DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desde este mércores ata o venres en Málaga con delegacións procedentes de máis de 30 países

A UVigo amosa as súas capacidades de I+D+i no foro europeo Transfiere

Explóranse novas alianzas e oportunidades para os seus proxectos e capacidades de transferencia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Institucional
DUVI 13/03/2025

A Universidade de Vigo conta cunha ampla representación en Transfiere 2025, Foro Europeo para a Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, un encontro que esta semana celebra a súa décimocuarta edición en Málaga con máis de 600 empresas, entidades e administracións públicas e a presenza de delegacións procedentes de máis de 30 países.

Formando parte da delegación galega, encabezada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a través da Axencia Galega de Innovación, a Universidade de Vigo acode ao encontro cunha ampla comitiva da que forman parte a directora da Oficina de I+D, Ángeles López, e numerosos membros do seu equipo; o director do Vigo Tecnolóxico, Daniel Villanueva; así como representantes do centro de investigación en tecnoloxías de telecomunicación, atlanTTic, e do Centro de Investigación Mariña, CIM.

Principal cita europea sobre I+D+i e transferencia

Transfiere é un dos principais eventos europeos sobre I+D+i e transferencia. O seu obxectivo é conectar todo o sistema español de innovación e impulsar a súa proxección internacional. Os seus eixos temáticos son o talento, o desenvolvemento científico-tecnolóxico, o acceso a investimento e as oportunidades de negocio, co fin último de xerar alianzas e sinerxias globais. Neste marco, a Xunta impulsa a participación neste evento co obxectivo de facilitar oportunidades de colaboración para a investigación e a innovación feitas en Galicia.

Celia Te Cuida, exemplo de éxito en transferencia de coñecemento

Aproveitando a celebración do Foro Transfiere, a Red de Oficinas de Transferencia del Conocimiento das universidades españolas, está a celebrar tamén na cidade andaluza as Jornadas Técnicas RedOTC 2025 nas que participan membros das oficinas de I+D de diferentes universidades, entre elas a de Vigo.

Durante a sesión plenaria Casos de éxito en transferencia de coñecemento presentarase a aplicación da UVigo Celia Te Cuida, desenvolvida por un equipo de investigación do centro de investigación atlanTTic liderados por Javier Castaño, no marco do Programa Ignicia Proba de Concepto.