DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita será esta fin de semana nas cidades portuguesas de Braga e Guimarães

A UVigo achega a música tradicional galega ao III Festival Música e movemento partillados

Os espectáculos son gratuítos e abertos á cidadanía

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Música
  • Cultura
D. Besadío DUVI 15/10/2018

Desde hai tres anos as universidades galegas e do norte de Portugal traballan, dentro do marco da Fundación CEER, nun proxecto de cooperación cultural eurorrexional bautizado como Movemento e Música Partillados, un festival internacional no que cada universidade ten a oportunidade de amosarlle ao público as principais iniciativas relacionadas coa música e as artes escénicas que están a xurdir ao abeiro das seis institucións de ensino superior da Eurorrexión. A cita será este ano a vindeira fin de semana en Braga e Guimarães, cidades que se encherán de espectáculos, gratuítos e abertos á cidadanía, de música tradicional galega, percusión, danza, jazz con termografía e outras sorpresas.

A participación viguesa correrá a cargo da Aula de Música Tradicional do campus de Vigo, agrupación xurdida dos diferentes obradoiros organizados no campus sobre estas temáticas e da que forman parte estudantes, docentes e persoal de administración e servizo do campus. “Bautizada como O Son das Lagoas, a banda desprazará ata Portugal un total de 13 integrantes e o director da mesma, o profesor Álvaro Rodríguez, e alí terán tamén a oportunidade de realizar un espectáculo conxunto coa aula de Danza Tradicional da Universidade de Santiago de Compostela”, explica Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais da Universidade de Vigo.

Sábado pola tarde en Braga e domingo pola mañá en Guimarães

A apertura oficial do acto será o sábado día 20 de outubro ás 15.15 horas no salón nobre da Reitoría da Universidade do Minho en Braga co espectáculo Trovas-Tunas e, a partir de aí, haberá actividades tanto de rúa como de interior. As exteriores concentraranse desde as 16.00 ata as 18.00 horas na rúa Largo do Paço e na praza da República Brasileira, onde está previsto que actúe O Son das Lagoas, xunto coa Aula de Danza Tradicional da USC, e as interiores serán no salón medieval da Reitoría entre as 18.30 e as 19.00 horas, cun espectáculo de música e poesía, a cargo da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; un de danza contemporánea, da Universidade da Coruña; e un de Jazz con Termografía, da Universidade do Porto.

O domingo 21 o espectáculo trasládase a Guimarães con espectáculos de rúa no Largo do Toural, onde, entre outros, actuará o grupo vigués O Son das Lagoas, e nas prazas de Santiago e da Oliveira.

Espallando a cultura universitaria a ambos lados do Miño

Esta é a terceira edición dun evento que xa pasou previamente polas cidades de Vila Real e Santiago de Compostela, coas universidades de Trás-os-Montes e Alto Douro e Santiago como anfitrioas. Na primeira destas citas, celebrada en 2016, a Universidade de Vigo estivo representada polo banda de rock Cool Cucumbers, gañadores de varias edicións do concurso Ensaiamos Colleita e, xa en 2017, a UVigo levou a Santiago a dramatización dun Cantar de Cego especialmente composto con motivo da chegada a Vigo do Pergamiño Vindel.