Coincidindo coa International Staff Week que se celebra esta semana
A UVigo acolle unha xuntanza da Universidade Europea Athena
Este martes o reitor deulles a benvida no edificio Redeiras
Coincidindo coa celebración esta semana na Universidade de Vigo da International Staff Week, que reúne universidades de 17 países, a institución académica olívica organizou tamén unha xuntanza da Universidade Europea Athena. Co obxectivo de aproveitar a presenza en Vigo de varios representantes de universidades socias de Athena neste evento internacional, o edificio Redeiras acolleu hoxe martes unha reunión do Central Coordination Body de Athena.
Esta rede académica, á que a UVigo se uniu en 2022, reúne dez institucións de ensino superior europeas no marco da iniciativa Universidades Europeas, que xa permitiu a creación de 60 consorcios integrados por máis de 500 institucións de educación superior.
O consorcio Athena (Advanced Technology Higher Education Network Alliance) é un destes proxectos pilotos de Universidades Europeas seleccionados pola Comisión Europea en 2020. Nel, ademais da Universidade de Vigo, están presentes a Univerza v Mariboru (Eslovenia); o Instituto Politécnico do Porto (Portugal); a Université d'Orléans (Francia); a Universität Siegen (Alemaña); a Vilnius Tech (Lituania); a Universidade Helénica do Mediterráneo (Grecia); a Uniwersytet Marii Curie-Skłodowskiej w Lublinie (Polonia); a Università del Salento (Italia) e o Igor Sikorsky Kyiv Polytechnic Institute (Ucraína).
Athena representa unha visión holística da educación superior que combina características distintivas para desenvolver unha mentalidade crítica e transformadora no alumnado, preparándoo para unha cidadanía global activa. Os selos distintivos educativos deste consorcio inclúen a empregabilidade do estudantado, a inseparabilidade da educación, a investigación e a transferencia, a equidade e a inclusión, os valores democráticos, a internacionalización, a conexión coa industria e a sociedade en xeral, a transición fluída da educación ao traballo, a interdisciplinariedade, a multiculturalidade, a mentalidade empresarial e a eficiencia.
Xuntanza de traballo
Na xuntanza deste martes do Central Coordination Body de Athena, o encargado de darlles a benvida ás e aos asistentes foi reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo. Na cita participaron de xeito presencial todos os socios, agás a Universidade de Salento, que asistiu de xeito virtual, e da universidade ucraína, que non puido participar.