Solicítanse perfís moi diversos, desde enxeñarías ata ciencias sociais, pasando por filoloxía
A UVigo activa unha nova edición das prácticas Campus Rural con destinos en toda Galicia
As estadías permitiranlle ao alumnado traballar en proxectos reais en concellos de pequeno tamaño
A Gudiña, As Neves, Barro, Folgoso do Courel, Forcarei, Maceda, Mondariz Balneario, Nogueira de Ramuín, Vilariño de Conso… A Universidade de Vigo acaba de abrir o prazo de solicitude da nova convocatoria de prácticas académicas en zonas rurais 2026, integradas no programa Campus Rural, unha iniciativa orientada a achegar o estudantado ao territorio e contribuír á dinamización de áreas con problemas de despoboamento.
O programa permitirá que alumnado de grao e mestrado de calquera titulación oficial realice prácticas, tanto curriculares como extracurriculares, en entidades situadas en municipios de menos de 5.000 habitantes, favorecendo así unha experiencia profesional vinculada directamente co medio rural. Ofértanse en total 77 posibilidades de prácticas espalladas por todo o territorio galego, pero, sobre todo, no rural ourensán.
Entidades e destinos: do desenvolvemento local ao patrimonio e o medio ambiente
As prácticas, de entre dous e cinco meses, desenvolveranse nunha ampla rede de entidades colaboradoras que inclúe concellos, mancomunidades, asociacións, comunidades de montes e pequenas e medianas empresas. Dende casas museo como as de Uxío Novoneira, en Folgoso do Courel, ou a de Otero Pedrayo, en Amoeiro, ata a Fundación Ceo, Ciencia e Cultura, en Forcarei; dende a comunidade de montes de Mouriscados, en Mondariz, ata o Centro de Desenvolvemento Rural do Viso en Sarreaus, por citar só algúns exemplos identificativos.
Así, o alumnado poderá integrarse en oficinas municipais de turismo, departamentos de desenvolvemento rural, proxectos de valorización do patrimonio cultural ou iniciativas de conservación ambiental. Tamén existen ofertas en asociacións culturais e sociais, cooperativas e empresas centradas no turismo sostible, a produción agroecolóxica ou a xestión forestal.
Perfís demandados: unha oferta aberta a múltiples titulacións
Un dos puntos fortes da convocatoria é a diversidade de perfís solicitados. As entidades demandan alumnado de ámbitos como turismo, xeografía, historia, comunicación, dereito, administración e dirección de empresas, educación e traballo social, educación infantil e primaria, filoloxía aplicada galega... Ao mesmo tempo, tamén se requiren perfís técnicos e científicos, como bioloxía, ciencias ambientais, enxeñaría forestal, agraria, de telecomunicación ou informática...
Cada oferta pode estar vinculada a varias titulacións, o que facilita que un maior número de estudantes poida optar ás prazas e atopar unha experiencia adaptada á súa formación.
Dotadas con 1000 euros mensuais
As prácticas realizaranse no período comprendido entre o 1 de abril e o 15 de novembro. O Ministerio Para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través da propia Universidade de Vigo, aboará as prácticas que terán unha contía económica de 1000 euros brutos mensuais. A selección do alumnado beneficiario realizarase atendendo á súa adecuación ao perfil solicitado pola entidade colaboradora e a nota media do seu expediente.
Solicitudes ata o 9 de abril
A convocatoria do programa Campus Rural estrutúrase en diferentes prazos ao longo de 2026. No mes de xaneiro abriuse a primeira convocatoria para as empresas e entidades e, unha vez rexistradas, ábrese agora a chamada ao alumnado. As persoas interesadas poden inscribirse ata o vindeiro 9 de abril.
