Celébranse este mércores e xoves no Auditorio Mar de Vigo
A UVigo amosa o seu potencial biotecnolóxico nos Galicia Biodays
Varios grupos presentan os seus traballos con potencial de transferencia
A Universidade de Vigo está participar esta semana nos Galicia Biodays, o foro de referencia da industria biotecnolóxica para o Espazo Atlántico Europeo, organizado polo clúster Bioga. Neste evento, que se desenvolve hoxe mércores e mañá xoves no Auditorio Mar de Vigo e no que se agarda a asistencia de preto 1000 persoas, a Universidade de Vigo conta cun posto informativo no que representantes da Oficina de I+D e dos diferentes centros de investigación como o CINBIO, o CIM, atlanTTic, Cintecx e o Instituto de Agroecoloxía amosan o seu potencial no eido biotecnolóxico.
A finalidade é potenciar a transferencia de coñecemento e xerar novos proxectos nos diferentes ámbitos nos que a UVigo ten capacidades no eido da biotecnoloxía, como o desenvolvemento de fármacos, a alimentación funcional, a medicina personalizada, os recursos mariños, os procesos industriais ou as TICs.
Presentacións e pósters
Ademais do posto informativo, varios grupos de investigación da UVigo presentan estes días os seus traballos con potencial de transferencia no espazo de pósters e catro investigadoras realizarán pitches dos seus resultados próximos ao mercado no espazo Bioinvestors. En concreto, os pitches correrán a cargo mañá xoves de María D. Mayan, do Grupo CellCOM do CINBIO, sobre como vencer a farmacorresistencia no cáncer dende un enfoque innovador; de Andrea Rodríguez Sanz, do Departamento de Química analítica e alimentaria, que se centra na bio-produción simultánea de ingredientes prebióticos e polímeros texturizantes mediante tecnoloxías enzimáticas a partir dun sub-produto agrario e de María Huete Ortega, xestora de proxectos europeos e oficial de enlace de EMBRC-España no CIM- UVigo, que afonda na innovación na fronteira da biotecnoloxía azul a través do Centro Europeo de Recursos Biológicos Marinos. Finalmente, Cynthia Gómez, do grupo de investigación en Ecoloxía e Zooloxía do CIM-UVigo, falará sobre a spin-off Ecolabo+, recentemente creada e centrada na avaliación da contaminación ambiental.
No que se refire aos pósters, estes abordan diferentes temáticas, como por exemplo o proxecto Cariescope, do Grupo de Novos Materiais; Marinnonet, a rede trasnacional de cooperación en I+D+i no sector de la biotecnoloxía azul do CIM; ou o proxecto Gramicorn para avaliación dos licores de lavado de millo como fonte do antibiótico Gramicidina, do Departamento de Enxeñaría Química. Tamén se presenta Proofagrosurf, proba de concepto para validar os usos potenciais dos biosurfactantes obtidos dos licores de lavado de millo como biopesticida e conservante na industria alimentaria, da man do Departamento de Enxeñaría Química; MytUnisex, un proxecto do CIM sobre a produción e comercialización de liñas de mexillón unisex de interese comercial para os sectores acuícola e conserveiro; así como diferentes propostas do Grupo de Tecnoloxías Multimedia.