DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado en formato en liña pola rama de Estudantes do IEEE da UVigo 

A UVigo acolle desde mañá o congreso Students, Women in engineering & Young Professionals

Ata o domingo desenvolveranse conferencias, obradoiros e actividades lúdicas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Congresos e xornadas
  • Estudantes
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 23/03/2021

Tras celebrarse en Valencia, Cartaxena ou Alacante, o congreso Students, Women in engineering & Young Professionals (SWYP) chega desde mañá a ata o vindeiro domingo á Universidade de Vigo da man da rama de estudantes do Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) da UVigo. Por primeira vez na súa historia o evento celebrarase en formato en liña, unha circunstancia que xa se está a notar no número de inscricións que a día de hoxe se elevan a 120, “superior ao número de asistentes que ten un SWYP presencial que ronda os 70 estudantes. En calquera caso, os enlaces dos relatorios iranse publicando en redes sociais, polo que contamos que haberá asistentes que non cubriron o formulario de inscrición”, explica Juan Abia, presidente da rama de estudantes do IEEE da UVigo.

Durante os cinco días que dura o congreso sucederanse conferencias, obradoiros e actividades de ocio, que permitirán ás persoas asistentes, achegarse a cuestións de plena actualidade a través de relatorios, como o titulado Predición dinámica da covid-19 ou Bitcoin, blockchain e o sistema descentralizado. “Ademais intentamos  substituír as veladas de ocio nocturno que se realizaban de xeito presencial outros anos, por un formato remoto onde pensamos facer xogos para poder coñecernos mellor”, detalla Abia.

Unha gran carga de traballo moi gratificante 

Destinado ás 16 ramas de estudantes, o SWYP é un congreso organizado por unha rama de estudantes dunha universidade española e as súas siglas responden ao seu obxectivo principal que é o de reunir persoas deses tres grupos: estudantes, mulleres e profesionais novos. “Non obstante, este ano ao ser en formato en liña, desde a rama de estudantes do IEEE da UVigo decidimos abrir o congreso á nosa universidade, tanto a docentes como alumnado, ademais de ás ramas de estudantes”, sinala Juan Abia, que recoñece a gran carga de traballo que para o equipo organizador supuxo poñer en marcha esta iniciativa. “Non obstante, ao mesmo tempo é moi gratificante porque estamos en contacto con moitos profesionais do sector empresarial e académico que están preparando actividades moi interesantes”, explica o presidente da rama de estudantes do IEEE da UVigo.

A apertura do congreso terá lugar mañá mércores ás 17.00 horas coas intervencións de Jesús Fraile Ardanuy, past-president da sección española do IEEE; Alfonso Lago, docente e investigador da UVigo e counselor da rama e Juan Abia. Power electronics no sector da automoción e o seu modelo en V; Introdución ás metodoloxías áxiles e scrum; Multitarea en enxeñaría ou 5G: o papel da virtualización en novas redes de comunicación móbil, son algunhas das ponencias que se presentarán no congreso, que se poderá seguir a través da canle de Discord da rama de estudantes do IEEE da UVigo e de Campus Remoto.