Foi un dos asuntos abordados este mércores no Consello de Campus
A UVigo agarda sacar a licitación do novo edificio para Enxeñería Aeronáutica neste comezo de ano
O obxectivo é executar a obra ao longo de 2025
Despois das vacacións de Nadal, este mércores o campus de Ourense retomou a súa actividade e fíxoo, entre outras cousas, coa celebración da primeira sesión deste 2025 do seu Consello de Campus. Entre os temas abordados tiveron un protagonismo destacado a nova licitación para construír o edificio para a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que se agarda facer neste comezo de ano; a “exitosa” execución do primeiro ano de acreditación do Campus Auga e os resultados de investigación da Universidade de Vigo.
A sesión arrancou cun informe de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, no que fixo un repaso dos principais temas de interese da institución académica desde a última xuntanza do Consello de Campus de Ourense. Entre eles destacou a citada licitación para a construción dun novo edificio no campus de Ourense, o destinado á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo. A primeira licitación realizada pola UVigo, cun custo total con IVE previsto de arredor de 8,3 millóns de euros, quedou deserta o pasado ano. Actualmente, sinalou o reitor, “estamos rematando as solucións para licitalo, cun custo máis axustado, a finais deste mes de xaneiro ou febreiro, de xeito que se poida executar a obra este ano”. A nova licitación agárdase que ascenda a arredor de 10,3 millóns de euros, procedentes nun 60% do convenio de novas infraestruturas da Xunta de Galicia e nun 40% de fondos propios da UVigo que xa están reflectidos nos orzamentos deste ano.
“Contamos e desexamos que a licitación estea resolta o antes posible”, subliñou Manuel Reigosa. A creación deste novo edificio, dixo, é unha necesidade non só para as titulacións de Aeronáutica senón para “o conxunto do campus, para a súa reordenación pensando nun futuro que cremos que será moi positivo tendo en conta os datos de matrícula, que están por riba do cen por cen”. Tendo en conta a creación da futura Facultade de Enfermaría, que, apuntou o reitor, “terá unha importante posición no campus de Ourense”, e a posta en marcha de novas titulacións ao abeiro do Campus Auga, “hai que traballar para que no futuro teñamos en canto ao edificios unha situación que nos permita acoller co máximo grao de calidade todas as titulacións”.
Desenvolvemento do Campus Auga
Outro dos temas protagonistas foi o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos e agroalimentarios acreditado como campus de especialización por parte da Xunta de Galicia o pasado ano. Manuel Reigosa puxo en valor “o exitoso desenvolvemento da primeira anualidade de implantación da acreditación”, a de 2024, e “o nivel altísimo de execución do orzamento a pesar do pouco tempo para facelo”, agradecendo “a xenerosidade e o esforzo de moitos membros do campus” que permitiron chegar a esta acreditación e ao arranque da súa execución. A acreditación do Campus Auga, subliñou, “supón un beneficio enorme para o campus no seu conxunto e xa se empezan a notar os seus efectos positivos nel”.
Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, explicou no seu informe esta dotación do Campus Auga por parte da Xunta de Galicia tras a súa acreditación. O financiamento acadado, lembrou, ascende a 3,2 millóns de euros para o período 2024-2027, correspondendo 428.450 á anualidade de 2024 da que agora se fixo balance. O responsable académico tamén explicou os pasos dados desde a acreditación na adaptación da estrutura de gobernanza do Campus Auga; na contratación de persoal; na adquisición de infraestruturas e na organización de actividades docentes, de investigación e de transferencia. O vicerreitor tamén fixo un repaso pola actividade deportiva e cultural e outras accións levada a cabo no campus de Ourense desde o comezo do curso académico 2024/2025.
Avaliación da investigación e da transferencia
Alén de tratar temas de actualidade, cada Consello de Campus é aproveitado para abordar en detalle algunha área concreta de actividade da institución académica. Nesta ocasión Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, ofreceu unha panorámica da investigación e a transferencia nos últimos anos na institución académica na que puxo en valor a súa evolución positiva. “A Universidade de Vigo está moi ben en investigación. Melloramos moitísimo nos últimos anos, por exemplo en temas como a colaboración internacional, en publicacións e en porcentaxes de publicacións no 10% máis citadas”, afirmou. Pondo en cifras esta valoración, a responsable académica citou a posición da UVigo en diferentes ránkings internacionais e datos de 2024 como 6,8 millóns de importe en actividades de I+D; máis de 2 millóns de euros acadados en proxectos de transferencia ou 26 proxectos de investigación Internacionais captados.
Entre outros moitos temas, Belén Rubio tamén dedicou tempo a explicar “como está a cambiar o xeito de avaliar a investigación”. Neste senso falou da participación da UVigo en CoARA, a Coalición Internacional para o Avance da Avaliación da Investigación. O seu obxectivo é buscar, no ámbito europeo, “novos criterios de avaliación do labor de I+D+i no que se inclúan máis ítems, que sexa menos automática e menos JCR dependente”. Igualmente a vicerreitora abordou os esforzos realizados pola institución académica “en fomentar a carreira investigadora”, achegándose ás diferentes figuras existentes para o persoal investigador.