DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A feira celebra este xoves e venres a súa 20ª edición

A UVigo amosa en Termatalia o seu potencial investigador e académico arredor do termalismo

Membros do campus desenvolverán catro mesas redondas arredor da auga desde diferentes perspectivas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Reitor
  • Institucional
DUVI Ourense 29/09/2022

Este xoves e venres ten lugar en Expourense a 20ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar Termatalia. Como xa é tradición, a Universidade de Vigo colabora unha edición máis na súa celebración. Nesta ocasión, a institución académica é a encargada de desenvolver catro mesas redondas de carácter técnico nas que se abordará a auga desde o punto de vista turístico, patrimonial, científico e xurídico. Ademais, na zona de expositores da feira está presente a oferta académica do campus no eido do termalismo cun posto do seu Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde.

Termatalia foi inaugurada este xoves cunha destaca representación de autoridades tanto locais como provinciais e autonómicas. Entre elas, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde, subliñou a relevancia desta feita tendo en conta o papel de “Ourense como capital termal de Galicia” e o feito de que “Galicia é a primeira potencia termal de España e a segunda de Europa”, apuntando cifras do sector como 150.000 usuarios, 60 millóns de euros de facturación ou 1400 empregos directos. Pola súa banda, como director de Termatalia, Rogelio Martínez salientou que esta feira supón “un punto de encontro da comunidade termal internacional”, coa representación de 25 países e que ofrece unha área expositiva, formación especializada, negocio e capital relacional.

Pola súa banda, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, agradeceu o convite a participar nesta edición de Termatalia, participación que, indicou, forma parte do compromiso da institución académica coa sociedade galega. “Queremos ser un factor de progreso social, de progreso económico, para as dúas provincias nas que estamos instalados”, dixo o responsable institucional. O reitor explicou que formar parte deste evento permite á UVigo amosar as súas “fortalezas” nas temáticas da feira, apuntando neste senso que “estamos moi orgullosos do noso campus de Ourense, que nos coloca nalgúns ámbitos de investigación entre as mellores universidades do mundo”. Así, puxo o aceno no “carácter investigador dunha universidade que compite coas mellores do mundo” e lembrou o proxecto de especialización do campus de Ourense, o Campus Auga, como mostra de que “pensamos que hai moito futuro na auga en Ourense”.  Igualmente, Reigosa subliñou a calidade da formación que se ofrece nas aulas do campus, tanto de grao como de mestrado, “en ámbitos que teñen que ver coas fortalezas que ten esta provincia de Ourense”.

Investigación e docencia

No eido da formación, a programación de Termatalia inclúe unhas Xornadas Técnicas Profesionais que se desenvolverán este xoves pola tarde e venres e nas que o campus de Ourense ten un protagonismo destacado, encargándose da celebración de catro mesas redondas nas que se abordará a auga termal desde distintas perspectivas: turística, patrimonial, científica e xurídica. Cada unha delas estará protagonizada por unha das facultades do campus de Ourense relacionada coa temática protagonista, como son as facultades de Ciencias Empresariais e Turismo; Historia; Ciencias e Dereito. “O Campus Auga aspira a ser un foco de especialización multidisciplinar e referente internacional en coñecemento, investigación e transferencia, fundamentado na nosa riqueza termal, mineromedicinal e fluvial. Estes obxectivos están profundamente relacionados coas actividades desenvolvidas nas Xornadas Técnicas de Termatalia”, explica Elena Rivo, vicerreitora do Campus de Ourense.

A primeira das mesas abordará a xestión da auga desde unha perspectiva turística e de xestión e estará moderada por Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Contará coa participación de Fernando Suárez (Grupo Caldaria); da investigadora Marita Souto; de Antonio Freire (Asociación Iberoamericana de Termalismo y Bienestar); Florana Menéndez (vicepresidenta de FEMTEC-CEOSolyMed) e Teresita Van Strate (TVS Asesorías Técnicas e delegada de Termatalia en Argentina). A segunda das mesas titúlase A auga como recurso xeohistórico e patrimonial e estará moderada por Julio Prada, decano da Facultade de Historia. Contará coa participación da investigadora deste centro Elena de Uña; de Joachim Lieber (experto europeo en Wellness) e Begoña Garrido (Xeitura, Xestión Integral do Patrimonio). A terceira das mesas deste xoves centrarase nas aplicacións das augas termais desde unha perspectiva científica e terá como moderador a Francisco Javier Rodríguez Rajo, decano da Facultade de Ciencias. Nela intervirá o persoal docente e investigador deste centro Inmaculada Franco, María José Pérez e Jose Ángel Cid, tamén este último da empresa Xeoaquis. Por último, o venres terá lugar unha mesa redonda que ofrecerá unha perspectiva xurídica da xestión da auga. Moderada polo catedrático da Facultade de Dereito Roberto Bustillo, contará coa intervención das docentes deste centro Mónica Siota e Laura Movilla, ademais de Iván Quintana (Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) e María del Mar Corral (CSIC).

Xa na parte de expositores de Termatalia, o campus de Ourense está presente cun posto no que as persoas interesadas poden informarse sobre o Mestrado Universitario en Dirección e Planificación do Turismo Interior e de Saúde e actividades relacionadas con el, como o XXII Congreso Internacional de Turismo da Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (Aecit), que se celebrará na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo os días 6, 7 e 8 de outubro e que reunirá a especialistas tanto do eido académico e investigador como profesional e institucións para abordar os retos de futuro do novo turismo, como son a innovación, a dixitalización, a sostibilidade e a competitividade.