DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi unha das seleccionadas pola UE para participar no IVAP Workshop do 2023 do EIT

A UVigo amosa en Praga os mellores xeitos de traspasar á sociedade a I+D+i que se fai nas universidades

Expuxéronse os resultados que se están a acadar no proxecto HEI4Future, liderado por Pablo Cabanelas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Divulgación
  • HRS4R
  • Internacional
  • Investigación
D. Besadío DUVI 08/06/2023

Vigo foi unha das convidadas pola Unión Europea para participar en Praga no IVAP Workshop 2023, un encontro internacional organizado polo Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, EIT, no marco da convocatoria europea HEI-Initiative dirixida ao desenvolvemento da capacidade de innovación na educación superior. A UVigo participou presentando os resultados que a institución está a acadar no desenvolvemento de HEI4Future, proxecto europeo coordinado desde a institución académica viguesa, financiado con 1,2 millóns de euros polo EIT, e dirixido a buscar os mellores xeitos de traspasar á sociedade a I+D+i que se fai nas universidades.

No evento participaron representantes de todos os proxectos europeos aprobados da HEI-Initiative das tres últimas anualidades, así como persoal da Dirección Xeral de Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da UE, do EIT e o persoal xestor desta HEI Initiative. En total 250 participantes de 30 países compartindo experiencias e boas prácticas sobre a integración do triángulo do coñecemento -universidades, empresas e administración-, a innovación e o emprendemento nas institucións de educación superior.

O proxecto HEI4Future, coordinado polo profesor e investigador de Ecobas Pablo Cabanelas, estivo representado nesta xuntanza internacional por Loli Docampo, do equipo de xestión do proxecto; Eva Garea, directora de Área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo, e polos socios de Portugal: a profesora Filomena Carnide, da Universidade de Lisboa, e Pavel Chroust, da entidade checa PowerHub.

Proxectos con entre 750.000 e 1.2000.000 euros de financiamento

As e os participantes recibiron nesta xuntanza información pormenorizada do funcionamento do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía, EIT, incluíndo a estrutura das nove comunidades do coñecemento e de innovación (KICs), en ámbitos como o dixital, a mobilidade urbana -ao que está adscrito o proxecto HEI4Future-, a saúde, a fabricación, as materias primas, a enerxía, o clima, a alimentación e as industriais culturais e creativas, así como as distintas fontes de financiamento europeo xestionadas por este organismo, como é o caso da HEI Initiative. “Tamén houbo unha actividade de networking na que cada unha das propostas aprobadas, con orzamentos de entre 750.000 e 1.200.000 euros, participaron nunha sesión de pósteres para dar a coñecer os obxectivos, as actividades e os resultados acadados nos seus proxectos ata o momento”, explican Loli Docampo e Eva Garea.

A través das distintas presentacións e debates entre o persoal asistente, o IVAP 2023 abordou tamén as diferentes posibilidades que existen na actualidade para promover a innovación e o emprendemento activo no ámbito das institucións de educación superior. “Ademais traballamos en distintos obradoiros de forma colaborativa para analizar os principais retos desta convocatoria europea”, salientan as asistentes da UVigo, que poñen como exemplo destas cuestións a mellora da colaboración entre os membros do triángulo do coñecemento para crear ecosistemas de cooperación e retroalimentación, a articulación de propostas de formación deseñadas grazas ao financiamento que proporciona esta convocatoria EIT-HEI para mellorar o impacto nos grupos destinatarios e  o avance nas estratexias institucionais ao mais alto nivel para a promoción da transformación e o cambio vinculado á innovación e ao emprendemento. 

HEI4Future, seis socios europeos nun consorcio liderado desde Vigo

Ademais de pola UVigo, que o coordina, o proxecto HEI4Future está integrado por un consorcio  do que forman parte a University of Elbasan Aleksandr Xhuvani, de Albania; a University College of Northern Denmark, en Dinamarca; o Fondazione Politecnico di Milano, en Italia; a Universidade de Lisboa e PowerHub, z.u., unha empresa da República Checa. A iniciativa arrancou oficialmente en xuño do pasado ano nun encontro internacional celebrado en Barcelona e prolongarase ata xuño de 2024.