitario, os menores desprotexidos, a liberdade de circulación na UE e o mercado laboral, o medio ambiente e o Green Deal, a economía azul sostible ou o poder financeiro na UE, entre outros temas relevantes europeos. Máis recentemente, a UVigo tamén se uniu á rede Jean Monnet ENDE sobre a adaptación da UE ao reto da dixitalización e a gobernanza electrónica.

Como explica Garea, “as actividades formativas realizadas no marco das nosas accións Jean Monnet non só enriquecen a formación académica dos estudantes, senón que lles proporcionan ferramentas para comprender mellor o funcionamento da UE, as súas políticas e o seu impacto na vida cotiá, fomentando valores como a cohesión, a diversidade e cidadanía activa.  Ademais, o programa Jean Monnet promove a colaboración entre universidades, expertos Jean Monnet e centros de investigación de diferentes países, o que pode dar lugar a intercambios académicos e oportunidades de traballo en rede para estudantes e profesores, así como a captación de novos fondos europeos. Isto contribúe a unha maior internacionalización da Universidade e á creación dunha comunidade académica máis diversa e enriquecedora, en definitiva, máis coñecedora da Unión Europea”.

Luis Domínguez, un pioneiro do programa Jean Monnet

O catedrático Luis Domínguez, do Departamento de Historia, Arte e Xeografía, foi un dos docentes pioneiros en implicarse nas accións do programa Jean Monnet. Coordinador do Centro de Excelencia, director de dúas cátedras e responsable de varios módulos e proxectos, lembra que a chegada á presidencia da Comisión Europea de Jacques Delors, en 1985, representou un fito no proceso de construción europea. Foi baixo o seu mandato cando se puxo en marcha o programa Jean Monnet para cofinanciar a docencia de materias universitarias relacionadas coa construción europea. Pero a Comisión Delors tamén foi a responsable de adoptar a bandeira e o himno do Consello de Europa (hoxe Unión Europea) e da posta en marcha o programa Erasmus. 

Tirando de memoria, recorda que o primeiro módulo Jean Monnet que tivo a Universidade de Vigo comezou a impartirse no curso 1996/97, coordinado polo profesor e daquela vicerreitor de Relacións Exteriores, Xulio Pardellas. Dividido en catro seccións (economía, dereito, cultura e historia) Domínguez encargouse da parte relacionada coa historia e “aí comezou unha longa e proveitosa relación persoal coa integración europea”. Foi a partir dese momento cando comezou a labrase un perfil de docencia, investigación e transferencia nos European Studies “que me permitiron alcanzar, en 2010, a cátedra Jean Monnet Ad Personam que era a máxima distinción que outorgaba o programa”, a primeira que se outorgaba a un profesor das universidades galegas. A partir dese momento a UVigo foi tendo “sona de rigor e bo facer e iso foise traducindo na concesión dun bo número de módulos, máis cátedras, dúas edicións de centros de excelencia e varios proxectos. A UVigo é hoxe unha institución de referencia nos European Studies”.

Con esta experiencia ás súas costas, lembra con especial agarimo o proxecto We are European Citizens, que se desenvolveu durante o curso 2013/2014. “Foi unha experiencia moi enriquecedora de elaboración conxunta de materiais sobre a construción europea para a docencia non universitaria, coa entusiasta colaboración dunha decena de centros, públicos e privados, da contorna de Vigo”. Entre os resultados máis destacados estivo a creación de dous videoxogos e dúas bandas deseñadas grazas ás que o proxecto obtivo “o galardón máis importante que concede Jean Monnet entre todas as iniciativas cofinanciadas polo programa nas universidades europeas e do resto do mundo: o Success Stories do ano 2015”. 

Celso Cancela, á fronte da Cátedra European Institutions and Citizens

O profesor Celso Cancela, do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía, dirixe actualmente a Cátedra Jean Monnet European Institutions and Citizens. Adapting the EU to the Digitalisation Challenges. Ao igual que Domínguez, conta cunha ampla traxectoria coordinando actividades dentro do programa Jean Monnet e, polo tanto, cunha interesante visión histórica. “Hai 25 ou 30 anos apenas se prestaba atención sistemática e profunda á Unión Europea nos estudos universitarios, pero as diferentes accións Jean Monnet permitiron ofrecer unha formación relativamente especializada en eidos diversos e mesmo incorporar materias específicas sobre a integración europea ao currículo do alumnado”. Ao mesmo tempo, destaca, “estas accións tamén incentivaron a investigación e a creación de redes de colaboración, tanto no ámbito intra-universitario coma no inter-universitario”. 

Por todo isto, tanto no profesional como no persoal valora moi positivamente a súa participación en sucesivas actividades. “Supuxeron un notable e continuo enriquecemento profesional, ao permitirme desenvolver habilidades de liderado e traballo en equipo. Ademais, fomentaron a innovación no ensino, fortaleceron as redes de colaboración e contribuíron ao meu crecemento profesional. Ao longo da miña traxectoria, tiven a oportunidade de ofrecer formación ao estudantado, achegándoo ao ámbito laboral da Unión Europea e aos proxectos europeos. Por suposto, tamén incentivaron a activación de liñas de traballo e investigación, así como a publicación de resultados.

No seu caso, ao longo dos anos abordou en diferentes actividades temas como o papel das rexións na UE, a evolución político-constitucional ou os retos políticos e institucionais do século XXI. Analizáronse cuestións como os desafíos na protección dos dereitos e liberdades, as crises e os procesos de ampliación, así como a europeización e a profunda transformación dixital que experimentou a Unión.    

Garda especial recordo dos primeiros módulos que coordinou na primeira década deste século. “Naquel momento, prestábase unha reducida atención a estas cuestións e o alumnado descoñecía tanto o alcance como as oportunidades que ofrecía a UE. Estas primeiras accións Monnet tiveron unha notable repercusión académica, xa que cubriron un baleiro na formación do alumnado en relación coa dimensión europea que estaban a adquirir algunhas políticas públicas e coas posibilidades laborais derivadas da UE. Grazas a isto, foi posible concienciar o alumnado sobre a importancia da Unión Europea e das súas políticas”, conclúe.